Sobre o traballo (1)
Como iremos vendo, a temática do traballo ofrece un cadro gnoseolóxico, principalmente relativo a seu sentido antropolóxico, paradoxal, e nestes nosos tempos, enfrascados en tan diversas formas de exercer o traballo, debidas ao gran avance tecnolóxico, por suposto sen cuestionar o progreso correctamente entendido, multiplica os problemas e incrementa as dificultades, que se van coñecendo ao través da súa historia, para encontrar ese verdadeiro sentido antropolóxico.
Procurarei traer aquí algunhas versións históricas, estimadas necesarias para facilitar a comprensión do que espero ofrecerlles como contido deste artigo, partindo da súa evolución conceptual, vinculada á evolución cultural humana, porque o traballo existiu sempre, o que nos invita a consideralo como a expresión dunha correspondente dimensión da realidade do ser humano, aínda que se presente ao través do tempo en diferentes formas, con distintas esixencias de análises en consonancia cos contextos prehistóricos e históricos, e leve as mesmas sociedades a arbitrar adecuadas institucións para responder as necesidades socioculturais, tecnolóxicas e económicas.
Partindo de que o traballo é un denominador común e universal da humanidade, resulta indispensable consideralo como unha actividade que o home e a muller necesitan realizar para cubrir as súas necesidades principalmente biolóxicas e socioculturais. Así que, ademais, é mester ter en conta como xustificado o esforzo que require como xerador dun certo valor, que, normalmente, debe ser inferior ao do produto do mesmo, o que xera non poucos problemas económicos que esixen adecuada solución, como anexos a esta universal actividade produtiva.
As sociedades arcaicas, como é sabido, estaban organizadas en TRIBOS, ou en conxuntos de habitantes formando BANDAS, que adoitaban dedicarse a recoller produtos, a diferenza das tribos, que eran de pastores e agricultores. Nesta etapa, as denominadas plusvalías recaían nas familias da sociedade, aínda que unha cantidade dela, cando había excedencias na produción, pasaba, incluso coactivamente, a persoas destacadas, que asumían a función de distribuidores, e, sobre todo, tratábase de persoas que ían adquirindo un certo poder político e económico. Velaquí o comezo das diferenzas nunha sociedade que era igualitaria. E con isto veñen os problemas de acceso a terra, xorden os xornaleiros e empeza a asomar unha primitiva tecnoloxía, o que arrastra a creación dos mercados, esixindo cambios estruturais, todo acompañado dunha certa explotación.
Estamos, pois, entrando xa nunha etapa na que ese traballo que os estudosos consideran como antropolóxico, cambiou a súa semántica debido as mutacións que se foron producindo na forma de xestionar a produción, como é o caso do intercambio mercantil, no que o diñeiro está polo medio, e con el páganse servizos e bens. Ademais o mesmo traballo pasa a ser unha actividade mercantil.
Conseguintemente, isto leva a que á produción haxa que engadirlle a obtención de diñeiro, que implica unha maior explotación dos recursos naturais co conseguinte impacto ecolóxico, degradándoa, xa que dela extraemos importantes continxentes de elementos necesarios para facilitar, ao menor custo posible, a fin de cubrir obxectivos, non sempre necesarios, incluso nocivos e mortíferos.
A inmersión nas esixencias dun desenrolo industrial, os cambios nun traballo a realizar por obreiros dotados da necesaria formación técnica e os desprazamentos aos lugares onde se empregan os instrumentos técnicos apropiados, etc., disocia á persoa con repercusións na mesma familia, aínda que o traballo sega sendo unha dimensión do ser humano, porque ataca o seu selo persoal, cortándolle as raíces culturais autóctonas, relaxando os controis valorativos e inducíndoo a unha certa impersonalidade, en prexuízo dos valores tradicionais, que facilitaban un afecto familiar e inmediato ao producido, mentres que na sociedade industrial só se respecta como traballo o que rende unha elevación da plusvalía. E así se considera na medida en que van sendo substituídos por servizos e obxectos producidos industrialmente: O calzado que acaricia o zapateiro, ou o traxe que confecciona o xastre ou a costureira, son agora excepcionais, debido as ofertas da orixe industrial das grandes empresas comerciais, acelerando os cambios modais dos compradores: os xastres nin as costureiras fan pantalóns rotos, que hoxe son habituais nas novas xeracións.