Os espazos rurais baleiros e a fantasía (1)
Coa denominación de "espazos baleiros" soe designarse os espazos rurais con escasos habitantes ou, incluso, sen eles, onde quedan casas e explotacións agropecuarias completamente abandonadas. Pero este baleiro, por suposto, implica a desaparición de toda a realidade cultural, forxada nas peculiaridades ao través dunha convivencia xa histórica, entendida a historia como algo que "sucede" ou como algo que "xa non está aí", e que actúa, ou non, sobre o presente. Para establecer esta distinción, os alemáns, principalmente Heidegger, utilizan os termos "Geschichte", relacionado con "Geschehen", o acontecer da existencia humana, e o termo "Historie", a historia como saber histórico do pasado. Valereime aquí, oportunamente, das dúas concepcións da historia, sobre todo con referencia a Galicia, no rural no que nacín, configurei a miña realidade persoal e no que aínda estou por aquí.
Ofrézolles os recordos das "vivencias" (Ortega e Gasset é o termo que utiliza para traducir o alemán "Erlebnis", experiencia) dunha vida no rural galego, onde os veciños eran numerosos; ás veces, levemente reducidos pola emigración, pero sempre suficientes para manter un ambiente agropecuario vigoroso e ben coidado, celebrar festividades, botarlle a man a algún necesitado e confortalo nas desventuras. Polo tanto, xa poden comprender o impacto que causa o baleiro, con escasas explotacións, casas coas ventás e portas penduradas dos gonzos, que cerraban locais antes habitados polos donos, e visitados por familiares e amigos, nos que os faladoiros eran as mellores terapias contra os efectos das fatigas laborais. Algo que hoxe, incluso en lugares cun respectable número de habitantes, están en desuso: os teléfonos móbiles e as mascotas parece que subministran as mellores terapias.
Coñecida esta situación, na que tamén quedaron afectadas algunhas manifestacións culturais específicas, parece coherente dicir algo acerca das razóns, máis ou menos motivadas, que nos levaron a ela. Claro que neste baleiro, sen dúbida, xogan contidos antropolóxicos, sociolóxicos, económicos, etc. que esixen unha formación específica que eu non lles podo ofrecer, e, ademais, a temática é complexa, e nin tan sequera poderei traer aquí todas as perspectivas desde as que enfoco a miñas opinións; pero apuntarei algunhas apoiándome nesas vivencias, nesa "Erlebnis" persoal, seguro de que poden resultar útiles, polo menos, para contrastar coas propias de cadaquén. E non me considero con máis autoridade que a derivada desta variada e larga experiencia.
As novas xeracións foron perdendo esa peculiar "intimidade" coa terra na que naceron, principalmente co que nesta se esixía para vivir, porque ían informándose do que ocorría noutros países ou rexións do territorio estatal, principalmente nas grandes cidades, que comezaban a industrializarse. Así decidiron emigrar, uns, e inmigrar, outros. Os seus antepasados tiveron que deixar as explotacións e debilitar os medios de vida que tiñan, derivados da produción propia dos mesmos. As leiras foron tamén perdendo valor. E salvo algunhas granxas de gando, dotadas con instrumental agrícola, que colleron en arrendo algunha leira, cunha renda simbólica, máis por razóns xurídicas que económicas, todo o demais quedou abandonado e cuberto de silveirais. E como queira que os sentimentos de apego ao seu ambiente rural foron cedendo en efectividade nas novas xeracións emigradas, xérase un fondo de convivencia moi estraño e heteroxéneo, cuns matices sentimentais que afastaron os posibles sucesores dese peculiar intimismo, chegando incluso a regresar das emigracións para as cidades, onde podían preparar á familia descendente, o que os levou a reducir as visitas ao rural do nacemento, xa que alí cada vez encontraban menos referencias do pasado.
Xustamente por isto, encher o baleiro non consiste só en ir situando algunhas familias, incluídos estranxeiros, cunhas mínimas estruturas adecuadas aos evidentes progresos nas comunicacións e facilitar medios económicos para adquisición de maquinaria, porque aínda que volvera a establecerse poboación no rural, penso que a atmosfera cultural e sentimental é irrecuperable, xa que adoece de falta do contexto que a xerou, dun contexto que experimentou ese progreso deixando polo camiño ingredientes ocasionais, que xa non foron suxeitos da evolución e quedaron no campo da irrealidade. Non obstante, da falta de vivencias simultáneas á evolución, rigorosas e coherentes cos ingredientes bloqueados, sempre quedarán lugares baleiros, que talvez poderían ser ocupados polo exercicio dunha imaxinación ou fantasía, consecuentemente aplicadas, hoxe neutralizadas pola falta de integrantes fundamentais na estrutura dinámica do mesmo progreso. Pero permítanme dicir algo acerca deles, en gran parte descoñecida a súa labor configuradora das estruturas socias e das individuais realidades persoais.
