Xogo semántico dos conceptos 'ética' e 'moral' (3)
Nietzsche estrutura o contido da súa obra "La genealogía de la moral", editada en Alianza Editorial S.A., en tradución do Dr. Sánchez, en Madrid, en 1.971, distribuíndo o seu contido en tres tratados: No primeiro tratado ocúpase da psicoloxía do cristianismo, da que di que nace do espírito de resentimento, non do "espírito", e considera o tradutor que o esencial ven a ser a gran rebelión que atribúe a aqueles valores que denomina "nobres". Aborda no segundo tratado a psicoloxía da "conciencia", que no é a voz de Deus no home, senón o "instinto da crueldade", considerada como subxacente á cultura. E o terceiro tratado responde á pregunta pola procedencia do "poder" do "ideal ascético", sacerdotal, nocivo por excelencia, decadente, porque non tivo ningún competidor. Seguirei estendéndome nestas tres perspectivas, sempre da man do excelente tradutor, que ten a virtude de traducir e, ao mesmo tempo, ofrecernos os camiños hermenéuticos adecuados. Así pois, espero incidir nese xogo da semántica dos conceptos "ética" e "moral", aínda que a luz necesaria siga regateándose.
Nietzsche afirma que os psicólogos ingleses carecen de "espírito histórico" e defende o significado etimolóxico das palabras: hai que recorrer a súa xenealoxía. Así escribe, por exemplo, que a palabra grega "esthlós" (nobre), significa algo que é, que ten realidade (p. 35, o.c.); pero introduce unha metamorfoses conceptual, mediante a que esta palabra convértese en lema da aristocracia, fronte ao home vulgar, plebeo, que é "malo" (xakós, grego; malus, latín) fronte a (agathós, bo). Cre que nesta dirección debe buscarse a procedencia de "agathós", con moitas interpretacións. Tamén aquí xa asoma a xogo semántico temático. Analiza o vocábulo "malo" (schlecht, alemán), partindo do significado orixinal, "simple", que atribúe ao home vulgar e baixo. En cambio "bo" (gut, alemán), refíreo ao home superior, nobre, poderoso, señor. Pero penso que debemos lembrar que as valoracións brotan do ser do home, onde se sitúa a definición da "ética", que el non menciona; mais tamén a "vida en sociedade", emprazamento da "moral".
Trae Nietzsche a este lugar a orixe da relixión, como invención sacerdotal, a modo dunha especie de terapéutica para aplicar ás molestias psicolóxicas que lles causan a incubación de certo tipo de ideas e sentimentos, converténdoa nunha metafísica hostil aos sentidos, mediante a invención do "outro mundo". Xorde aquí o resentimento que opera un cambio valorativo nos valores, e introduce o concepto de malvado (böse, alemán), pois agora chámase "malvado" ao que antes era "bo", poderoso, violento e cheo de vida; en cambio, cualifícase de "bo" ao malo de antes, baixo, simple, indixente, enfermo
Así que a nova verdade, está na psicoloxía do cristianismo, herdeiro deste cambio de valoración (da "transvaloración" moral), que realizou o pobo xudeu, herdeiro da rebelión dos escravos na moral.
