O gran pecado histórico (1)
Os que alimentamos as nosas apetencias intelectuais de escribir algúns artigos, e non sobrados das necesitadas capacidades, utilizando as despensas dos prestixiosos intelectuais, na filosofía cos andeis cheos de manxares de todos os gustos, corremos o risco de non dixerilos ben. Neste artigo a min permítanme utilizar as ofertas do filósofo alemán GEORG WILHELM FRIEDERICH HEGEL. Así é o seu nome completo, aínda que con "Hegel" xa basta para que os lectores preparen a colocación do escafandro que lles facilite mergullarse nas profundidades do complexo pensamento filosófico deste filósofo e a exposición do mesmo.
Hegel naceu en Sttugart (Alemaña), no ano 1.770 e morreu no 1.831. Foi profesor en varias universidades, entre elas en Heildelberg (na que tamén estiveron filósofos españois, como Ortega e Gasset e Zubiri) e acadou o Reitorado da Universidade de Berlín, onde era coñecido como "profesor de profesores"; e intelectuais, como Marx, que aproveitou fundamentais ideas na súa obra "O Capital", considerárono dotado dunha gran intelixencia. Pois ben. Como o meu escafandro nin é suficientemente eficaz, nin as miñas capacidades ofrecen excesiva confianza, intentarei quedarme na superficie, onde espero encontrarme con vostedes, aínda que algún veña dunha profundidade ignota para min, sen renunciar a suxerirlles certas ideas que podan deixar algo aproveitable, pois eu, se non abrigara esta esperanza, non publicaría o artigo.
Hegel deixounos unha nova visión da dinámica da Historia, e esforzouse en acadar unha complexa expresión da mesma loitando coas insuficiencias da linguaxe, que o levou a crear incluso, cando o necesitou, unha terminoloxía non sempre fácil de traducir do alemán a outros idiomas, absolutamente indispensable para estender a súa correcta comprensión. Utilizou como categorías a "variación", que en alemán designa con termo "Veränderung"; "rexuvenecemento", en alemán, emprega "Verjüngung", e "finalidade "en" e "para si" (Entzweck an und für sich). Pero estas categorías son exemplares, que espero só referir aquí, prestando especial atención as que el chama "dialécticas", que son a ESPIRITUALIZACIÓN, ALLEACIÓN (ALIENACIÓN) e RE-ASUNCIÓN.
Por espiritualización Hegel entendeu adquirir a espiritualidade dialéctica da Historia, que non é unha "natureza". Considera a Historia como algo "sobrenatural" (Übernatürlich). Non obstante afirma que o espírito xurdiu da natureza,coa concienciación (Bewusstmachung), onde aparece o "espírito individual"; pero a natureza ven a ser unha "intelixencia inconsciente", durmida. Cando espertou e volveu en si, "trátase dun avance e comeza a historia. Así que a Historia Universal xa se desenvolve no terreo do "espírito", e non é que a natureza non interveña nela, pois hai que valorar a determinación natural; pero o substancial ven a ser o espírito e o curso da súa evolución: é que despois da creación da natureza emerxe o home, que se constitúe oposto ao mundo natural, para sacar a luz ao reino do espírito, que acaba facéndose en si mesmo un obxecto, e empeza sendo primeiro no home unha posibilidade de devir o que debe ser, mentres que o animal termina rapidamente a súa formación. Isto facilita a comprensión, posto que, efectivamente, a aparición do home foi moi posterior a todo o natural, incluído o biolóxico.
E insisto: A Historia Universal xa se desenvolve no terreo do espírito, e non se trata de que non interveña a natureza, porque, como dixemos, a determinación natural hai que valorala; pero o substancial é o espírito e o curso da súa actuación. Por conseguinte, reparemos en que o home emerxe xa como oposto o mundo obxecto. Nesta situación comeza constituíndose nunha POSIBILIDADE DE DEVIR O QUE DEBE SER, é dicir, de evolucionar; e para unha mellor comprensión engado que Zubiri dinos que o home é un sistema ABERTO, que vai configurando a súa personalidade no seu decurso vital, e o animal, en cambio, un sistema cerrado, que con rapidez acaba sendo o que naturalmente debe ser.
Hegel danos unha concepción nova da historia, e, por suposto, utiliza unha terminoloxía que el necesita para expresar as categorías das que se vai valer para abordar a súa visión da dinámica histórica. E como el considera que a natureza non é historia, xa que esta é algo sobrenatural, aínda que dela xurdiu o espírito, a concienciación no home, onde aparece o espírito individual, e considéraa unha "intelixencia inconsciente": dela parte como un obxecto todo o proceso do espírito. Así que distingue Hegel o "espírito do pobo" (Volksgeist), da "nación", porque ten que pasar a ser Estado para posuír a verdadeira espiritualidade, comezando o seu devir. Hegel, non obstante, dinos que hai tres maneiras de considerar a Historia: A "orixinaria" ou "inmediata", que adoptan os historiadores que viviron o espírito dos acontecementos, participando del, tal é o caso de Heródoto, Tucídides, Jenofonte...; a "reflexiva", cando o escritor escribe reflexionando sobre o espírito dos feitos, e "filosófica", que corresponde a Hegel, que constrúe dun modo apriorístico a Historia, aproveitando todos os puntos de vista, xa que o mundo interprétao dirixido pola IDEA, mediante a dialéctica activa do espírito dos pobos.