Sobre o ser da realidade histórica
Creo que convén facer algunha referencia a ontoloxía da realidade histórica para conferirlle máis firmeza a distinción entre a CONSTITUVIDADE social e política dun estado e a súa ulterior CONSTITUCIONALIDADE. E adianto que me levaron aquí uns traballos do Dr. Agís Villaverde, Catedrático na Facultade de Filosofía, na USC, gran coñecedor de Paul Ricoeur, a quen lle debemos unha importante distinción entre as PEGADAS ("huellas") dos acontecementos pasados e os DOCUMENTOS E MONUMENTOS; pero antes faremos algunhas referencias necesarias a outros filósofos.
Como o pasado non desaparece sen máis, sempre é posible encontrarse con pegadas no presente invitándonos a tratar de volver o pasado ao presente, xa que a pegada queda nas cousas e tamén na nosa mente. Xustamente por isto, abrimos canles a unha reflexión epistemolóxica sobre a historia. Hai, iso si, empeños ás veces de cerrarse a ela, ou manipulala, por absurdas presións ideolóxicas. Da existencia real falamos desde o presente; pero sobre a realidade pasada, cando deixa pegadas, tamén nos interesa abordala, especialmente cando está vinculada a intereses ou acontecementos presentes, que poden dar suficientes razóns do proceso no que xurdiron entes estatais ou entes en situacións actuais.
Non cabe dúbida que, aínda que o pasado xa non existe, e os entes históricos sufriron unha intervención humana, o interese por estes está centrado, xeralmente, nos propósitos humanos relacionados con eles, de aquí que é moi necesario considerar "ontologicamente" a súa maneira de ser. Tampouco deixan de ter interese, entre as cousas que hai no noso mundo percibidas polos sentidos, aquelas outras que tamén existen esixindo unha atención racionalizada polas súas repercusións no noso presente: O mundo ten máis que considerar que o que só percibimos polos sentidos. Por iso a hermenéutica aquí ten un papel epistemolóxico indiscutible.
O interese polo estudo dos entes históricos amosa nas reflexións de destacados estudosos, como, por exemplo, W. Dilthey, W. Windelband, H. Rickert, ocupando lugar nas súas reflexións de carácter epistemolóxico. Pero dunha maneira moi decisiva e clara, Paul Ricoeur, de quen o Dr. Agís Villaverde nos ofrece nas súas obras un documentado e esclarecedor coñecemento do seu pensamento filosófico, pregunta que significa o termo "real" aplicado ao pasado histórico, e Heidegger parece que se interesa pola reflexión sobre a forma de existir das realidades históricas, e talvez nos estea dicindo algo relativo a isto cando se ocupa do SER-SIDO, traducindo o seu termo en alemán, GEWESENSEIN, que, aínda que soa moi mal, os estudosos enténdeno como un SER-ALGO-QUE-XA-FOI. E non está de máis diferenciar, nestes casos, a historia como "un ámbito ontolóxico ao lado do ámbito da natureza" (GESCHICHTE) e a historia como un "saber histórico", (HISTORIK, Philosophisches Wörterbuch, Impreso en Sttugarst, 1.969, da autoría de Alfred Kröner, p.249).
Pero traiamos así mesmo a este lugar algo da comprensión vulgar do pasado histórico, ao que soe dárselle estes tres significados: Enténdese o pasado como "algo-que-xa-non-está-aquí-diante"; "algo-que-está-aquí-diante", pero non conta para o presente", e "algo-non-aí-diante", pero que conta para o presente. Isto, que semella un galimatías, pode ser útil para sacar a flote o pasado, en oposición aos que tratan de neutralizalo se se opón aos seus ardentes e estrábicos argumentos, atacando, neste suposto, principalmente o terceiro significado, que subliñan negativamente para a nacionalidade española, e positivamente se o consideran que apoian á que eles defenden como propia.
A vista disto, cando dicimos que hai algo " pasado" no ente histórico, estamos lonxe de querer dicir que deixara de ser, que non podemos botar man del para calquera mester, non
!, só queremos dicir que iso de alicerzar o mundo no que existía, XA NON O FARÁ MÁIS. E isto podemos dicilo porque existimos nosoutros, somos un ente que existe (un Dasein), e esta existencia humana ven a ser a única que comprende o ser do ente. Así pois, a historicidade é unha característica que ten o ser humano, o Dasein, o que nos permite concluír que se hai entes "mundanos-históricos" é porque hai unha causalidade "óntica" humana, que busca a causa dun acontecemento histórico, e non determina as circunstancias nas que ten lugar o fenómeno, senón que debe descubrir o que pensaba o executor histórico, que o levou a realizar as necesarias accións, explorando o expresado nos acontecementos. Hai, por suposto, unha diferenza co científico da natureza, que só pode comprender desde fora a causalidade, mentres que o historiador pode comprobala desde dentro, ao comprendela como tal.
