A ética aplicada á Biotecnociencia (2)
Se temos en conta as perspectivas que se intúen no horizonte dun futuro non moi lonxevo, os cambios impostos pola tecnociencia parece que darán unha configuración a todo o relativo ao noso actual ámbito cultural, no que se perciben xa os primeiros pasos. E a nova panorámica, en mans dun capitalismo salvaxe ameaza con poñer os beneficios das innovacións tecnolóxicas a disposición duns poucos cidadáns, que poden incluso declinar os seus efectos negativos no resto da poboación máis necesitada, e isto, que se está evidenciando en certos comportamentos no presente, xustifica a introdución dunha rigorosa regulación ética que garante unha xusta distribución e impida levar á natureza a xeración de riscos, sobre todo no ámbito ecolóxico, e ao ser humano á un posthumanismo pernicioso, evitando a tempo quedar a mercé dunha lóxica económica, que parece impoñerse con ansias e irremediablemente. A todo isto hai que sumar as preferencias que xa se están dando a industria nuclear, petroleira e química, que suman os seus riscos aos da biotecnoloxía e da enxeñaría xenética, da nanotecnoloxía e a mesma bioloxía sintética, etc.
Non obstante, como os indiscutibles avances da tecnociencia están acompañándonos con sorprendente frecuencia, estamos familiarizados coa crenza de que somos capaces de crear un poder tecnolóxico que supere os nosos medios de control. Sabemos moitas cousas, pero o mesmo progreso técnico mantennos nun contexto no que non nos queda outro remedio que aceptar a escasa comprensión, a xeneralidade das persoas, da mesma estrutura dos ecosistemas e, incluso, da interacción dos organismos vivos. E non falemos dalgúns riscos da tecnoloxía nuclear, ante a que nos sentimos cunha impotencia tal que nos leva, con paradoxo, a debilitar ese poderoso sentimento de orgullo que nos da o éxito da investigación tecnocientífica. Así que cabe pensar ata onde nos leva esta máis ou menos soterrada humillación pola nosa incompetencia para crear un sistema mundial no que podamos evitar os riscos , en vez de poñelos o servizo duns poucos, producidos polo home nas súas esgotadoras loitas coa natureza, xeradoras de conflitos sociais dos valores na defensa dos diversos intereses do lucro, que só favorecen minorías.
Sen dúbida, son poucos os que saben moito, pero menos que o que ignoran, entre o que conta que eles mesmos, nun futuro, máis ou menos próximo, poden estar levando á Humanidade a unha situación de relativa indixencia xeneralizada. Non se comprende que as persoas dotadas de excepcionais capacidades, poñan en perigo incluso a súa existencia, porque dentro dela están eles mesmos, e seguro que os seus descendentes, máis ou menos próximos, o lamentarán. Na súas mans acumulan poderes económicos e políticos, que os illan da necesaria convivencia, incluso indispensable para configurar as personalidades. E aquí non convén perder de vista que a diferenza de clases acentuouse debido a que o modelo que se impuxo na sociedade de desenrolo científico abriu o camiño a unha desigualdade social, política, económica..., cuns integrantes máis dotados de información, que lles permite sentirse menos desamparados, sobre todo cando non é posible determinar os riscos que pode implicar algunha investigación, ou lles falla a decisión que toman eles en particular obcecados pola defensa dos seus intereses de clase; pero, en todo caso, esa minoría privilexiada soe ter máis medios que o resto da poboación para soportar os efectos negativos das innovacións tecnolóxicas.
Penso que estas previas reflexións abren un horizonte á ética deste noso mundo tecnolóxico, posto que o problema ético neste campo non está só en que hai tecnoloxías verdadeiramente desastrosas, como no caso dos armamentos, senón tamén nas tecnoloxías que poden cualificarse de boas pola progresiva utilidade que aportan a Humanidade. O excepcional, por inaceptable, debería ser evitado por imperativo ético-social; pero o de evidente utilidade progresiva está necesitado dunha ética adecuada con suficiente contemplación no seu ámbito contextual. Sigo estendéndome na exposición previa á introdución dos principios éticos que os estudosos aconsellan e resume o Dr.Linares na obra que citei del, porque a comprensión do seu necesario emprego é absolutamente tan necesaria como a reflexión da súa aplicación.
Por suposto, é inescusable a creación de sistemas socio-políticos que insten o establecemento de regras para que regulen os procesos dos desenrolos tecnolóxicos, sexan da clase que sexan, e faciliten a análise das innovacións derivadas dos resultados das investigacións correspondentes, denominadas CONFERENCIAS DE CONSELLOS, integradas por expertos e cidadáns interesados, que celebran debates públicos, cuxo resultado recóllese nun documento no que se conteñen informacións á políticos que teñen competencias para tomar decisións, e orientan os mesmos expertos tecnolóxicos coas opinións dos cidadáns, e aínda que as desenvolturas tecnocientíficas no poden someterse a plebiscito, xeran un proceso de reflexión entre os investigadores e especialistas técnicos.
Por outra parte, a complexidade dos aparatos da biotecnoloxía, denominados xenericamente BIOARTEFACTOS, esixen vixiar algúns intereses centrados no lucro e beneficios. Esta é unha razón pola que convén extremar a vixilancia dos proxectos tecnocientíficos, en previsión de posibles riscos, sobre todo no campo da "biotecnoloxía", para valoralos, en función das súas consecuencias previsibles, incluso ambientais. Aquí pode desempeñar un papel importante a operatividade das "conferencias de consellos".