Os espazos rurais baleiros e a fantasía (4)
Como facilmente se deduce dos contidos das Partes anteriores desta colaboración, veño sostendo a opinión de que non é posible corrixir o "baleiro rural", esencial e pertinentemente, con integrantes da evolución e progreso da nosa era, fundamentalmente porque na evolución e no progreso clásico os materiais, as ferramentas e as técnicas seguían sendo as mesmas, e o papel da forza de traballo e a habilidade humana mantíñanse inalteradas. Ampliaba as súas prestacións unha tecnoloxía xa existente, pero ningún dos seus medios, e incluso os obxectivos convencionais se volvían anticuados por iso.
Pero... vexemos un pouco máis, como está sendo a evolución e o progreso na técnica actual. Permítanme empregar un termo vulgar, o "sosego" e o equilibrio son algo estraño para esta técnica, os medios sempre quedan lonxe de calmar os desexos dos obxectivos que se perseguen, posto que o progreso non é un mero impulso ocasional, senón constitutivo da mesma técnica. Isto explica que non existe ningunha innovación técnica que non estea chamada a coñecerse coa mesma velocidade que vai ser suplantada. E, por si esta inquietude fora pouco, xorden novas técnicas, que, a súa vez, esixen novos obxectivos, que comportan, por suposto, cambios de medios. Ademais a isto hai que sumar que o mesmo progreso técnico está impulsado polas competencias, pola loita de acadar fama e tamén o mesmo incremento dunha poboación con diversidade de demandas e, incluso, cunha trivialidade de gustos e intereses vinculados a condutas e temperamentos cambiantes. Talvez non sexa un erro afirmar que a mesma técnica crea problemas que hai que resolver tecnicamente, porque o progreso técnico é necesario para a corrección dos seus propios efectos.
Non debemos esquecer que a unión entre a ciencia e a tecnoloxía impide á materia obxecto de progreso e evolución quedar como obxectivo de certa permanencia. Aquí tampouco hai sosego, porque a materia deixa de ser un dato último e o acadado ven a ser un paso para seguir profundando na investigación: todo se presenta como se estivera ofrecendo desvelar o seu interior, creando novas expectativas. Consecuentemente, a teoría e a práctica van da man. E reparen nisto, xa que non parece que se busque a verdade, senón a utilidade; non nos basta a satisfacción epistemolóxica, inquiétanos desvelar o máis "íntimo" das cousas, e isto non é malo, pero difire do clásico rural e provoca a emigración a onde as cada vez máis recentes institucións acollen esta investigación.
E sigamos reflexionando, que campo para iso temos abondo. Botemos unha ollada á bioloxía molecular con todas as formas biolóxicas que nos , trouxo, e á química coa curiosidade do que permitiu crear, os colorantes sintéticos, sintetizar substancias materiais, fibras téxtiles tamén sintéticas, substituír substancias naturais con novas propiedades que non teñen as naturais (...). A todo isto, engademos a operatividade desa forza invisible universal na natureza, como é a electricidade , utilizada ao principio na iluminación e a telegrafía, logo substituíndo os esforzos do home mediante as máquinas, e xerando campos electromagnéticos inmateriais, etc., etc.
Pero ademais, como di Hans Jonas, a mesma compaixón co sufrimento dos agoniados, dar de comer ao que ten fame, coidar os enfermos e moribundos, que eran virtudes persoais e socialmente meritorias, propias de admirables condutas, foi subtraída ás persoas para transferila ao sistema público de benestar. Iso si, os cidadáns pagan os impostos correspondentes, que non son unha achega voluntaria, e o receptor cambiou a esperanza na caridade polo seu dereito a uns servizos con certa garantía. Por suposto, esta evolución merece eloxios; aínda que, evidentemente, introduce un cambio que deixa un baleiro, co que os cidadáns do rural non quedan plenamente satisfeitos e din que a burocracia costa un diñeiro que eles pagan e non reciben os necesitados na súa totalidade. Así parece confírmalo o feito de que a Administración arbitrou o recoñecemento dos graos de Dependencia dos necesitados, que se aproxima máis ao sentimento de solidariedade e compaixón dos rurais, e, coa Cruz Roxa e outros medios ocasionais, talvez sexan un bo exemplo da evolución coherente, interrompida, coas liñas da cultura rural do pasado.
Tamén se presenta como evidente que estamos conducidos a atacar o "esencialismo", e isto, sen dúbida, desconcertaría a "filosofía vulgar" daquelas xentes que enchían os "baleiros rurais" cunha realidade fantástica, que acollían con ilusión, e que non saían do asombro de ver substituídos os candís e candeas polas máxicas buxías. É que esa capacidade de crear que ten o home, pon nas súas mans a posibilidade de traer á realidade os arcanos encerrados na natureza, tan respectada na evolución clásica, na que se seguían definindo os obxectivos polos elementos que constituían a súa propia esencia.
Como opina o filósofo Hans Jonas, o dereito exclusivo do home ao respecto humano rompeu cun poder "monopolístico" sobre todo o resto da vida, porque unha vida fora da humana empobrecida significa unha vida humana tamén empobrecida, arrastrada máis aló de toda utilidade e antropocentrismo, porque a incrible dotación xenética en todo o mundo, nos "eones" da evolución (ese intervalo do tempo xeolóxico que divide a historia da Terra en tres grandes etapas -DLE-) debe ser protexida polo mesmo home, que ten que asumir unha responsabilidade cósmica, como un problema ecolóxico, en cuxo ámbito está o respecto da súa herdanza xenética, e non parece moi segura con vistas os desafíos da técnica, en xogo coa propia existencia. Así pois, a vixilancia dos desafíaos técnicos ven a ser absolutamente necesaria para moderar as desmesuras da mesma, posto que é ambivalente.
Todo o exposto lévame a pensar que os "baleiros rurais", como futuros apéndices das cidades, só poderá ser as nabeiras, máis ou menos industrializadas, das rúas da nova clase de cabaleiros, se me permiten adaptar unha frase de Otero Pedrayo.