PRESENTACIÓN DO LIBRO FUXINDO DA SAUDADE, DE PEDRO RUBAL, E INAUGURACIÓN DA SECCIÓN DA BIBLIOTECA DE ALFOZ ADICADA A PEDRO RUBAL (24/09/21)

Boa tarde a todos e a todas,

Como responsable da área de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, é un pracer poder asistir hoxe a un acto dobremente importante. Importante porque dáse a coñecer unha nova entrega na xa dilatada produción bibliográfica de don Pedro Rubal. Unha produción que ten analizado cuestións relacionadas coa filosofía, a arte ou a ciencia, nun desexo de afondar no noso coñecemento do mundo.

E un día importante tamén porque, ó recoñecemento que don Pedro xa ten como Fillo Predilecto da súa vila, engádese a inauguración dunha sección da biblioteca que leva o seu nome.
Unha biblioteca pública representa moitas cousas. É un lugar para preservar e difundir o coñecemento; pero tamén a expresión da vontade de facelo accesible a todos, universal, sen distinción de idade, sexo ou capacidade económica.

Unha biblioteca é tamén un proxecto de colaboración cidadá, con persoas que ceden fondos bibliográficos e nenos e nenas que ó sacar o carné de acceso comezan a entender o que supón participar nunha sorte de comunidade invisible, vencellada ó saber. Unha biblioteca é tamén unha aposta polas normas da convivencia e o civismo: hai que coidar os libros que son de todos e todas, e devolvelos en prazo, para que ninguén quede sen lelos.

Pedro Rubal estudou Filosofía e Letras en Santiago. Seguro que coñece ben o lema que campa na biblioteca daquela facultade (hoxe Facultade de Historia): “animi medica oficina”. Os libros son “a oficina médica da alma”. E como se puxo de manifesto unha vez máis na pandemia, ler é o mellor refuxio en tempos difíciles.

Non me estendo máis, quero felicitar de novo ó autor, Pedro Rubal, e ó Alcalde de Alfoz, Jorge Val, porque un pobo que sabe recoñecer e valorar a cultura e o talento dos seus, é un pobo que ten moito camiño avanzado cara o futuro.

Moitas gracias

Intervención do Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas