Un pouco máis sobre o CET
Nun artigo anterior, fixen unha breve alusión ao "coñecemento ecolóxico tradicional" (CET). Neste pretendo ampliarlles un pouco a información. E comezo cunha cita de F. Berkes na que o define como "un corpo acumulativo de coñecementos, prácticas e crenzas que evolucionan a través de procesos de adaptación transmitidos mediante formas culturais dunha xeración a outra; corpo acumulativo que se refire ás relacións entre seres vivos co seu medio ambiente". Este coñecemento comporta unhas cosmovisións integradoras do físico e do espiritual.
É tal a importancia do CET que os mesmos científicos da nosa actualidade valórano con vistas, principalmente, a inspirarse para traballar na investigación de fórmulas que garantan a "biodiversidade" e incluso incorporan teorías relacionadas cos cambios ambientais, aportando ideas para a conservación da auga e do solo. E como é lóxico, tamén ten achegas sobre remedios para combater as pestes, adecuación de sementes, menciñas, etc.
Chama a atención así mesmo que tiveran un razoable modo de controlar os incendios. Esa práctica que se realiza na actualidade plantando lume a zonas controladas para evitar o avance do lume a outras de extrema dificultade para controlalo, ten os seus antecedentes nas famosas queimas cíclicas, levadas a cabo en determinadas estacións do ano, aínda que estas non tiñan por obxecto impedir a extensión do fogo, senón facilitar a preparación dos terreos para sementar especies vexetais que consideraban adecuadas ao lugar e á época, mantendo o equilibrio entre bosques e sabanas.
Tamén esperta o interese por este coñecemento ecolóxico popular aos estudosos desta temática o feito de que os indíxenas sexan capaces de facer observacións tan precisas, fundadas nese coñecemento ecolóxico tradicional, nos cambios que se soen producir nos seus ecosistemas. E parece que, na actualidade, se teñen moi en conta eses coñecementos a hora de facer precisións das chuvias, dos ventos, das tormentas, etc., considerándoos incluso fiables para empregar en estratexias de previsión nos cambios climáticos, non só polo que respecta aos cultivos, senón tamén para obter maior rendemento nas colleitas, aínda que isto xera conflitos, porque non todos os indíxenas soportan pacificamente non recibir ningunha compensación por facilitar eses coñecementos, que seguramente, nalgúns casos, téñenos ben reservados. Ademais, por outra parte, ese CET vai a menos, porque algúns indíxenas incorpóranse as dinámicas da actualidade, como, por exemplo, á economía de mercado, e ás prácticas de globalización, e así, certamente, todo isto desencadea movementos campesiños, sobre todo no Sur de América, contra o neoliberalismo, que soe ser pouco respectuoso co modus vivendi indíxena.
A todo isto hai que engadir que a lóxica do mercado pretende obter rapidamente beneficios, e para iso son necesarios adecuados recursos dos que se apropia non sempre correctamente, e que, ademais, non se soen repoñer os danos e cambios que se introducen nos ecosistemas tradicionais, e os mesmos gobernos, que lexislan con criterios de uniformidade sobre os ámbitos locais, incrementan o descontento dos campesiños, todo o que introduce movementos e conflitos polas inxustizas das que soen ser vítimas; pero aínda queda algo moi importante sobre isto: O ataque ás cosmovisións sobre o territorio, posto que os indíxenas teñen unha visión integrista deste, incardinando a vida na diversidade natural e espiritual do mesmo, considerándoo como o espazo no que se vive, o que propicia unha concepción popular do territorio de matiz integrista, tamén no que concirne á historia, ao mítico e o mesmo coñecemento da natureza, que comporta un vivo sentimento de exclusión mantido enerxicamente contra as condutas de explotación.
A explotación territorial e a presión económica inherente leva ás prácticas e cultivos non adaptados ao entorno local, que, a súa vez, arrastra serios prexuízos ecolóxicos, agravándose o problema co acceso ás novas terras e a súa extensión, en detrimento, sen dúbida, da función ecolóxica dos espazos virxes, premendo e neutralizando os ecosistemas tradicionais. Velaquí o xurdimento das causas que motivan esas loitas dos movementos sociais en pro dos espazos de vida, con todo o que significan para os indíxenas. Engademos a isto a perda de contidos culturais, incluso, como se veu explicando, útiles para afrontar a solución dalgúns problemas ecolóxicos tratados na actualidade.
Para entender mellor o relativo ao CET, convén lembrar que o coñecemento científico está fundamentado no coñecemento EXPERIMENTAL, e os saberes ecolóxicos tradicionais apóianse no que aconsella a EXPERIENCIA. O CET constitúese mediante o ENSAIO E O ERROR sobre ecosistemas locais e resulta adaptable culturalmente ás diversas localidades; deste modo a sociedade está integrada nel, mentres a ciencia crea sistemas cos que se persigue con preferencia optimizar a produción nun prazo o máis curto posible; pero estas dinámicas, inevitablemente, abren o camiño ao deterioro dos ecosistemas. A eficacia sinérxica da sabedoría ancestral indíxena e a ciencia evidenciouse no éxito na busca dos catro irmáns, recentemente, no Amazonas, en Colombia, perdidos a causa dun accidente de avión.
Talvez me critiquen os lectores da escasa importancia de toda esta información; permítanme, pois, que lles suxira que non hai que perder de vista que o CET serve tamén para detectar o correspondente declive da cultura campesiña nel evidenciada. E os tratadistas citan como importante reparar no declive das institucións locais e na quebra da especial comunicación que se realizaba no seno delas (un recordo para a Galicia de hai unhas cantas décadas!!!), e nesta liña habería tamén que facer referencias a problemática xerada polos procesos que seguiron os bens comunitarios aquí en Galicia, que pasaron a ser campo de apropiación de interese particular.
Termino ofrecéndolles a seguinte cita dun artigo de Erik Gómez-Baggethun, investigador na UAM. Di así, traducida ao galego: "as políticas de conservación polo miúdo tenden a deseñar espazos naturais protexidos que intentan ser mantidos á marxe do ser humano". Todo queda subordinado á transformación da sociedade técnico-industrial. Nisto revélase unha certa nostalxia do pasado, o romanticismo da sociedade rural tradicional, etc. Trátase realmente de manter un signo dos acertos do CET, integrables nos sistemas actuais, simulando un "co-evolucionar" (con recuperación sen contexto?) en harmonía cos sistemas ecolóxicos dos nosos tempos.