Alcalde de Alfoz

 

Jorge Val Díaz
Alcalde de Alfoz

Como veciño e amigo de Pedro Rubal, repasando a súa biografía, cada vez que a analizas encontras máis cousas que poder admirar e sentirse orgulloso de ser veciño e amigo de Pedro. Entre moitas vou subliñar unhas que para min son as que máis me apaixonan.

  1. Dende unha familia de poucos recursos puido estudar e formarse, sempre co esforzo e o compromiso a onde quería chegar para corrixir aquela inxustiza que cometeran coa sua familia, nuns tempos difíciles onde os máis pobres eran ignorados polas clases dominantes, naqueles tempos onde só podían chegar ó saber uns poucos.
  2. Como profesional, tanto procurador de tribunais como despois docente, sempre puxo en valor a honradez e a formación constante para así prestar un mellor servizo tanto ós seus veciños como ós seus alumnos.
  3. Como veciño e amigo a súa amabilidade, as tertulias na casa dun dos seus mestres e amigo, o Maestro do Condado, onde repasábamos a actualidade política e económica do concello e do país en xeral, e de onde saían ideas sobre como mellorar a calidade de vida dos nosos veciños... Eran tempos de cambios que tamén aquí debían chegar.
  4. A súa faceta de profesor de Filosofía, que é o arte de ensinar a pensar, soubo achegar ese arte a moitos alumnos, aos que lles foi moi útil . Así puideron escoller moitos valores que nos fan máis libres e felices nas nosas vidas e a unha sociedade moito máis xusta.
  5. Dise que para deixar pegada neste mundo hai que facer tres cousas: ter un fillo, plantar unha árbore e escribir un libro. Creo que Pedro Rubal fixo as tres cousas de sobra. Unha familia marabillosa con fillos/as, netos/as e bisnetos/as, árbores que xa dan froitos e moitos libros e artigos onde inmortaliza o seu pensamento e as formas distintas de ver a vida e o máis aló. Un espello onde poden mirarse moitas xeracións futuras.
  6. Como alcalde e representante dos veciños de Alfoz quero dar as grazas a Pedro e á súa familia polo seu legado de libros á Biblioteca Municipal, para o goce e formación de todos aqueles que o desexen. O legado máis importante é a sua traxectoria profesional e intelectual da que todos os alfocenses nos sentimos cada vez máis orgullosos.

 

Moitas grazas a Pedro e á súa familia!