No tratado segundo, aborda Nietzsche o relativo á "culpa", á "mala conciencia" e similares. Comeza considerando o "esquecemento", que non é nada pasivo, senón unha forza activa de saúde. Pero entende que a memoria lógraa o home causándolle dano, xa que as cousas que non se gravan a fogo non permanecen nela, inducindo a un certo sentimento de poder dispoñer do futuro, mediante o que chama "conciencia"; pero quere saber de onde ven a "mala conciencia". Contesta coa xenealoxía, remontándose aos tempos prehistóricos: A mala conciencia ven da "culpa" (Schuld, en alemán), que el desvincula da responsabilidade moral, considerándoa unha "débeda" (Schuld, tamén en alemán), que entraña unha relación entre acredor e debedor; pero cando o acredor é a sociedade e o debedor non cumpre o seus compromisos, aquela golpea cruelmente a este. Así o home está preso da sociedade e descarga os seus instintos cara a dentro, formando a "interiorioridade", que utiliza Nietzsche para argumentar que os deuses deben a súa orixe a este sentimento de culpa (Schuld), por iso a vellas estirpes, sentíndose debedoras dos seus antepasados, para pagar a débeda ofrecíanlles sacrificios, pero eran tanto máis poderosos canto máis grande era a débeda, e, se era impagable, a escala chegaba aos deuses, incluso a un único Deus omnipotente. Polo tanto, o ateísmo consistía en non ter débedas ("Unschuld", alemán), é dicir, a volta a unha existencia "preteolóxica". Parece, pois, que estamos en presenza dunha ética xerada na moral, que, aínda que se nos presenta desvincula, marca os comportamentos no seo da sociedade, para salvar a saúde e fotaleza individual; pero isto segue na escuridade.
No terceiro tratado, formúlase a pregunta acerca dos significados dos ideais "ascéticos", e considéranse as opinións dos artistas carentes de valor, porque só foron sempre colaboradores de cámara dunha moral, dunha filosofía ou dunha relixión, gabándose, unhas veces, a sensualidade, e outras, a castidade, o que evidencia a súa veleidade. Os mesmos filósofos sentíronse atraídos polo ideal ascético, posto que nel encontran certas pontes cara a "independencia"e a pobreza, a humildade e a castidade, que son os tres votos sacerdotais, e "son máis propicios ao filósofo que a fama, os príncipes e as mulleres", das que se afastan. Ademais o ideal ascético axudou a filosofía a dar os primeiros pasos na terra, pp.13-14, o.c. Pero, para vencer isto, imponse a crueldade consigo mesmo, e logo cos demais. Así "os sacerdotes chaman verdadeiro a un mundo inexistente, negando realidade a este mundo existente". "Existe un reino da verdade e do ser, pero xusto a razón está excluída del
!. É que na Terra, ven a dicirnos Nietzsche, semellou non existir máis que un solo ideal, pero agora hai un novo: O SUPERHOME.
Esta obra, como todas as de Nietzsche, están cheas de alusións, que, como di o tradutor, non é nada fácil encontrar as súas fontes, e as tácitas quedan encomendadas a atención do lector. E en canto a os tres tratados, deben considerarse interpretacións do autor relacionado co seu pasado filolóxico, que el transporta á filosofía, explicando a súa hermenéutica. Penso, pois, que neste contexto, a "transvaloración", como tradución do alemán UMWERTUNG, parece que quere insinuar, polo menos, algo da "ética" e "moral", polo impacto do "cambio" dos valores nos mesmos, ben sexa no que atinxe a saúde corporal do individuo ou, metaforicamente, a da sociedade, respectivamente. Posto que o tradutor rexeita outros termos como "Inversión", "subversión", "derrubamento", que suxiren unha certa anarquía, que, segundo a súa opinión, nada máis lonxe de Nietzsche, que só tratou de "cambiar" ou "substituír" uns valores por outros, que non son máis que os inventados dos resentidos polos dimanantes do "superhome". Neste caso, non obstante, queda moito que lidar acerca da universalidade da ética.
Tampouco está de máis recordar que Nietzsche, con Marx e Freud, pertence a "escola da sospeita". (Freud ten unha obra relativa á interpretación dos sonos, en alemán, "Traumdeutung). Cada un deles realiza as súas obras con perspectiva persoal, e Nietzsche faino en relación á "transvaloración", así que o seu método de sospeita debería ser a "Xenealoxía da moral", na que se opón ao carácter absoluto e utilitario dos valores. Pero iso que atinxe a saúde corporal (ética) e social (moral) queda en alusión tácita, o que contribúe ao barullo na súa diferenciación deses conceptos.