O gran pecado histórico (2)
Se recordamos o apuntado no apartado anterior, non debería ser difícil comprender que Hegel teña á natureza como un "alleamento" puro, que en alemán designa co termo Veräusserung, traducido ao español por "enajenación", posto que queda estancada nesa exterioridade, pois aínda que dela parta o espírito non significa que se converta nel, senón só que o xera. Reitera Hegel que na natureza non cabe a historia e por isto, afirma que non a ten; pero tampouco a ten a "nación", xa que non é máis que a limitación dos elementos naturais no espazo e no tempo. Así pois, historia só a teñen os pobos que son Estados, configurados como espírito obxectivo, ou se o prefiren, obxectivado.
A propósito dunha mellor comprensión disto, pregúntanse algúns especialistas na filosofía hegeliana que se entende por "espírito absoluto", se ven a ser unha alienación, apropiación, o ambas cousas, e cómo opera na DIALÉCTICA, porque... nel mete Hegel, no "espírito obxectivo", o dereito, a moralidade, a "eticidade" e a Historia Universal. E estas manifestacións configuran formas que superan o tempo, como a Arte, a Relixión e a Filosofía, relativas aos campos da "sensibilidade", da "representación" e da "comprensión", en respectiva correlación. Pero este espírito resulta unha noción ambigua e paradoxal. E para consideralo dinámico hai que acompañalo doutras nocións, aínda que algúns estudosos cren que se trata dunha gran conquista, como Nicolai Hartmann, quen afirma que se trata de suprahistórico (Übergeschichtliches) na filosofía de Hegel, esforzada expresión dunha intuición que lle ven dada pola necesidade e o froito do presentimento na realidade desa necesidade, como calquera outra intuición.
Pero aínda que o "espírito obxectivo" non ten conciencia, como é superior ao individual, pásao Hegel considerándoo como unha concatenación de poderes "supraindividuais" correspondentes a cada momento histórico polo que denomina "espírito do tempo" (Zeitsgeist), e como o DEVIR HISTÓRICO se realiza pola loita dos individuos por coordinar con este espírito, acaba sendo o "espírito do pobo" (Volksgeist), que é un momento da Historia da Humanidade, que encarna o ESPÍRITO UNIVERSAL. Creo, pois, interesante reparar nesta dedución: O "espírito individual" que encarna o do pobo ven a ser un HÉROE. Por suposto, como isto é infrecuente, hai que partir de que o home pode ilusionarse co "espírito obxectivo" e confundilo co "absoluto", que ten a condición de ser EN-SI e PARA-SI; pero neste caso a dinámica que implica o "para-si" é temporal, e leva consigo a SUPREMA ALIENACIÓN HISTÓRICA, ao que chamaría Hegel O GRAN PECADO HISTÓRICO, que non é outra cousa que intentar facer do temporal algo eterno, descoñecendo a non identidade dos dous espíritos, o obxectivo e o absoluto.
Creo que se comprende sen dificultades que este tipo de alienación, que concibe este filósofo como infidelidade ao mesmo "espírito absoluto", considerándoo como unha cousa morta, unha cuncha, do que é e debe ser, unha mediación (Vermittlung) e non un fin, conxelando a dialéctica histórica. Pero é que esta paralización dialéctica leva consigo á desilusión (Enttäuschung) de todas as ilusións, á morte. Así Hegel convértese nun previsor da Historia, xa que o "espírito obxectivo" acaba os seus avatares no tránsito ao "espírito absoluto", que pode interpretarse como unha finalización definitiva na que termina a Historia; pero hai a RECONCILIACIÓN TEMPORAL, que ven a ser a terceira categoría da Historia.
É que o espírito vai pasando por momentos do seu camiñar no tempo. Na dinámica xeral da Historia o espírito fai o seu mundo nun espazo determinado, obxectivándose nas costumes, nas leis, nas institucións (incluso nas relixiosas), etc., e isto significa que as costumes, leis , usos... teñen o seu espírito, é dicir, cada pobo trata de converter a súa devida (de devir) situación, como acadada a ser a absoluta, mais ignorando que nin o espírito dos individuos nin o dos pobos conseguiron o seu propio florecemento, por isto caen no PECADO HISTÓRICO, sobre todo cando confunden o institucionalizado como algo definitivo, dando paso á alienación que os pode levar á morte, se non se activa a dinámica do camiño que leva a que todos os pobos se encarnen e concreten no "espírito absoluto".
En todo caso, o espírito,"como unidade vivente do diverso", antes ou despois, acaba reconciliándose con esa caducidade, abandonándoa, e de novo volve a vivir, e entendan que recupera a súa dinámica dialéctica. Por suposto, o "espírito universal" (der allgemeine Geist) non morre e na "subsumida" se repite no devir histórico como se repiten os ciclos temporais da natureza, onde a resurrección é repetición dunha e mesma cousa. No caso do espírito hai progreso, xa que el, nos distintos pasos do devir histórico, ofrécese coas creacións novas sempre distintas.