Olor a ditadura
Parece indiscutible que arroxar as institucións socias, nas mans dos que teñen algún poder, contra as persoas, ata o extremo de humillalas, facilita a conversión da sociedade nunha tal indecencia, que acusa o comezo dunha posible ditadura, é dicir, que, vulgarmente dito, deixa un cheiro a unha disimulada tiranía, que non todos os cidadáns son capaces de percibilo debido á penumbra que xera o pracer da acomodada situación económica da que gozan algúns aproveitados, nuns casos, e, noutros, ao medo do risco de palidecer ao final do perverso recorrido. Exemplos superlativos a URSS estalinista e a Alemaña nazista. E particularmente como se asfaltou, na democracia, o camiño a ditadura en España, non parece que sexa unha lección ben aprendida por unha considerable maioría que pretende aproveitarse do asfalto presa dunha certa vaguidade crítica das súas opinións.
Pero as ditaduras traen cola, xa que, sufridos os seus efectos, abren unha etapa na que nace o empeño de determinar, entre os mesmos cidadáns, quen foi colaboracionista ou resistente, e empeza a descubrirse que, tanto uns como outros, eran realmente poucos, e, non obstante, unha gran maioría engruñouse para sobrevivir. E os que naceron despois, investidos dun descoñecemento que lles impediu aplicar unha adecuada hermenéutica ás experiencias narradas, xulgaron con dureza as condutas que consideraban desfavorables ás súas recentes posicións "pseudodemocráticas", e homenaxearon aquelas que as favorecían, e así, cruzando o ambiente político de propósitos determinantes de posturas máis contraditorias e perturbadoras, manipulan as ideoloxías en perspectivas diversas e incompatibles co interese xeral do país, e coas respostas adecuadas ás necesidades sociais para responder ás esixencias dunha correcta racionalidade socio-política.
E desta maneira, nin a autocracia, nin a persecución e violencia que ambientan a atmosfera dunha sociedade afectada por un importante grao de corrupción, favorecen o respecto a unhas institucións que a elite do poder utiliza como instrumentos da ocultación da irresponsabilidade que a produce. Así se explica que cando nunha sociedade o sustento dun considerable número de persoas dependa da colaboración con todos os elementos, persoais e institucionais, que propician esta situación, impere a indecencia. E cando a perversidade non se corrixe e adquire proporcións incontrolables polas institucións creadas ad hoc, xorde o colaboracionismo e a resistencia, con grupos de cidadáns que colaboran cos gobernos ou os resisten, respectivamente, incluso cun artello de certa inconsistencia, porque a simulación de moitos presuntos adictos ocúltase nos comportamentos.
Exemplos superlativos témolos na Cortina de Ferro coa que os gobernos trataban de impedir que os cidadáns fuxiran da URSS, e agora parece que as políticas de Vladimir Putin, en Rusia, levaron a miles de rusos a saír do país. O mesmo campión de xadrez e activista Gari Kasparov afirmou que os rusos que queiran defender unha historia correcta deben fuxir; non obstante, o mesmo Premio Nobel da Paz, do ano 2.021, Dimitri Muratov, defendeu a liberdade de expresión en Rusia, e non abandonou Moscou, o que evidencia que no mesmo grupo da resistencia abriuse unha greta, como, presuntamente, no colaboracionista, sempre controlados e vixiados. E en Alemaña ocorreu igual: O gran director de orquestra, W. Furtwängler, resistiu exiliarse; pero, en cambio, exiliouse Thomas Mann, considerado un dos maiores novelista do século XX, que recibiu o Premio Nobel de Literatura do 1.929. Mais, un e outro, foron, desde os seus respectivos lugares, gardiáns da cultura xermánica, e mesmo no grupo de apoio ao goberno contaban con apoios solapados.
