Xogo semántico dos conceptos 'ética' e 'moral' (1)
Un concepto verdadeiro sería aquel que xa non fora posible seguir explicándose, porque toda explicación mantén abertos os diversos espazos semánticos, como non ocorre cos termos "ética" e "moral". "Ética" deriva do grego ethos, con "epsilón", e significado de "costume"; pero tamén con "eta", co significado de "maneira de ser", con referencia ao comportamento do individuo, implicado no seu propio carácter. E polo que atinxe a "moral", a súa etimoloxía deriva do latín "mos", "moris", "costume", que regula o comportamento entre os individuos humanos, en tanto que membros dun grupo social.
Tamén se entende a ética como o estudo da moral, esa teoría racional de cómo actuar en sociedade, xustamente por isto ven a ser un conxunto de normas e valores cos que persoas e grupos identifican un proxecto de felicidade. Neste caso, a reflexión ética oriéntase cara a identificación dos valores e normas que emerxen na convivencia entre persoas e grupos con diferentes morais. Pero todo o que deixo dito son unhas liñas introdutorias, porque o xogo semántico destes dous conceptos que se expresan mediante estes dous termos teñen moita tela que cortar, e sobre todo na súa correspondente praxes.
Hai que partir de que todas as cousas que están no mundo teñen o seu SER; pero eu quixera que este "ser" fora entendido como un "estar presente" no mundo, estar en "actualidade", de matiz zubiriano. Este "ser", no caso do ser humano, trátase dun DEBER-SER-ESTAR, precisamente porque a súa praxe regúlana unhas "normas", que lle permiten enfrontarse coas "rutinas", polas que actúan os animais, seguindo unha serie de rituais zoolóxicos, como as leis naturais, que imperan nas ciencias físicas, biolóxicas, químicas, etc., que nos orientan no coñecemento da correlativa organización dos fenómenos mecánicos, químicos, biolóxicos, etc., é dicir, dos fenómenos cósmicos, en xeral.
En canto a nosoutros, os seres humanos, axustámonos a dous tipos de normas ou leis xerais: "distributivo" e "atributivo". No ámbito do distributivo, impera o "deberserestar" xeral na vida ética, que vai encamiñado ao individuo; e no do atributivo, afecta aos seres humanos como partes das sociedades correspondentes, dentro dos diferentes grupos formados nelas como integrantes dos mesmos e suxeitos na moralidade correspondente. Polo tanto, aínda que adoitamos pensar que os termos "ética" e "moral" son sinónimos, non o son, como iremos vendo, pese a que algúns estudosos designan co termo ética o tratado da moralidade.
Talvez sexa máis sinxelo facer referencia aos "deberes éticos" e aos "morais"; pero, nesta colaboración, pretendo que os lectores comprendan a extrema complicación da significación destes termos, así como as consecuencias derivadas da mesma. Os "deberes éticos" corresponden aos "distributivos", que, como quedou explicado máis arriba, atinxen a preservación dos individuos corpóreos en canto tales; e os "deberes morais" teñen que ver coa existencia deses mesmos individuos, pero só en tanto en canto son partes constitutivas de totalidades sociais "atributivas".
As normas éticas apreixan moito máis que as morais, xa que o seu horizonte é a HUMANIDADE, saltándose as nacións, os Estados, os partidos políticos, etc., debido a ter por obxecto a universalidade do individuo no campo antropolóxico. En cambio, as normas morais actúan en varias esferas e o seu principio fundamental é a XUSTIZA, entendida como a aplicación coidadosa das normas que regulan as relacións dos individuos ou grupos de individuos en canto partes do todo social. Así se deduce que a aplicación da xustiza en sentido moral PODE CONSIDERAR, DESDE A PERSPECTIVA DOUTRAS MORAIS, SITUACIÓNS INXUSTAS.
Pero neste empeño, certamente teimoso, de diferenciar o "ético" do "moral", aínda nos queda unha alusión aos VALORES, sobre todo aos que atinxen a saúde corporal do individuo, en si mesmo considerado, e, metaforicamente, a do corpo social. Os primeiros corresponden á ética, e os segundos, á moral. Pero aquí percíbese unha certa complementariedade entre ética e moral, a que Gustavo Bueno, na súa obra "El sentido y la vida" (Pentalfa, Oviedo, 1.996), dedica especial interese, e explica isto mediante a utilización do termo BIOCENOSIS (do grego, "bios", vida, e "koinós", común), é dicir, que designa un conxunto de organismos de especies diversas, vexetais e animais, que viven e se reproducen nun determinado BIOTOPO ("topos", lugar, en grego), un territorio no que conviven varios seres vivos.
Esta "biocenosis" non é un organismo, por iso a súa saúde (moral) implica a saúde (ética) das individualidades orgánicas integrantes. Pero si nos situamos nesta perspectiva as consecuencias da lóxica aplicada a esta situación resultan sorprendentes, xa que, ás veces, determina, con carácter de necesidade, a exclusión dalgúns membros que se consideran prexudiciais á saúde moral. E a este respecto, dinos Bueno que "a calidade de vida dunha cidade capitalista do Hemisferio Norte esixe a limitación drástica da cantidade humana, o control da natalidade e incluso a "euxenesia"e a eutanasia". Así resulta que a calidade de vida do grupo (aplicando a moral) necesita desfacerse das vidas deterioradas, dificultando así a aplicación ética; pero este enfoque comporta establecer unhas relacións entre a ética e a moral ao través da saúde individual (médica) e social (política). De paso, poderíamos reflexionar ata que punto está levándose a cabo esta análise nos conflitos bélicos en Oriente Medio.
Por conseguinte, non sobra dicir algo acerca da FORZA DE OBRIGAR de ambas normas, éticas e morais, para non confundila coas potencialidades bélicas, posto que a forza de obrigar das normas éticas procede das morais, xa que o individuo humano está inserido nun grupo social e político. E a forza das normas morais procede do control do grupo social, exercitado sobre os grupos que o integran, mediante un sistema de leis que se aplican con fins deontolóxicos. E as leis, as normas xurídicas, teñen a natureza coactiva do Estado, e poden sistematizar, coordinar e racionalizar os conflitos entre normas éticas e morais e os conflitos entre diversas normas morais que presiden os distintos grupos que coexisten nun mesmo Estado.
Hai que pensar, consecuentemente, que, cando un político emprega o termo "ética" como recurso para fortalecer a democracia, confunde, obcecado pola súa confesionalidade ideolóxica, o contido das normas coa súa forza de obrigar, co seu impulso, que debe canalizarse mediante a aprendizaxe, que se leva a cabo nos grupos primarios; pero tamén se cae nesta confusión cando se fala de "adoutrinamento ético", porque politicamente o que adoita entenderse ven a ser un "moldear moral" moi afastado dunha "educación ética" dos cidadáns, incluso, ás veces, reforzado coa cominación legal a comportarse eticamente. Gustavo Bueno escribe a este respecto que as normas éticas son as que se refiren a "preservación no ser" do propio, como o dos demais, e que unha cousa é que sen ética non se poda falar de moral, e outra presentar como normas éticas as que son morais ou políticas.