Fillo predilecto de Alfoz

 

O Concello de Alfoz nomeu a Pedro Rubal Fillo Predilecto o 28 de maio de 2010. Esta é a sección da acta do pleno onde se reflicte este nomeamento:

5º.- NOMEAMENTO DE FILLO PREDILECTO A D. PEDRO RUBAL PARDEIRO

Dada conta da proposta feita na solicitude do Mundo de Galea que literalmente di:

“Srs. Concelleiros (PP, PSOE, BLOQUE) do Concello de Alfoz.

Estimados Srs.

En pasadas datas a A. C. "Mundo de Galea" presentou unha proposta no Concello solicitando se lle outorgase o título de Fillo Predilecto a D. Pedro Rubal Pardeiro, veciño da parroquia de Mor (Alfoz).

A proposta do "Mundo de Galea" faise, non só polo feito de haber sido Primeiro Presidente desta Asociación (neste intre presidente de honra), senón ó ter en conta a súa labor en pro da docencia, da cultura, poñendo en alza os valores do Concello que o viu nacer, aportando a súa colaboración altruísta co fin de conquerir un desenrolo social axeitado aos tempos actuais, cara a lograr un merecente progreso e benestar á nosa Comunidade.

Observacións realizadas polos moitos veciños e coñecidos que o temos en boa estima, así como colectividades consultadas, vese de bon agrado render publicamente unha ben merecida homenaxe outorgándolle o título de Fillo Predilecto en sinal de agradecemento e testemuña da súa labor e entrega en busca sempre do mellor, cara a enriquecer a calidade de vida dos cidadáns, dende un nobre sentimento a veces non comprendido, pero si plasmado na súa obra, sendo unha honra para Alfoz o poder contar con tan digno persoeiro.

Tal proposta de Mundo de Galea faise desde unha extrema imparcialidade fuxindo de calquera protagonismo co fin de contribuír a unha resolución favorable do Concello (como Ente competente) coa esperanza de que tal acordo conte coa aprobación unánime, única condición que sabemos de certo que D. Pedro Rubal vai poñer á hora de aceptar o nomeamento.

Confiando na boa intención de todos nós para que o homenaxeado disfrute do aprecio e do respecto dos seus amigos e conveciños na plenitude da súa vida; quedamos sumamente agradecidos.

Alfoz, 12 de marzo, 2010

Asdo. Quique Geada(Secretario)
Visto e prace
Juan Puchades (Presidente)”

Considerando a proposta realizada pola Asociación Cultural “O Mundo de Galea” sobre a conveniencia de nomear Fillo Predilecto do Municipio a D. Pedro Rubal Pardeiro polos seus méritos singulares.

Considerando que por Acordo do órgano instrutor solicitáronse diferentes informes nos que quedaron acreditados os merecementos que xustificaron estas honras.

Á vista do informe - proposta emitido polo órgano instrutor do procedemento de nomeamento de Fillo Predilecto, o Pleno por unanimidade dos concelleiros asistentes; e, en virtude dos artigos 50.24, 190 e 191 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, do Regulamento de Organización e Réxime Xurídico das Entidades Locais, e o artigo 4º do Regulamento de Honras e Distincións deste Concello, adopta o seguinte ACORDO:

PRIMEIRO. Nomear a D. Pedro Rubal Pardeiro como Fillo Predilecto do Municipio de Alfoz por a súa labor na docencia, na cultura, poñendo en alza os valores deste Concello e pola súa colaboración altruísta co fin de conquerir un desenrolo social axeitado.

SEGUNDO. Comunicar o nomeamento ao interesado citándolle para que o día 18 de setembro de 2010 acuda á sesión solemne na que se procederá a entregarlle o diploma que acredita o título de Fillo Predilecto do Municipio. Esta sesión de celebrará nun acto público no Salón de Plenos do Concello e coa maior solemnidade posible.

TERCEIRO. Inscribir no Libro Rexistro de Honras e Distincións o título concedido para que quede constancia da súa entrega».

Descargar acta completa (PDF)

Descargar acta orixinal asinada (PDF)

Alfoz