O home versus as propias definicións
Apuntamos nunha colaboración anterior, neste medio, que talvez nos veríamos obrigados, debido os avances da ciencia en diversos sectores da realidade, a revisar algunhas definicións, como, por exemplo, os conceptos de "persoa", de "humanidade", etc. É unha modesta opinión, e penso que debo, cando menos, xustificala, o que esixe traerlles aquí unha breve e sinxela exposición das razóns que creo que me avalan, por si lles interesa coñecelas e xulgar a súa pertinencia.
Tanto sobre o concepto de "persoa" como de "humanidade" existe moito escrito. Imposible, polo tanto, abordar a temática con un esixible rigor e documentación. Aspiro, sinxelamente, a dar algunhas referencias que inviten a unhas reflexións. Parto de que toda estrutura aplicada á realidade determina non só o seu carácter de tal realidade, senón tamén a súa forma. E isto, polo que respecta á persoa humana, permíteme atribuírlle unha realidade dotada de intelixencia e vontade. Recordemos que xa San Agustín afirmaba que a persoa humana tiña a capacidade de "recordar", "entender" e "amar". Zubiri pensa que o importante nisto é que se establece a diferenza entre o que eu teño e o que eu son, precisamente porque "o que eu teño" define a natureza, e a unión intrínseca entre eses tres integrantes da natureza ven a ser o EU, o EGO, en San Agustín.
Polo tanto, o "eu", o "ego", executa os seus actos mediante as ESTRUTURAS PSICOBIOLÓXICAS. Pero estas... ¿non son as que configuran as formas das realidades ás que se aplican?. É do que eu parto, e, se estou no certo, na medida en que a "neuro e a nano - ciencia" nos ofrezan avances que introduzan modificacións no actual concepto destas estruturas "psicobiolóxicas", recordaremos e entenderemos no seo dunha realidade coa correspondente caracterización, e coas formas dela determinadas e introducidas polas novas estruturas que tales saberes impoñan, derivadas dos esforzos intelectuais do mesmo home que as recibe.
Penso, e perdóenme aquí a miña ousadía, que moitas realidades virtuais e IA (Intelixencia Artificial), son exemplos desas novas realidades, como as que están en ensaios no campo da nanotecnoloxía, e están xa creando verdadeiras desenfreadas tecnolóxicas, segundo algúns estudosos. Dinnos en Wikipedia que nin os gobernos nin as empresas poden controlar os usos da Industria da IA, que, ao parecer, está disposta a saltarse todo, botando de menos que a sociedade non estea preparada para certos supostos avances da tecnoloxía, e facendo caso omiso dos perigos que comezan a ser previstos.
Para poñer coto a todo isto, estivéronse celebrando cumes, como a de Seul (Corea do Sur) e Bletchley, campamento militar en Buckinghamshire (Inglaterra), onde se deu información de cambios tecnolóxicos significativos. Nestas cumes hai promesas, pero non se cumpren: Google, por exemplo, prepárase para lanzar Astra como un axente de IA universal; Microsoft, un novo modelo de IA, etc. E os gobernos non parece que conten con institucións para previr o mal uso e a imprudencia das novas tecnoloxías da IA. A certo sector da sociedade, pola súa parte, interésanlle principalmente os sistemas avanzados de IA, pero asociados a seres intelixentes, para curar enfermidades, e non evidencia preocupacións polas inestabilidades, nin polas operacións autónomas incontrolables. En todo caso, o negativo está vinculado á falta de rigor nas investigacións, como di D. Alfonso Alba, especialista en xenética e bioloxía molecular, xa que, a IA, unida ao mapa xenético, facilitará a prevención de enfermidades nalgunhas persoas. E trágolles isto aquí porque tamén os cambios nas estruturas da realidade social son inevitables: Espéranse dixitais, nas comunicacións; e de matiz delituoso especial, xenericamente coñecidos como "ciberdelincuencias", nalgúns comportamentos.