Nas aldeas galegas imperaba a economía autárquica, de subsistencia, coa que se daba resposta ás esixencias de consumo da familia, sen excluír a venta dalgúns produtos para obter ingresos e cubrir os pagos do que era absolutamente necesario comprar: Vendíanse os xamóns, para a compra dos ranchos, se non se criaban nas mesmas casas; a manteiga, para contar con diñeiro e comprar o que non se podía obter nesa economía, como o pescado, servido por vendedoras dos pobos mariñáns; as patacas sobrantes, que, ás veces, se cambiaban por outro produto, etc. E se cultivaban o millo, o centeo, o trigo, as coles, os nabos, dos que se alimentaba o gando no inverno, e se obtiñan as rabizas e cimóns para o caldo e os cocidos.
As galiñas proporcionaban ovos, que tamén eran obxecto de venta se se tiñan en abundancia, e nas casas permitían facer apetitosas tortillas e, en ocasións, doces, aderezados, en xeral, polas mulleres, con motivo dalgunha celebración. Lembro que na entrada da casa onde vivíamos había unha parra, e nos días de calor comíamos nunha mesa a sombra dela e incluso lle collíamos as uvas máis maduras, para acompañalas, na sobremesa, do roscón que elaboraba miña nai. Ademais, nalgunhas casas, non faltaba tampouco o cultivo do liño, para facer, principalmente, roupa de cama; de amieiro e o bidueiro facíanse as zocas, calzado habitual nas tarefas do campo, que nos días fríos, cos calcetíns de la, mantiñan a calor nos pes.
O estado económico das familias, loxicamente, variaba. As que cobraban rendas e non as pagaban gozaban de mellor situación; pero nos frecuentes faladoiros veciñais, cando se vendía unha cría ou madeira nos montes (máis ben se adoitaba facer entresacados), saía a relucir a metáfora da carteira: O diñeiro obtido nestas ocasións tiña como lugar de depósito a "carteira grande ou das crías", que gardaba o patrón, non a señora. Os reunidos/as, xeralmente familiares que vivían en casas inmediatas, ou os veciños amigos, sempre en broma, invitaban ao patrón a que se recordara do "moedeiro", "da carteira pequena" da muller. Isto, polo menos, permítenos soster, como xeral, a existencia dun certo machismo económico e o escaso papel que xogaba a banca neses tempos, aínda que o Banco Pastor era moi coñecido e utilizado, sobre todo para créditos.
As casas adoitaban ter os dormitorios nun piso encima das cortes, porque subministraban calor nos días fríos do inverno. Xeralmente nestes lugares tiña o patrón recunchos reservados para gardar os cartos e algún obxecto de valor. Para gardar a roupa dispoñían de armarios, con dobre fondo para os documentos, en especial testamentos e escrituras das fincas, e, excepcionalmente, recibos acreditativos de préstamos ou débedas, aínda que, se a cantidade era pequena e entre prestamista e prestameiro había confianza, uns e outros informaban aos da casa, e consideraban bastante a palabra de cadaquén, incluso se sentían incómodos coa falta desa confianza e a esixencia dun instrumento acreditativo. Por suposto, existían persoas que non merecían esa confianza, pero os homes daquel entonces facían alarde da "palabra dada" e hoxe mesmo non é raro oír dicir que " a palabra dun home de entonces valía como hoxe a firma documental dun notario".
Engademos a todo isto que os servizos de auga no rural, salvo os coidados de fontes, eran rudimentarios e moi poucas casas dispoñían de baños. Había almofías colocadas en atrís nalgunha habitación, utilizables para a hixiene persoal, e dispositivos en forma de cadeiras para atender outras esixencias; todo, avanzado o tempo, foi substituído polos cuartos de baño. Evidentemente, o progreso aporta medios que facilitan a vida no rural, pois as mesmas actividades laborais, na actualidade, realízanse mecanicamente, con tractores, motoserras, desbrozadores, etc. Así a explotacións dun tamaño razoable, hoxe, comercializan os produtos de maneira complexa, nun proceso que difire esencialmente do tradicional nas casas de labranza. Non obstante, cobren as necesidades, precisamente na mesma dispersión demográfica que provocan; pero non parece que por este camiño se encontre a solución o baleiro, xa que as parroquias quedan sen referentes tradicionais, como as escolas, igrexas, e as celebracións que concentraban os veciños. A confirmación disto podemos encontrala no entusiasmo con que se celebran nos concellos anualmente as festas e feiras; pero as temáticas que agora saen a relucir nestas pouco teñen que ver coas de aquel entonces.