HOMENAXE A PEDRO RUBAL EN ALFOZ
Foi presentado o seu libro FUXINDO DA SAUDADE, inaugurada a reforma da Biblioteca Municipal e presentada a web pedrorubal.org
Lugo, 30 de setembro de 2021. Na Casa da Cultura de Alfoz foille rendida unha homenaxe ao profesor e escritor Pedro Rubal Pardeiro, con motivo dos seus noventa anos, acto no que participaron o Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, o Deputado de Relacións institucionais da Deputación Provincial, Roberto García Pernas; o Decano da Facultade de Filosofía da USC, Marcelino Agís Villaverde, e o Presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.
Presentouse o libro de Rubal FUXINDO DA SAUDADE, que recolle os seus artigos publicados en GaliciaDigital (www.galiciadigital.com) os últimos dez anos, editado co apoio do Concello de Alfoz, do que Rubal é Fillo Predilecto. Así mesmo púxose en funcionamento a web pedrorubal.org, desenvolvida pola empresa lucense Galicia Digital, e que recolle a traxectoria vital do homenaxeado e toda a súa obra de creación. Por último, reinaugurouse a biblioteca pública municipal despois das obras nela realizadas, que se enriquece coa doazón que Pedro Rubal lle fixo da súa biblioteca persoal.
O libro FUXINDO DA SAUDADE é un compendio dos artigos que Pedro Rubal ven publicando en GaliciaDigital con periodicidade semanal, nos que, baseándose en pensamentos ou tendencias filosóficas, analiza acontecementos da vida cotiá para proporcionar unha visión de especialista sobre a actualidade, de interese para especialistas e para todo lector preocupado pola marcha do noso mundo.
A web de homenaxe ao nonaxenario escritor está promovida polo Colectivo Egeria, realizada por GaliciaDigital e patrocinada polo Concello. Recolle na súa integridade os libros publicados por Rubal: DE MAQUIAVELO A WALLRAFF. DOS VÍCTIMAS DE LA HIPOCRESÍA AJENA; EVOLUCIÓN Y COMPLEJIDAD. PERSPECTIVAS CIENTÍFICA Y METACIENTÍFICA e FUXINDO DA SAUDADE, así como os artigos publicados na prensa escrita, revistas especializadas e en GaliciaDigital. Inclúense así mesmo opinións sobre o autor, formuladas por compañeiros, amigos, veciños ou alumnos deste.
Marcelino Agís Villaverde invitou publicamente ao profesor Rubal a acudir á súa Facultade para presentar ao alumnado esta última obra súa, para que os futuros filósofos poidan comprobar a brillantez dos coñecementos, a capacidade de análise e a vitalidade deste veciño de Alfoz, que durante a súa vida foise superando paulatinamente desde os primeiros estudos por libre no rural do norte da provincia, pasando por exercer como Procurador dos tribunais, obter a licenciatura en Filosofía, e conseguir a cátedra nesta especialidade, que desempeñou en varios institutos da Mariña luguesa.
Intervención do alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz
Intervención de Marcelino Agís Villaverde, Catedrático de Filosofía da USC e Decano da Facultade
Intervención do Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas