Xogo semántico dos conceptos 'ética' e 'moral' (2)
Este xogo semántico presenta unha especial sutileza nas exposicións casuísticas, evidenciando a necesidade de estudar os posibles eventos con coidado e coa profundidade que permita diferenciar os comportamentos éticos e morais. A modo de exemplo, ofrezo aos lectores un modestísimo comentario da XENEROSIDADE e da CHANTAXE, conceptos estes que poden ver tratados polo catedrático Gustavo Bueno nas páxina 63-64 da súa obra citada.
Adquiriron tal frecuencia os barullos políticos, en prexuízo da coherencia e do respecto estrutural das máis elementais disertacións lóxicas, que talvez non estea de máis ofrecerlles aquí un exemplo da complexidade a que soen someter a posibilidade dunha san orientación crítica cidadán. Comecemos pola denominada XENEROSIDADE, que, desligada da fortaleza, deixa de ser ética, xa que, como indica Bueno, aínda que pode ser transcendental moralmente, eticamente pode levar á perversidade, xustamente neste ámbito dialéctico da relación das virtudes éticas e morais.
En efecto, é que a "xenerosidade" pode recorrer o camiño desde unha extrema prodigalidade a un mero regalar capcioso, precisamente cando nun deber recíproco entre a persoa doante e a que recibe o don existe, implicitamente, o hábito social de corresponderse mutuamente, incluso mellorando o don na resposta adecuada. Pero neste caso, polo deber moral desa reciprocidade, nada exclúe que se desencadee eticamente un certo comportamento falso, arrastrando ao máis débil a endebedarse, que ven pode ser o obxectivo secreto do doante, con perversas intencións, que non son outras que levalo a contraer unha "débeda social", que resulte eticamente perniciosa. Aquí non parece difícil comprender como un comportamento incorrecto no campo da moralidade vese correspondido por outro correlativo no ético: Con regalos poden crearse escravos, humillar e abafar a un rival.
Hai outro termo que tamén se podería considerar como "a moda" deste noso tempo. A CHANTAXE. Pero aquí leamos, en tradución ao galego, a G. Bueno: "Soe entenderse por chantaxe unha clase de proposta, por parte do chantaxista (que posúe certos datos secretos do chantaxeado: fotografías, recibos, documentos), de destruír, anular ou entregar as probas comprometedoras a cambio de diñeiro, bens ou servizos". Así pois, o esencial da chantaxe está na ameaza de revelar secretos de alguén a cambio dos bens ou os seus servizos. É dicir, estamos en presenza dunha extorsión, aínda que toda extorsión non sexa chantaxe, como pode ser o caso dun secuestro.
Tamén aquí debemos entregarnos a reflexión. Esíxenos valorar unha necesaria obediencia ás condicións que impón o/a chantaxista, e esta obediencia ten carácter ético, pola mesma implicación da saúde do/a chantaxeado/a, que, considerado/a como vítima, pode ocorrer que sexa, ao mesmo tempo, un obstáculo para aplicarse a propia defensa individual ética e, incluso, tratarse dunha contratación sinalagmática, posto que, neste caso, a chantaxe sería mutua e afastaría os feitos do campo xurídico, pero non do ético e moral.
Ademais, os mesmos "Dereitos humanos", que xeralmente poden verse como garantía das NORMAS ÉTICAS, en tanto en canto distintos dereitos dos pobos, tampouco están libres dun discutible fundamento; pero creo que aquí debo concederlle a palabra a G. Bueno (pp. 63-64, o.c.), quen en tradución ao galego, dinos que considera "excesivo supoñer que as normas éticas se deriven da mesma condición específica da *especie humana*, por canto sabemos que os límites desta especie (tanto filoxenéticos como ontoxenéticos) non están dados de antemán, senón que van establecéndose, consolidándose e ampliándose dialéctica e historicamente ao través, en parte, das normas morais en tanto normas conxugadas coas normas éticas. En efecto, as normas éticas só poden abrirse camiño no seo das normas morais: o individuo só se conforma como tal no seo da familia, do clan, da nación, etc."
Con toda a modestia que me queiran conceder os lectores, paréceme discutible este razoamento de G. Bueno, así que permítanme dubidar que as normas éticas, e neste caso a mesma moralidade, non teña un fundamento na "especie humana", porque hai que ter presente a constitución do home como unha realidade aberta, que lle facilita a posibilidade de perfeccionarse, con incoación na mesma estrutura da súa realidade, abrindo espazos as vicisitudes históricas de tal modo que se vai "ex-plicitando" a idea da perfección humana, en concordancia coa xestación institucional das normas morais, que abren e cerran horizontes a súa mesma realización persoal, circunstancial e máis ou menos arbitrariamente, pero sen enervar os impulsos constitutivos.
Non obstante esa relación entre ambas normas, a xenerosidade ética non conta na vida moral, porque os actos non poden interpretarse como xenerosos neste ámbito, no que son esencialmente ideolóxicos o retóricos. Exemplo: As axudas entre países veciños son actos de cálculo político encamiñados a fortalecer a propia cohesión, sen que isto se entenda como un relativismo moral, xa que cada pobo ten as súas normas; pero consideremos que se trata de diversos sistemas morais de diferentes sociedades, illadas en perspectiva "distributiva", que só cambian a "atributiva", vistas en contacto ou confrontación. Así o argumenta o catedrático Bueno. En realidade existen dous modos diferentes de entender o fundamento das normas morais, nos que non entro directamente: O absolutismo e o relativismo, que Nietzsche, na súa obra titulada "La genealogía de la moral", non acepta, como tamén así o opina o tradutor D. Andrés Sánchez Pascual, profesor de Ética na Universidade de Barcelona, do que tomarei algunha indicación que lles ofrecerei oportunamente no seguinte apartado.