Un curto paseo polo pensamento de Gadamer e Chomsky (3)
(Terceira Parte)
Nesta parte inclúo os "límites da comprensión" e intento apuntar aquí ese anunciado paralelismo con Gadamer. Chomsky escrebe que unhas das ideas máis profundas sobre a linguaxe e a mente foi o recoñecemento por parte de Descartes do que poderíamos chamar "o aspecto creativo do uso da linguaxe". Este uso considérao apropiado as circunstancias, pero non causado por elas. E dada a íntima relación entre linguaxe e pensamento humano, as propiedades da linguaxe tamén as atribúe a este último.
No caso de Gadamer, como di o Dr. Agís Villanueva, trátase da experiencia hermenéutica, tamén na linguaxe, e o hermeneuta alemán considéraa unida a comprensión á lingüística, resaltando que a comprensión non pertence só ao científico, senón a experiencia humana do mundo. Neste mesmo sentido, evidenciando os prexuízos políticos que matizan o seu pensamento, Chomsky sostén que os traballadores que non puideron recibir formación cultural non son menos intelectuais, apoiando a universalidade da comprensión.
Tamén Descartes descubriu o aspecto creativo do uso da linguaxe, como capacidade exclusiva dos humanos, que no existe entre os animais. Nesta época os fenómenos non mecánicos tratábaos a denominada filosofía non mecánica coa denominación conceptual de RES COGITANS, ao lado da de RES EXTENSA, articulados ambos conceptos na teoría de estrutura dicotómica MENTE-CORPO, mediante a que se pretendía explicar como "interactuaban" ambas substancias. Pero Newton demostrou que unha das dúas substancias non existía: a "res extensa", porque as propiedades da materia escapan aos límites da filosofía mecánica. Isto levouno a ser criticado polos grandes físicos da época por invocar as desprezadas propiedades ocultas (verborgen, en Gadamer) dos neoescolásticos.
O problema "mente-corpo", no seu enfoque estritamente científico, consecuentemente, desapareceu como imposible de formular, xa que un dos dous termos, "o corpo", no existe. Pero a medida que os descubrimentos de Newton -di Chomsky - foron asimilados gradualmente nas ciencias, o "absurdo" recoñecemento polo mesmo Newton da súa teoría, criticado polos seus contemporáneos, cambiou de tornas, cambiando o "absurdo" polo "sentido común científico", o que supuxo dar un paso considerable na historia do pensamento.
Traiamos agora aquí algo do que nos di Gadamer, na obra citada: que non é totalmente certo que a "res extensa" cartesiana sexa a determinación do "corpus", pois a maneira de aparencia do corpo non é pura extensión matemática. Pero non o elimina, nin o converte nunha noción que flota nunha escuridade mística entre a abstracción e a comprensión concreta, e creo está bastante cerca da explicación que nos da Friederich Lange noutro contexto, e que Chomsky ve como un paso de gran importancia nesta temática. Di Lange, na súa clásica historia do materialismo do século XIX, que observou que nos acostumamos á noción abstracta das forzas, ou máis ben a unha noción que flota na escuridade mística entre a abstracción e a comprensión concreta. Poderían entrar aquí en xogo o papel dos "prexuízos" (der Vorurteil), referidos en Gadamer?.
Pero... en que situación conceptual queda a segunda substancia, a "res cogitans, que xa non ten un carácter científico, físico?". J. Locke suxeriu unha resposta plausible, incluso para Chomsky, xa que se produce dentro do marco teolóxico: así como Deus engadiu á materia propiedades tan difíciles de concibir como a atracción gravitacional, tamén podería engadirlle a capacidade de pensar. Logo, interpretouse o Deus de Locke como NATUREZA, e isto abriu o camiño a investigación neste tema e chegouse a concluír que os procesos mentais son propiedades de certos tipos de materia organizada. E tamén se sumaron, ademais de Chomsky, outros intelectuais prestixiosos, como o Premio Nobel Francis Crick, que descubriu o ADN, e formulou á que denominou "sorprendente hipóteses" de que os nosos estados mentais e emocionais "en realidade non son máis que o comportamento dun vasto conxunto de células nerviosas e as súas moléculas asociadas, aínda que Bertrand Russell afirmou que as leis químicas nunca poden reducirse a físicas. Pero deixemos isto para os científicos de afeccións filosóficas.
Creo que non pode prescindirse, nestas complexas temáticas, do recurso á determinación da nosa natureza cognitiva, mediante a linguaxe, a percepción, a formación de conceptos, a reflexión, a inferencia, a construción de teorías, a creación artística e todos os demais ámbitos da vida, sen esquecer os máis comúns. E permítanme que termine cunha brevísima alusión a liberdade, xa que nos di Chomsky que "a pesar de moitos comentarios sofisticados, tamén é difícil a forzada convicción de Descartes de que o libre albedrío é "o máis nobre" que temos, que "non hai nada que comprendamos de forma máis evidente intimamente, e experimentemos dentro de nosoutros mesmos, simplemente porque é "pola súa natureza incomprensible para nosoutros".
Todo isto lévanos á liberdade e á inclusión dos prexuízos ao ámbito da comprensión. En canto á liberdade, Gadamer parte de Kant, suxerindo que debemos pensalo, porque se non estamos libres para pensalo, non só no científico, senón na experiencia humana do mundo, xa que máis aló da ciencia existen unha serie de verdades moi necesarias para a mesma comprensión del - aínda que isto implique, por esixencias hermenéuticas, a incorporación de PREXUÍZOS -, e hai que evitar quebrar a comprensión. E no enunciado paralelismo nalgunhas temáticas entre Chomsky e Gadamer, no que respecta a liberdade, penso que habería que significar certas matizacións, xustamente aquelas nas que parece albiscarse a posibilidade de abrir unha documentada investigación ad hoc.