Trago isto aquí para que vostedes, os lectores, teñan presentes referencias de ata onde pode evolucionar unha sociedade autoritaria, sexa da esquerda ou da dereita, co xerme da indecencia, que humilla a ter que repetir falsidades, afectando a figuras públicas como escritores e artistas, utilizando recursos progresivamente cada vez máis perversos. Pode, incluso, establecerse unha especie de denominador común: auméntase a resistencia das cancelas a liberdade de expresión, e créanse espazos de tensións político-sociais para enredar a aplicación da racionalidade crítica. E isto ocorre, incluso, nun Estado indecente no que aínda se conserva a liberdade dos países demócratas, como eleccións libres, liberdade de prensa e unha certa independencia xudicial. Exemplos como Israel e EE.UU. teñen institucións para humillar as persoas e as minorías; pero no caso do novelista David Grossmann, escritor e filósofo israelí, que escribiu duras críticas ao seu propio goberno pola guerra contra a poboación palestina, e, aínda que é obxecto de furia dos "antisionistas", ofrece un exemplo de resistencia desde dentro do mesmo país.
Engademos a isto que a administración Trump está facendo todo o posible por levar a indecencia ao seu país, insultando aos inmigrantes e aos seus países de orixe con arrestos e deportacións; pero EE.UU. aínda non é unha ditadura: a prensa é libre e ten xuíces independentes. É un paradoxo que esa mesma política utilice a IDEOLOXÍA WOKE para apisoar a libre expresión en moitas das súas institucións, se ben preséntase máis perigoso o "anti-woke" da extrema dereita, xa que conta co respaldo do Estado. Pero... qué é a "ideoloxía woke?". Explícoo modestamente no parágrafo seguinte, e aínda que sería preciso concederlle unha maior extensión, este espazo esixe brevidade.
O termo "woke" é o participio pasivo do verbo inglés "to wake", espertar, que introduce a idea de estar esperto contra a cultura occidental, función que pretende desempeñar unha nova ola do movemento de corrección política. Para iso é mester, pensan os integrantes, prescindir desa cultura, porque a súa abafada presenza leva a cabo unha revolución epistemolóxica e política contra a necesaria civilización occidental. Esta cultura woke nace nas universidades, e delas expandiuse pola vida pública a ambos lados do Atlántico, e colonizou o imaxinario colectivo. Parece que se trata dunha esquerda relixiosa, que rexeita definir as persoas en función do color da pel, xa que hai que tratar a todo o mundo igual, e combater o racismo, considerando que é o home branco quen encarna o mal absoluto. (Consulta a Vikipedia).
Lamento que a miña limitada formación no me permita darlles unha suficientemente fundamentada información dos avances científicos, que seguramente buscan acomodos noutra nova civilización que empeza a cambiar os principios básicos da que posuímos. Ofrézolles un exemplo. Dinnos os periodistas científicos que a computación está fusionándose coa bioloxía, por superación dos límites do silicio. Parten das dúas fronteiras científicas; a "biocomputación" e a bioloxía cuántica, que abren a fronteira a unha nova tecnoloxía, que non só procesará información, senón que o fará como parte da natureza da vida, que, en vez de imitar a vida, vai tratarse de utilizala como unha nova forma de computación, dando lugar ao nacemento da "biocomputación", onde a bioloxía, a informática e a enxeñaría converxen para crear tecnoloxía viva, na que se usan procesadores en lugar de circuítos e cables, aforrando moita enerxía, porque imitar a capacidade do cerebro humano necesita a enerxía dunha pequena cidade, mentres que o cerebro opera cuns 20 voltios. Ensinase á vida a realizar computación cuántica, E ASÍ FACILÍTASE A OBSERVACIÓN DOS PROCESOS DA MESMA VIDA, E A COMPUTACIÓN NON SÓ SE INSPIRA NA VIDA, SENÓN QUE SE INTEGRA NELA.
Se todo isto o transportamos a este mundo tan desconcertante, creo que non é nada estraño que percibamos un olor a ditadura, porque as profundas desavinzas políticas están creando tendencias sociais difíciles de canalizar dentro dos recursos que nos ofrece a nosa civilización, catalizado este fenómeno pola mesma "tecnociencia", que esixe inxentes cantidades de enerxía que non poden pagar a maioría dos países. E parece que a percepción nalgúns sectores das poboacións se fan eco da situación. Creo que non hai que excluír certas manifestacións e agrupacións, como pode ser a "ideoloxía woke", advertindo, máis ou menos explicitamente, a necesidade de "espertar". E talvez a "biocomputación", abaratando, pola redución enerxética, o uso de "supercomputadores", facilite unha certa igualdade, e incluso permita que o mundo acade un control nuclear necesario. O mesmo Noam Chomsky, a quen penso facer referencia proximamente, sexa un precursor desta situación mundial.