A filosofía das ciencias en Einstein
Levo tempo prometéndolles algún punto de reflexión sobre o pensamento filosófico de Karl Popper, e dentro dunhas semanas penso cumprilo. Téñoo preparado nun artigo dividido en catro partes; pero talvez sexa conveniente un brevísimo apunte da filosofía das ciencias de Einstein, pola influenza que aquel recibiu deste, especificamente no marco das ciencias, a modo dunha ponte que permita ver o tránsito conceptual dun ao outro, aínda que no meu caso resulte un pontigo.
Entre os conceptos que se consideran influenciados están, a oposición a INDUCIÓN como método científico, o recoñecemento da FALSABILIDADE, a contribución a teoría da racionalidade científica a través da súa defensa de casos límite na física, a posición realista na física, etc. Convén recordar que Einstein afirma que a gravidade é unha consecuencia da xeometría "espazo-tempo", que está producida pola presenza de corpos masivos, e esta teoría implica, para o seu autor, a hipóteses dun cosmos finito, condenado ao colapso "gravitatorio", pero cunha repulsión que debe evitar o colapso, aínda que acabou renunciando a ela, debido as achegas de Friedmann e as observacións de E. Hubble.
Pero aquí interésanos a súa achega á filosofía da ciencia, e para iso a consulta da súa AUTOBIOGRAFÍA (Alianza Editorial, Madrid, 1.992), é útil, e nela pode lerse o que di de Hume, que veu claramente que determinados conceptos, como, por exemplo, o de CAUSALIDADE, non poden derivarse da materia da experiencia MEDIANTE MÉTODOS LÓXICOS. Ademais, por suposto, oponse ao concepto dos espazos e tempo ABSOLUTOS coa súa teoría da relatividade. Polo tanto, estes xa non son contedores absolutos, senón dispositivos para a ordenación dos sucesos elementais. E aquí aclara que todo elemento da realidade física debe ter unha contrapartida na teoría da física. Así parece entender os "sucesos elementais" nun sistema de realidade.
A influenza de Einstein en Popper é indiscutible, posto que este mesmo a recoñece no uso das citas que fai daquel. Nunha delas ven a dicirnos, en referencia ás proposicións das matemáticas, que estas, en canto se refiren á realidade, non son seguras, e cando son seguras, non se refiren á realidade. E Popper, aproveitando esta idea "einsteiniana", afirma que en canto as proposicións dunha ciencia se refiren á realidade, teñen que ser "falsables", e se non o son, entón non se refiren á realidade.
Sostén Einstein que o gran obxectivo da ciencia consiste en abarcar por DEDUCIÓN LÓXICA o maior número posible de feitos empíricos a partir do menor número de hipóteses ou axiomas. É que os métodos indutivos están deixando o paso libre ao tentear dedutivo: non existe un método indutivo que nos conduza aos conceptos fundamentais da física. Na Autobiografía informa que aprendeu da teoría da gravitación que unha colección de feitos empíricos, por moi abundante que sexa, non pode conducir ao establecemento de ecuacións tan complicadas. A unha teoría cabe contrastala coa experiencia, pero non hai ningún camiño que conduza da experiencia á construción da teoría. Así insiste Einstein e relévanos de estendernos tanto en Popper.
Destaca en Einstein o seu realismo científico. E sen facer un recorrido máis profundo para evidencialo, creo que basta percibilo implicado na afirmación de que a física é un esforzo por aprehender conceptualmente a realidade como algo que se considera independente de ser percibida. Tamén se deduce de que entende a "completude" como a esixencia de que todo elemento da realidade física debe ter unha correspondencia na teoría da física, e este elemento, como se apuntou máis arriba, non debe perturbar en absoluto o sistema do que forma parte, e así é posible predicir o valor dunha realidade física con certeza, o que permite, sen dubida, afirmar a existencia dun elemento da realidade física correspondente a esa magnitude física.
A FALSABILIDADE, enténdea Einstein vinculada á "cientificidade", a modo dun requisito fundamental da mesma, posto que as leis da natureza, xerais, son invariantes por esixencia da mesma teoría da relatividade, e se non o fosen quedarían refutables. Pero, incluso, o razoamento dedutivo, en pouco máis pode ser usado que en contextos de xustificación. E todo isto debeu levar a Popper a afirmar que Einstein está na raíz da súa propia defensa da actitude crítica, como norma, na metodoloxía da ciencia.
Espero que esta breve exposición facilite a comprensión do que lles ofrecerei de Karl Popper, cun enfoque de matiz xustificativo.