Zubiri, que nos deixou un profundo análises sobre a realidade da persoa humana, insiste en que é importante considerar que consiste en ser unha realidade formalmente súa. Informa, ollo!, que non son propiedades, senón momentos, tanto a súa "consistencia" como a súa "subsistencia", e dinos, claramente, que a persoa ten un momento de consistencia e un momento de subsistencia; que é, a un mesmo tempo, as dúas cousas: Polo momento de consistencia, especifícase e individualízase; polo de subsistencia, perténcese a si mesma, ven a ser unha "autopropiedade", porque "autoposéese"; pero tamén nos di que é unha realidade "intelixente" e con vontade ("volente").
Pois ben. Considerando que a IA, que saíu das mans desta persoa, pode acadar unha perigosa autonomía., ¿é pertinente seguir afirmando todo isto da persoa, precisamente cunha intelixencia desvinculada da que lle é propia e da súa vontade?. ¿Cómo se lle poden incardinar os momentos indicados, e principalmente a subsistencia, entendida como "autoposesión"?.
Así mesmo, considero tamén con pertinencia complementaria unhas ideas que nos ofrece Hannah Arendt na súa obra "La condición humana", na que, facendo referencia ás condicións básicas da vida activa do ser humano, di que debe traballar (arbeiten), producir (herstellen) e actuar (handeln). O traballo non está ligado a liberdade, porque é necesario para vivir, e condiciona especificamente a humanidade (homo faber). Pero parece que non lle basta o mundo natural para poñer en práctica esas condicións. E isto lévoo a elixir e construír un mundo artificial, para o que produce obxectos de diferentes materiais, e, nel median as relacións persoais. Pero como as accións da comunidade política (das Handeln) realízanse no espazo público, facilitan o paso á sociedade de masas. Non obstante, intúese nela a tendencia a reducir o traballo, nun futuro, coas estruturas cambiadas e no contexto dese mundo artificial integrado de realidades virtuais, mediante a substitutiva acción produtora tecnolóxica. ¿Estará aquí a "posthumanidade" diluíndo os fundamentos da dimensión ética e social do home/da muller mercé a hipoteca da mesma liberdade, alleándose ao seu produto e invalidando, por inversión, o principio de causalidade!!?. ¿Poden avalarse, partindo desta nova realidade, aplicada á persoa, os mesmos criterios de intelixibilidade ou de valor?. A todo isto está enfrontándose o home!!.
E termino resaltando que a percepción dos cambios produce un impacto nos seres humanos que pode graduarse dentro do espazo determinado por unha polaridade definida con efectos esperanzadores e doutra xeradora dunha gran preocupación. As posturas intermedias sitúanse en función da preparación, do nivel cultural, e da especificidade de cadaquén. A primeira polaridade, en xeral, parte de encadrar os procesos de transformación nunha dinámica evolutiva, e, neste suposto, remitíndose a historia do universo, espérase para o home/a muller un roll de protagonista, froito do progreso acadado na evolución. Polo contrario, a preocupación que corresponde á segunda polaridade apoiase no temor á emerxencia de máquinas "superintelixentes", que acabarán prescindindo do ser humano, levándoo á súa extinción, posto que xa desempeñou o seu cometido no universo.
Estas dúas posicións e as do espazo intermedio esixen novas definicións, que, por agora, non parece que se podan adiantar, ni elas ni o seu alcance. Hai, iso si, algúns intelectuais que fan alusión nas propias disertacións a un posible punto sen retorno, que tamén se coñece como "singularidade tecnolóxica". Neste caso, os cambios serían vertixinosos, e a civilización, como a coñecemos, non poderá controlar o proceso, xa que excederá as súas capacidades cognitivas. E tampouco parece previsible o papel que lle queda ao ser humano neste "sen retorno". Todo semella un conto de fadas, se non fora que os avances tecnolóxicos, con signo positivo e negativo, abren camiño a toda clase de disertacións, que non escusan o imaxinario.