Pedro Rubal e Carmen, moito máis que dous
Teño enunciado hai tempo unha apócrifa “Parábola das cereixas”, para manifestar satisfacción porque, o mesmo ca as cereixas que cando se tenta coller unha veñen outras con ela, cada un dos nosos amigos vai traendo consigo outros, de maneira que un se enriquece de amizade cada vez máis.
Eu sabía, como é xusto e necesario, da existencia do filósofo Pedro Rubal Pardeiro, de Alfoz, con abundante presencia nos medios informativos, pero non tivera relación con el ata o momento -comezos deste século- en que fun a Alfoz pronunciar o pregón do Mercado Medieval, chamado por o daquela Alcalde, Antonio Gómez Rigueira.
Suso Fernández, Suso do Bahía ou Suso de Foz, tiña o fermoso hábito de agasallar cunha figura de Sargadelos aos amigos que entraban no “seu” territorio, e non podendo estar presente, encargou deste cometido ao agora común amigo Pedro Rubal, e aí comezou a nosa relación, para min tremendamente frutífera, garimosa, e que inclúe ás nosas donas, Carmen e Merce.
Deste entón, centos de chamadas, de correos, de artigos seus publicados en Galicia Digital, de comentarios meus admirado pola fondura do seu pensamento, algunhas visitas, xantares compartidos… e afinidade absoluta entre as dúas familias, entre nós os dous, salvando a pequena distancia da idade e a inmensa diferencia de coñecementos que verte en cada un dos seus comentarios.
Felizmente nonaxenario, lúcido, incisivo, fondo e sen embargo diáfano na súa escrita, Rubal é para min un exemplo vital, persoal, familiar, de superación e agarimo; de intelixencia e humildade; deses sabios que un quere ter de preto para que lle sirvan de faro e de guieiro. E con el, Carmen, sempre, como Deus e o pensamento mandan, para cumprir o que dixo Benedetti e cantou Nacha Guevara:
Si te quiero es porque sos
mi amor, mi cómplice y todo;
y en la calle codo a codo
somos mucho más que dos.
Para nós, Pedro e Carmen, Carmen e Pedro, son moitísimo máis que dous.