A nosa fase cultural: Transracionalidade
Nun artigo anterior, que titulei "Algo sobre a evolución cultural humana", dicía que as esixencias culturais da denominada "Fase transpersoal"ou "transracional", lévannos a pensar que talvez teñamos que revisar algúns conceptos, como os de "persoa", "humanidade", etc. Esta revisión, impulsada e esixida polos integrantes dunha cultura fortemente comprometida coa dixitalización e o uso dunha nova tecnoloxía de excelentes servizos, preséntase complexa; así que non hai que esperar que lles traga un mundo tan paradisíaco ás novas xeracións. Xustamente por isto, creo que convén sazonar cos respectivos riscos certas desproporcionadas ilusións. Vexamos algo que xa se albisca na "Internet".
Creo que todas as persoas, con algún recorrido no decurso das nosas vidas, podemos aceptar como certo que nas desvantaxes abren un horizonte as vantaxes, así como a escuridade da noite vai deixando espazo á aurora da mañá, e o ben enténdese en contraste co mal, posto que ambos "coimplícanse", como nos diría o falecido filósofo e gran hermeneuta, Dr. Ortiz-Osés. E, con estas evidencias, non parece lóxico esperar que as coñecidas vantaxes de Internet, que nos sitúan neste noso mundo de comunicacións, aínda acredoras á cualificación dos mellores eloxios, non estean acompañadas dos correlativos riscos.
Debemos considerar que nin a Internet nin as vantaxes que a súa utilización lle proporcionan á persoa humana teñen un fin per se; só esta ten obxectivos e fins que acadar na súa vida. É conveniente, polo tanto, non confundir o QUE se propón acadar e o COMO se pode conseguir, xa que as marabillas nisto último non substitúen a clarificación consciente dos obxectivos e a finalidade da nosa vida. Unha inadvertida confusión entre ambos conceptos comporta atribuírlle ao instrumental funcións e propiedades que corresponden ao persoal: Non é o mesmo o "que" a persoa persigue por esixencias da propia realidade que o "como" o acada mediante os medios que, cos seus mesmos coñecementos, logrou arbitrarse con vistas ós "propios fins", evitando así idolatrar atavicamente aos mesmos, e xustificar comportamentos semellados aos rezos cos móbiles, nas rúas, autobuses, salas de espera, etc.
Viktor Frankel, médico e psiquiatra australiano, vítima dos campos de concentración pola súa condición de xudeu, escribe que o home ten que ser consciente da finalidade da súa vida, porque incluso dotado das mellores armas non poderá librase de ser un escravo. E, partindo de que necesitamos comunicarnos, e Internet é un medio excelente para iso, non podemos esquecer que nin a nosa vida se reduce as comunicacións, nin Internet nos pode axudar a satisfacer todas as esixencias persoais das mesmas. Os recorridos símbolos que utilizamos no noso traballo, cos que representamos e transmitimos imaxes, desexos, percepcións, etc., non nos transmiten realidades, nin facilitan unha comunicación recíproca, é dicir, a mesma selección deles para representar unha realidade non garante ningunha seguridade representativa.
Por outra parte, no caso de que se necesite a presenza para realizar unha transmisión non se pode utilizar a Internet. Neste caso non procede a redución a símbolos, e noutros, porque non cabe facer esa redución. Ademais o símbolos son produto dunha cultura, na que existen formas propias de representar a realidade. Hai supostos nos que a fidelidade da transmisión só a garante o contexto presencial, como, por exemplo, a mesma transmisión dos sentimentos. E trago aquí estas reflexións previas, porque penso que nos sitúan correctamente na perspectiva de acadar unha pertinente valoración dos beneficios e riscos da Internet.
Sen dúbida, os medios técnicos que actualmente posúen as persoas contan, e moito, nos procesos de socialización, e aquí está Internet, cuxo servizo de acceso a cultura non cabe negarlle, e así, tanto nun caso como no outro, devén unha integrante definidora desta fase da evolución cultural, aportando valiosas achegas positivas, salvo os riscos que, inescusablemente, debemos de evitar, se non queremos caer nun vicioso progreso regresivo para a consecución dos nosos obxectivos persoais.
Pero estas son as regras dos xogos aos que nos leva a mesma vida: Como apuntaba mais arriba, non hai "positividade" sen referencia a unha contraposta "negatividade". E no que respecta a Internet basta ter presente, por exemplo, a existencia de portais pornográficos, e os mesmos riscos de informarse "on line", frecuentes nas compras, sen esquecer a inseguridade que impera na Rede cando pretendemos establecer relacións "interpersonais" auténticas, xa que se burla a necesaria mediación social e, especificamente, en función contextual. Isto lévanos a formular a seguinte pregunta: ¿Cómo se pode configurar unha personalidade sen a PRESENZA doutras, percibidas nas súas particularidades directamente polos nosos sentidos, evitando a artificialidade das mensaxes e privándose dunha necesaria información mímica?.
E xa noutros artigos ocupeime de destacar a importancia da expresión facial, esa linguaxe tan importante do corpo e que, a miúdo, pasa desapercibida. Habería que falar dos que algúns estudosos chaman seres anónimos, creando un ambiente de SOIDADE GLOBAL, que facilita o uso continuo de Internet, pola quebra da interacción social. E debe evitarse esta situación, que pode desencadear sentimentos de cansazo da vida familiar, da que se fuxe para ir ao espazo onde se entra en contacto co virtual, sen descartar, incluso, estados esquizofrénicos. Vale, pois, a pena preocuparse seriamente de todos os flocos desta temática, mediante informacións verdadeiramente documentadas, que non é o caso deste modesto"escribidor".
Non quixera terminar sen traerlles aquí a tendencia na actualidade a restarlle importancia a memoria, sobre todo en aplicacións pedagóxicas. Seguro que todos vostedes leron ou oíron que a memoria xa non xoga o papel de antes, porque os teléfonos móbiles substitúena. Parece que o estudante hoxe o que ten que aprender non son contidos de memoria, senón a buscalos nos continentes, como libros e artefactos rexistradores dos mesmos. Pero se teñen posibilidade de ler a obra, titulada, SOMOS NUESTRA MEMORIA, do Profesor de Psicoloxía cognitiva e Neurociencia, da Universidade Complutense, D. Emilio García García, comprenderán os riscos aos que esta praxes pedagóxica nos pode levar nalgún dos diversos sistemas da memoria, e sobre todo na explícita, na que a conciencia está implicada no proceso de manter recordos. É que, ademais, se "somos a nosa memoria", réstanlle a esta importancia certos artefactos, o que comporta debilitar a que nos corresponde a nosoutros como persoas.
Se queremos contrastar as funcións propias da memoria coas dos artefactos dixitais, como se deduce dos traballos do Dr.García, debemos clarificar non só que é esta, senón tamén as esenciais razóns da súa existencia, como funciona e onde se encontra. E para isto nada mellor que ler con atención a obra citada do mesmo profesor. Pero sempre a memoria e a intelixencia deben ir da man, precisamente para evitar a memorización de contidos que nada nos din. Neste caso é mellor entendelos que recordalos, aínda que o correcto é evitar caer no risco de converterse nun mero continente, semellando aos máxicos teléfonos móbiles.