Un repasiño á dignidade humana
O termo "dignidade" aplicado a persoa humana, ao través da historia, é obxecto de varios significados. Nuns artigos un pouco afastados no tempo, xa escribín neste medio algo respecto a ela. Polo tanto, non serán nada raras as repeticións; pero agora, que me permitín, auxiliado por certos estudos, abordar algunhas temáticas antropolóxicas, pareceume oportuno volver a incidir sobre isto, coa esperanza de que podan aparecer aquí algunhas ideas non apuntadas en anteriores colaboracións.
Soe sosterse que o termo "dignidade" procede da raíz sánscrita DEC, como así tamén DEC-encia. Parece que en latín uniuse DEC con NUS, dando "decnus", e existe unha a-DEC-uación entre o suxeito e o atributo: "o que convén a un, parece que é o digno e xusto para el" (Abelardo Lobato, en "Dignidad y aventura humana", San Esteban, Edibesa, Salamanca, 1.997). Pero co tempo estes significados cambiaron e pasaron a significar unha certa "excelencia", "superioridade", "nobreza", que arrastraron á "dignidade" ao "rango" dos oficios, nas mesmas familias. E todo isto deu consistencia ao termo; pero así a dignidade na teñen todas as persoas, o que evidencia que esa clase de dignidade no é a que procede abordar aquí, pola falta da correspondencia na atribución a toda persoa humana.
Para comprender os reparos que se lle pon a como consideran a "dignidade" da persoa humana, na actualidade, certos estudosos de indubidable altura intelectual, creo que convén empezar por explicar como entenden a NATURALIZACIÓN DO SER HUMANO. Refiren o estudo ao seu organismo, considerando á PERSOA como algo, aplicando o reducionismo científico, e sen conceder importancia á dificultade de naturalizar outros aspectos da mesma, como a "autoconciencia", a intelixencia, a súa interioridade, a súa dimensión ética, etc. Pero é que, ademais, vinculada a persoa a esta naturalización, a DIGNIDADE non se ve libre desta matización semántica, á que queda conceptualmente comprometida a súa definición.
Ademais, se se considera o cerebro como unha certa rede autónoma, dificúltase utilizar e explicar certas intuicións emerxentes nas nosas mentes, obviando achegas valiosas ao xuízo para formular esa definición. E isto necesariamente lévanos a preguntar se a persoa ven a ser só unha construción cerebral xurdida da adaptación que nos impón a naturalización vía orgánica, ou hai implicados outros elementos integrantes. No primeiro suposto, a persoa non está no mundo, senón na nosa mente, e isto ten repercusión na concepción da dignidade, xa que non é o mesmo ser atributo dunha realidade persoal que dunha emerxencia cerebral.
Velaquí a razón pola que nos ocupou a preocupación de definir a persoa zubirianamente, é dicir, como unha realidade "sustantiva", que, sen desbotar a súa natureza orgánica biolóxica, non cae nesta naturalización, xa que está a realidade persoal por encima dela, debido ao seu carácter aberto, e porque a mesma adaptación do ser humano non está determinado polo natural, senón pola intelixencia con capacidade de abrirse a novas posibilidades na vida, pola súa condición de "hiper-formalizada", concepto este que Zubiri nos explica nestes termos, traducidos ao galego: "A organización funcional do home é tal que o elenco de posibilidades de resposta adecuada a (unha) excitación, non queda sempre asegurado pola organización instintiva; é inmensamente máis rica e FAISE CARGO DA REALIDADE, e por isto di o metafísico español que é un animal "hiper-formalizado", un animal de realidades; os outros animais son de respostas estimulares.
Pois ben. Os naturalistas dinos que a dignidade non é aceptable como xenérica, porque esta non pertence a natureza. Pero, por outra parte, hai estudos nos que se afirma que a noción de dignidade nace coa Ilustración en Alemaña, e enténdese como algo de carácter moral e interno. Apóianse na obra "Fundamento da metafísica das costumes", de Kant, na que se caracteriza o valor interno da persoa humana, a súa autonomía moral, e un valor "incondicionado". Esta incondicionalidade fundamenta a humanidade e a moralidade, posto que o ser humano necesita o "incondicionado", pola súa "transcendentalidade", para o despegue da razón práctica. Engade aquí Conill que o concepto de dignidade ha de partir dunha HERMENÉUTICA CRÍTICA, na que se articulen o aspecto da experiencia que hai nese concepto, integrado de contidos humanistas, relixiosos, ilustrados, emancipadores e científicos; todo de modo transcendental.
Por outra parte, aínda que pareza anecdótico, talvez conveña recordar que na idade media os nobres que ían en cabalo visitar o rei, eran considerados CABALEIROS, unha especie de dignidade; pero Abelardo Lobato escribe que "o concepto de dignidade xira en torno a estes tres significados: o do debido a unha persoa ou cousa, o da excelencia nunha sociedade organizada e o do poder ou autoridade, e por todo ilo o de estima e aprecio", p.59, o.c arriba. Non falta tampouco quen pense que para a dignidade non hai outro fundamento que o social e histórico; pero a dignidade non pode ser exclusiva dalgúns/algunhas, os de"sangue azul". É signo de algo máis interior, das calidades excelentes. Hai, polo tanto, que descubrir a dignidade humana no seu grupo, que expresaba nestes termos Machado: "Por mucho que valga un hombre, nunca tendrá un valor más alto que el de ser hombre" (Juan de Mairena, XLVIII; cita de Lobato). (Quero entender que aquí Machado, no sintagma "ser hombre" non cae nunha actitude antropocéntrica, porque a dignidade tamén corresponde a muller).
Toda o recorrido histórico da semántica da dignidade reclama un serio e documentado análises metafísico, porque, incluso as refutacións que xorden, non poden canalizarse se non se fai metafisicamente, e, como apuntei, con metodoloxía hermenéutica, xa que é connatural á intelixencia humana. Na actualidade (zubirianamente entendida), é dicir, nese "estar no mundo" da mesma realidade persoal, intégranse os contrarios, respectando as diferenzas, sen romper a estrutura
sistemática fisio-psicolóxica.
Aquí está o fundamento da dignidade, evidenciándose no proceso hermenéutico a súa condición xenérica. Este animal de realidades, corporalmente psíquico, ou psiquicamente corporal, vai acusando a unificación integradora da súa realidade persoal socialmente: Pola corporalidade, revélase no cosmos; psíquico-espiritualmente, ábrese á transcendencia e á creatividade, e desde a súa personalidade, socialmente, percibe a excelencia do humano e o seu valor como fin.