Unha perspectiva crítica co reducionismo
Permítanme comezar por unha cita, traducida ao galego, de Zubiri, na páxina 54 da súa obra "Sobre el Hombre", Alianza Editorial, 1.962. Escribe: "Chamo, pois, MATERIA VIVA non a materia constitutiva dos organismos, senón a unha estrutura material que é por si mesma viva; se se quere, materia vivente. É unha materia que non ten a estrutura dun organismo, pero que ten a estrutura de replicación, independencia e control respecto do medio. Tal é o caso dos ácidos nucleicos, do DNA, do RNA e as súas diversas formas (mensaxeiros, etc.)", e tamén nos pon o exemplo dos virus.
Así os viventes poden ser algo material, aínda que innovación respecto á física e á química. Escrebe Zubiri que no século XVII, tanto a ciencia como a filosofía rebaixaron a materia ata identificala co sistema físico - químico en tanto que non - vivo, sen pararse a considerar que a materia ten moitas características estruturais distintas das que se formulan nas leis da física e da química. Trátase das SISTEMÁTICAS, que determinan distintos tipos de materia, que non se explican REDUCÍNDOOS aos tipificados no ámbito da física e da química. Isto paréceme importante para profundar no reducionismo e nas súas consecuencias.
Creo que estas ideas apoian a apertura dunha crítica á explicación da realidade (entendida QUA realidade, non tipificada como TAL realidade), reducindo a súa explicación a algún dos elementos constitutivos da estrutura sistemática que articula unha "realidade tal", como as que estuda a mesma ciencia, é dicir, caendo nun rexeitable REDUCIONISMO, inadecuado, que, afortunadamente, na actualidade, parece que algúns prestixiosos intelectuais, máis ou menos explicitamente, aplican a atención a algo que me gustaría ofrecerlles nesta colaboración.
Certamente, nas formulacións desta temática polos diferentes tratadistas encontraremos algunhas diferenzas, máis ou menos, que os impulsa a expoñer a súas ideas no marco dunha perspectiva crítica resaltando as consecuencias, non sempre advertidas, da perversa causalidade do REDUCIONISMO EPISTEMOLÓXICO. Só citarei uns casos relativamente recentes.
Na páxina 24, o PROGRESO correspondente ao 14 - 7 - 24, publica un artigo, titulado "Edgar Morin cumple 103 anos", da autoría de D. Pedro Feal, moi interesante, como todos os deste descendente da familia que obsequiou á A Coruña co Quiosco dos Cantós, que eu admirei de mozo, e, agora de vello, recreo as miñas lembranzas nas visitas a Sada, na nova localización. Pero volvamos á liña desta modesta colaboración. No artigo, D. Pedro dinos que o filósofo francés na súa obra "Tierra - patria", aborda a teoría do pensamento complexo, que estende a múltiples campos, desde a antropoloxía ata a política e a ecoloxía, e resúmenos a idea xeral desta teoría nos seguintes termos, traducidos ao galego: "a realidade constitúe un conxunto orgánico de elementos diversos, incluso opostos, que configuran un todo dinámico e plural que "se autorregula" e, por así dicilo, "se autotranscende" incesantemente." E, como nos aclara D. Pedro, non hai que entender a "complexidade" en Morín como dificultade, senón como "globalidade" e integración de factores dispares; pero non independentes no seu entorno, e, consecuentemente, "a humanidade debe encontrarse coa natureza nun renovado equilibrio ecolóxico".
Na Revista de "Estudios Filosóficos", nº 212, correspondente a 2.024, hai un artigo titulado "Gaia como base racional, estética y moral del ser humano", da autoría de D. Carlos Castro, do Departamento de Física aplicada, da Universidade de Valladolid. Aquí enténdese por "Gaia" un "superorganismo" que abarca a biosfera enteira. Outros autores defínena neste contexto temático como un "selector das especies e culturas", tal é o caso de L. Margulis y D. Sagan, na obra "A Theory of the Origin of Species", Nova York, 2.003. Neste artigo arguméntase que o razoamento científico rompe as cosmovisións tradicionais e o rexeitamento de que a biosfera sexa un ser único. Di o autor que por mitos entende os relatos, historias e formas de entender o mundo, as cosmovisións que apoian as crenzas centrais dunha comunidade ou sociedade; responden a preguntas existenciais e apelan a aspectos máis aló dos racionais (estética/emoción, ética/moral). Cita como mito "o progreso", destacando o tecnolóxico, "o antropocentrismo individualista" e a idea da "artificiosa separación do Homo sapiens de Gaia".
Este físico sostén a teses de que para percibir a Gaia non se necesita utilizar o paradigma mecanicista científico, e na páx. 51, na Revista citada, escrebe que a biosfera é un ser vivo único, e os organismos que a integran son como células dela. Imaxínome, pois, que estamos en presenza dunha realidade articulada mediante unha estrutura sistemática, cuxos elementos constitutivos perden a independencia individual na súa vinculación sistemática, na que contribúen a xerar propiedades que exceden a suma das propias na realidade que integran. Así o antropocentrismo leva, como apunta D. Carlos, a un "ecocidio" e, incluso, a un "gaiocidio", polo empeño irreflexivo de aplicar o MECANICISMO REDUCIONISTA, "sinérxico cos propios fundamentos mitolóxicos da nosa civilización occidental", e fai referencia ao mito do progreso (principalmente tecnolóxico), ao antropocentrismo individualista e a idea da artificiosa separación do "Homo sapiens" da Gaia con vontade de dominio, como deixo indicado máis arriba.