Ricoeur non parece ocultar o interese que ten para el que a noción de "pegada" (huella) permite conectar varios tipos de temporalidade entre si, como o histórico do Dasein e o cósmico dos entes "intramundanos". E alude a unha certa "impureza" do presente, posto que nel tamén se manifesta o pasado, quebrando a identidade do presente consigo mesmo, e captando o ente histórico no seu nivel "óntico", fora das condicións de posibilidade do ente histórico. Sostén, ademais, que as investigacións do historiador céntranse aquí nos restos visibles, que abren a vía da investigación sobre o pasado. Así nega que se consiga a manifestación do pasado nunha RE-EFECTUACIÓN (Collingwood) ou unha RE-VIVENCIA (Dilthey), porque a "pegada" é un ente presente que, a vez, é parte integrante do pasado.
Non esquece, tampouco, este mesmo filósofo de explicar en que se diferencian a "pegada", o "documento", e o "monumento", precisamente no III Tomo da súa obra "Tiempo y narración". A pegada aparece AQUÍ, polo tanto, AHORA e no ESPAZO, no presente, ese paso pasado (le passage passé), dos viventes. O documento pode indicarnos algo acerca dun acontecemento; pero non fará máis que representalo. Nos monumentos queda unha pegada que deixaron os acontecementos pasados. Isto leva a Ricoeur a consideralos como metáforas, porque só indican unha correspondencia entre o papel , ou a pedra no seu caso , e o que aconteceu. Deste modo fundamenta a crítica ao concepto de "antigüidade" en Heidegger, entre o ser-pasado do ente "intramundano" e do "ser sido" do Dasein.
Para contestar esta súa pregunta, "¿qué significa o termo "real" aplicado ao pasado histórico?", resulta interesante manter a definición de "pegada", que "en canto a deixou o pasado , vale por el: exerce respecto del unha función de FACER AS VECES (lieutenance) de REPRESENTANCIA (Vertretung)". A pegada é unha representante do pasado, non a representación dun acontecemento como a descrición escrita, xa que, a diferenza do documento, NON BUSCA DEFENDER NADA, NIN DEFENDER NINGUNHA TESES SOBRE O PASADO, POR ISO ESCAPA A CALQUERA CRÍTICA IDEOLÓXICA. É que a pegada permite entrar en contacto coas intencións dos seres humanos desaparecidos mercé á interpretación, e, por suposto, co obxecto mesmo que sufriu modificacións ligadas á RES GESTAE que se busca coñecer.
A pegada (Huella) está lonxe de ser unha interpretación do Dasein. Pode considerase como unha resposta ás accións humanas, que modifican a estrutura ontolóxica do mundo. Pero isto non quere dicir que o encontro do home/da muller cos entes "intramundanos" non estea condicionado pola historicidade da existencia humana, en tanto que ela é un elemento constitutivo do ser-no-mundo, non da comprensión do ser do Dasein. Parece que a realidade histórica está vinculada ao análises da mundanidade no mundo, non á comprensión do ser. Talvez Aristóteles estea pensando isto cando nos di, na seguinte cita que nos ofrece o Dr. Agís, na p. 128 da obra citada, na miña tradución ao galego: " O ser dise de moitas maneiras, aínda en orde a unha sola cousa e a certa natureza única". Así o indica tamén o noso filósofo cando escribe que o sentido do ser debe comprenderse desde diversas perspectivas, moi relacionadas coa súa linguaxe ou modo de expresión propio.
Só unhas palabras relativas ao que eu pensei que podía aplicarse todo o que queda exposto nesta colaboración, mediante coidadosas extrapolacións, ao problema da xestación histórica da realidade dun ente estatal, en proceso da súa "constitutividade", previa ás diferentes fases constitucionais, que corresponden a outro nivel esixido pola estruturación da realidade xestante do ente estatal, como "sustantividade", manifestada nas pegadas, documentos e monumentos, abrindo o espazo no que se inicia o proceso constitucional, asento da aplicación hermenéutica, que, en diversas perspectivas, permite comprender as tamén diversas e correlativas intencións dos actuantes no seo da realidade en estado desa entidade xestante, evitando a confusión de ambos niveis: o da "constitutividade" e o da "constitucionalidade". E, cando menos, os sentimentos e paixóns persoais deberían quedar así xunguidos a unha racionalidade enervante dos actuais apaixonamentos.