O paradoxal nas innovacións sociais (1)
Creo que ninguén pon en dúbida que estamos pasando unha etapa histórica na que os cambios nas diversas dinámicas sociais, de matiz político, cultural, económico, ético, etc., sectores estes representados por sendas institucións, deixan en nosoutros un sentimento de innovacións paradoxais, nun ambiente de progresos tecnolóxicos de indiscutible eficacia funcional. Pero creo que debemos ter en conta que non é algo exclusivo desta época, aínda que sexa moi especial porque cuestiona certas estruturas sociais e xesta desorientacións, poñendo en tela de xuízo as formas habituais das institucións e debilita a integración dos lazos socias.
E afirmo que o paradoxal nas innovacións sociais no é exclusivo desta época, porque podemos documentalo dándolle un detido repasiño a historia universal, e se a paciencia non está moi propicia a facelo, preguntándolle á IA se a historia está marcada nos períodos innovadores por un arraigado paradoxo. Ela infórmanos, sen demora nin vacilación, que as tecnoloxías para resolver problemas concretos da vida e xerar progreso, traéndonos a palestra dos nosos desexos o aspecto proveitoso deste novo fenómeno, adoitan levar consigo prexuízos, desigualdades e xerar dilemas morais , é dicir, creanos unha situación na que temos que optar, na obrigada elección, entre accións igualmente boas ou malas.
Para confirmar o que deixo apuntado, ofrézolles algúns exemplos. Se reparamos na Revolución Industrial, encontrámonos con que se produce nesta etapa innovadora un aumento considerable na produción dunha serie de bens accesibles para a sociedade, que facilitaron ao home algunhas posibilidades na constante loita por acadar unha vida máis satisfactoria; pero ese progreso trouxo consigo consecuencias detestables, como a utilización impertinente da mao de obra infantil, unhas malas condicións laborables e unha pertinaz e severa degradación ambiental, que a mesma sociedade tivo que terminar rexeitando e regulando. Tamén aporto como exemplo a mesma Enerxía Nuclear, pois, aínda que creou enerxía a gran escala libre de carbono, xerou o temor permanente ao risco de catástrofes, deixando residuos radioactivos letais, difíciles de eliminar. E na actualidade, as Redes Sociais e Internet, pois, aínda que facilitan a democracia da información e permiten unha comunicación globalizada, crean problemas que afectan a singularidade persoal e perturban o conveniente sosego mental, causando a necesidade dunha rigorosa regulación ética e xurídica. E tampouco se debe excluír a mesma IA, admitindo a súa gran eficacia na medicina, na industria e na educación; pero, como ela mesma informa, trae graves problemas na destrución de emprego, nos rumbos algorítmicos e na posible vulnerabilidade da "privacidade".
Por suposto, isto induce unha tensión pola inescusable necesidade de elixir entre esas dúas opcións igualmente boas ou malas, o que se coñece co denominación de "dilema entre o valor xerado e o impacto ético e social". Situados aquí as innovacións, que adoitan avanzar moito máis rápido que as institucións e normas encargadas de regulalas, soen romper co presente antes de asegurar o futuro que se espera delas. Desta maneira deixan así a sociedade debatendo se os beneficios xustifican os danos colaterais inherentes, reais ou imaxinarios. Para unha maior garantía comprensiva, poden os lectores que desexen profundar nestas ideas consultar a interesante obra de Kim Cameron e Robert Quinn, titulada, en inglés, "Paradox and Transformation: Toward a Theory of Change in Organization and Management", Ed. Harper Business, Nova York", 1.988. Os autores sosteñen que a transformación real ocorre cando se trata de xestionar as tendencias opostas en vez de elixir só un camiño, e consideran, non obstante, como clave, a flexibilidade e dinamismo fronte a estabilidade e o control.
Penso que, partindo destas reflexións, tal vez poidamos mellorar a comprensión dalgúns fenómenos de carácter social, político, económico, cultural, etc., que nos desconcertan, e seguramente poden encadrarse nunha modalidade paradoxal propia desta etapa histórica, na que, certamente, priman os efectos dun progreso tecnolóxico, sen dúbida causantes dos dilemas que existen no ambiente do noso tempo, no que a ninguén se lle escapa un crecemento dos sufrimentos nos diversos sectores da vida, que os estudosos designan co nome de "indicadores de sufrimento", persoais e sociais: Os persoais adoitan afectarnos pola debilitación de todo aquilo que nos une ás estruturas comunitarias. E o mesmo Bauman di que nesta sociedade non son raras as prácticas do odio, que veñen dunha certa intolerancia arteiramente disimulada.