Advirte tamén de que a "resiliencia" de Gaia (a capacidade de adaptación, en canto ser vivo) é enorme, pero non é inmortal. E, por suposto, se extinguimos o actual modo da realidade que integramos, a nosa extinción é consecutiva. Pero hai marcos de estimulación precedentes. Xunto ás cosmovisións veñen as ideoloxías políticas, económicas (lembremos a postura de Trump en París) e culturais, e as correspondentes estruturas: certas institucións relixiosas, sistemas lexislativos, configuracións de Estado - nación, capitalismo, etc. E insiste en que temos unha civilización transgresora, coa que colaboramos seguindo actitudes de HOMO NARCISUS, cando o correcto sería cambiar a perspectiva transgresora pola integradora, reconsiderando algúns elementos da mesma, xeradores das apuntadas perversidades.
Destacou, tamén, nesta perspectiva crítica ao reducionismo científico, o famoso filósofo noruegués, Arne Naess, que tratou a fondo os problemas ecolóxicos, na convicción de que as persoas humanas estamos desvinculadas do medio no que vivimos, con un certo arraigo que evidenciamos cando afirmamos que cadaquén é dono do seu destino, como se todo existira para responder as necesidades humanas. E isto lévanos a pensar no mito da transmisión do fogo ao home, roubado aos deuses por "Prometeo", e o simbolismo de "Orfeo", sempre acompañado da lira, adaíl da arte, aplicándose a aplacar, incluso, musicalmente, a brutalidade contra a natureza.
Non en balde, pois, Prigogine, Stengers, Morin e o mesmo Arne Naess apelaron aos valores estéticos nas súas exposicións filosóficas relativas ao ambiente, argumentando que a beleza da natureza non só se caracteriza pola orde, senón tamén polo caos e o imprevisible. O caos, dinamicamente, xera orde a partir do punto crítico, entrando na orientación dun "atractor". Parece que a beleza está repleta de estruturas disipadoras, das que nosoutros mesmos formamos parte como seres vivos; pero nos valores estéticos encontrámonos cun vínculo esencial entre un suxeito humano, que da valor, e a natureza, obxecto de valoración. Sen dúbida, nesta perspectiva tamén o reducionismo saca baza nos seus xogos ecolóxicos, xa que os seres humanos temos moitos maneiras de burlar a nosa condición de elemento constitutivo da "natureza", e utilizo este termo para reducir a ambigüidade dos utilizados polos mesmos estudosos da temática (realidade QUA realidade, Gaia, biosfera, beleza, etc. ).
Con todo o que se deixa aquí exposto, creo que pode entenderse que Gadamer afirmara que a comprensión non pertence só ao científico, senón a experiencia humana do mundo, que é unha maneira, no seo doutras temáticas, de rexeitar o reducionismo científico, e sobre todo resaltando a solidariedade como unha forma desa experiencia. Así consta na Primeira Parte dunha colaboración anterior neste medio, no que tamén fago algunha alusión a Chomsky, na Segunda Parte, no relativo a necesaria responsabilidade dos intelectuais, dos que di este filósofo norteamericano que están ao servizo do poder. E fai alusión así mesmo as limitacións das ciencias "pola complexidade dalgunhas cousas", engadindo que nada aportan sobre os asuntos humanos, aínda que esta afirmación habería que matizala. Pero incluso lle pon reparos as conclusións derivadas das investigacións racionais, dubidando de que das premisas nos razoamentos se deduzan certas conclusións, mostrando reparo aos controles do poder político e económico. Chega incluso a ousar dicir que nas ciencias hai algo malo.
Esta durísima postura de Chomsky leva a pensar ata que punto as ciencias removen os fundamentos éticos. É que, incluso, en referencia ás artesanías e tecnoloxías di que deberían ser abolidas, porque se utilizan como ferramentas de destrución e opresión. Todo isto lévoo a vincular o progreso científico e tecnolóxico a consignas de matiz socialista e capitalista, o que debe ser abandonado para evitar erros e perturbacións.
Para ofrecerlles criterios que lles permita acadar unha opinión adecuada nesta complicada temática, talvez sexa aconsellable ler a seguinte obra de Karl Popper: "El mito del marco común". (En defensa de la ciencia y la racionalidad). Edicións Paidós Ibérica, S. A., Barcelona, 1.997. Nunha nota, o autor apúntanos que nas ciencias púxose de moda apelar ao coñecemento especializado e á autoridade dos expertos, así como en filosofía, denigrar a ciencia e a racionalidade. Moi a miúdo esta denigración da ciencia e da racionalidade provén dunha TEORÍA errónea da mesma ciencia e da mesma racionalidade. Se os anos, a saúde e as circunstancias mo permiten, indicareilles con maior extensión, máis adiante, algunha idea interesante desta obra. En todo caso, sen ocultar as miñas limitacións, creo que hai que orientar a comprensión evitando que o "reducionismo científico" substitúa outras vías de acceso a realidade.