Tamén a Democracia...? (1)
Pois... deulles os políticos por utilizar tan impropiamente algúns conceptos, manipulando a súa extensión e comprensión nunha praxes interesada, de maneira vergonzosa e descaradamente incoherente e inconsecuente, en situacións esixentes de comportamentos cautos, que a necesaria seriedade e rigor lóxico, esquivada, desencadea actitudes burlescas e irrisorias na cidadanía. Estes conceptos, como por exemplo, o "progreso", a "igualdade", o "proletariado", o "fascismo", etc., e, por suposto, a "democracia", empréganse adxectivados como ambivalentes, xa que o mesmo valen para eloxiar, como para aldraxar; e, politicamente, instrumentalízanse, posto que serven para executar as diversas sortes das especialísimas lidias ás que ousan someterse algúns políticos nos "bodrios" dialécticos que cociñan.
A política, cuxa misión é articular a sociedade, non procede utilizala, democraticamente, para dar un marxe cada vez máis amplo e dilatar o poder persoal na sociedade, porque a democracia tampouco orienta todas as nosas funcións vitais que non son dereito público; e facer dela principio integral da nosa existencia é unha extravagancia que contradí o sentimento que a motivou: Non procede declarar a cabeza do proletariado como ÚNICA APTA para a verdadeira ciencia e a debida moral. E tampouco hai que caer nas prácticas do Antigo Réxime, nos que eran os dereitos os que facían desiguais aos homes, lexislando para establecer desigualdades, ao amparo dun poder democrático, se non se quere repetir unha verdadeira felonía de carácter atávico. O saudable da democracia é a nivelación de privilexios, non propiamente de dereitos.
Como unha concausa destas e outras aberracións políticas, talvez se poda afirmar que ben merece adecuada terapia aquilo que chamou Nietzsche RESSENTIMENT, que é cando o home / a muller se senten a si mesmos inferiores por carecer de certas calidades, e procuran buscar satisfacción negando a excelencia delas. Ocorre cando se adoita pedir a igualdade para ocultar certas desigualdades inevitables por natureza entre os homes/as mulleres, considerando insuficiente a igualdade ante a lei. A este respecto di Ortega que estes/as tales constitúen o "estado maior da envexa", que soe coñecerse como "opinión pública" e "democracia", que non é en gran parte senón a purulenta secreción desas almas rancorosas (Ortega, p. 139, na obra citada).
A democracia, como forma de que o pobo ("demos") posúa o poder ("krátos") de participar no goberno, pode ser directa, representativa e "participativa". Aquí facemos referencia, principalmente, á representativa, pola súa función reguladora do proceso estrutural de gobernación; pero sen esquecer a gran importancia que teñen os refluxos da sincera democratización da familia, non só nos representados, senón nos mesmos representantes políticos. E digo isto, porque, ademais, considerar a expresión, e consecuente influencia, dos comportamentos do nivel democrático concordante cos sentimentos, evidénciase na praxe, que tamén conta, e facilita, ou dificulta, a verdadeira comprensión do que nos suxire Ortega e do que se siga indicando a continuación.
William Piker, politólogo estadounidense, fixo algunhas achegas neste campo temático, incluso aplicando as matemáticas que aportou o economista da mesma nacionalidade e de orixe xudeu, Kenneth Arrow, Premio Nobel de economía, xunto con John Hicks, no ano 1.972. Piker argumentou, en linguaxe matemático, que "toda maioría é continxente e contrarrestada por outra", aserto ao que se opoñen aqueles que pensan que a teoría da elección racional está mal encamiñada, polo menos, en canto se mantén que evita os defectos dos procedementos democráticos, e esaxeran, en prexuízo dos contrapesos institucionais cun poder arbitrario e ilimitado no réxime democrático. En todo caso, parece que Riker errou na anticipación dos problemas reais, que sitúa no "populismo", entendido como adopción dun mandato ilimitado derivado da interpretación do alcance do voto maioritario, e disto soe poñerse como exemplo o caso de Hitler en Alemaña, nos anos trinta.
Inicialmente, en Francia, a democracia tivo escasa consideración e tíñase como un réxime inferior; pero acabou evidenciando que había chegado para quedarse. O mesmo Alexis de Tocqueville aplicouse a obter, na experiencia estadounidense, unha posible resposta a asimilación do "demos" á República, e parece que concluíu que a democracia non xeraba, polo menos a priori, tiranías da maioría. Isto demostra como este sistema político foi acadando unha valoración positiva, á que contribuíron intelectuais da talla de John Stuart Mill, en Inglaterra, que investigou como manexar o proceso de arribo do pobo á Polis, que o levou a pensar que era unha cuestión relativa á educación da plebe. Seguramente esta idea non sexa baldía na actualidade.
Aínda que sobre o sistema democrático hai moito escrito relativo os seus posibles fallos, pese a unha non desprezable condición de demócrata dalgúns políticos e políticas, sorprende que determinados problemas persistan na actualidade, sen que se apunte solucións definitivas, nin na filosofía nin nas mesmas ciencias políticas aos mesmos. Como indiquei máis arriba, William H. Riker, ocupouse do que chama "tiranía da maioría", enunciada tamén por outros estudosos, como Madison e Hamilton, sen deixar de ser retomada por Tocqueville, a todos os cales, por suposto, preocupounos os perigos do goberno das maiorías sobre os dereitos das minorías. O mesmo Aristóteles, xa no se tempo, considerou esta forma de réxime político susceptible de deformarse en ditadura e oligarquía., e incluso nunha oclocracia (do grego, "ochlo=multitude desordenada e "krátos"=poder, goberno dunha multitude sen orde).
Noberto Bobbio, xurista e "politólago" italiano, profesor da Universidade de Camerino, en Siena, e Dr. honoris causa polas universidades de París, Bos Aires, UCM, Bolonia, Carlos III de Madrid e Chambery, (destaco todo isto para contrastalo coa circunstancia de que a súa familia parece que era "filofascista"), fíxose eco de que a liberdade individual e a igualdade cidadán foron valores en constante fricción (Léase a súa obra "Liberalismo y democracia", F. C. E., México, 8ª edición, 1989). Non obstante, en Vikipedia, resúmense as súas achegas nos seguintes termos, que traduzo ao galego: "A súa achega céntrase na defensa dos valores democráticos, os dereitos dos humanos e a xustiza. Foi un crítico incisivo das ditaduras e os réximes autoritarios, avogando pola protección das liberdades individuais e a promoción dun Estado de dereito". E del opínase que ligou a democracia coa liberdade, e considerou que era unha forma de goberno que consagra da mellor maneira, promove e conmove, a liberdade das persoas en todas as súas diferentes modalidades ou expresións.
Hai un símil que se utiliza para ridiculizar aos que se soben apresurados as carretas que, en determinadas etapas históricas, as circunstancias facilitan para visitar o paraíso demócrata, e peléxanse para acadar esa fascinante paisaxe antes de ningún outro viaxeiro, espertando a atención dos habitantes dos lugares que recorren, invitándoos a que se incorporen á viaxe, axudando a mellorar as expectativas. E despois de utilizar o que Riker chama "herexías democráticas" (do grego, "heresteses", que ven a ser a arte de crear asimetrías e de utilizar as diferenzas marxinais no poder para impoñer a vontade duns sobre outros, con independencia de quen teña a razón e das mesmas maiorías), esfórzanse na conversión democrática!? nunha oligarquía moi peculiar, cun poder, dimanante do pobo, pero utilizándoo como propio, en azoutar aos desconformes.