Tamén a Democracia...? (2)
A "heresteses" presupón que os políticos profesionais poden, normalmente, manipular, e de feito fano, as preferencias políticas do seu electorado, aumentando así a fractura entre eles e o cidadán, entre representantes e representados, simulando que a votación define o réxime democrático. Aquí evidenciase que non é fácil encontrar un substrato que serva de fundamento do sistema, aínda que se traballa sobre a agregación -e non parece que en España!!- de preferencias individuais, a fin de encontrar un criterio unívoco de interese colectivo, ao que se refire Arrow no seu Teorema da Imposibilidade. Este economista considera a democracia, o mesmo que toda elección social, un proceso tal que os ordenamentos de preferencias dos electores non se conservan puras, senón que son transformadas para que as persoas podan vivir en sociedade. Xustamente por iso, máis que dun proceso de votación, trátase dun procedemento de ameazas e negociación, para que as expectativas se axusten ou acondicionen ás doutros individuos.
Adolfo O: Hirschman, economista de orixe alemán, na súa obra "Apropensity to self-subversion", comparte esta opinión de Arrow, en canto afirma que "a democracia ten, xeralmente, que entrar na existencia non porque o pobo desexou esta forma de goberno ou porque se haxa encontrado un amplo consenso sobre "valores básicos", senón porque varios grupos foron mutuamente durante moito tempo ameazados e acabaron recoñecendo a súa mutua inhabilidade para acadar algún consenso.
É racionalmente incomprensible que os políticos non sexan máis respectuosos coa súa propia ciencia, a política, na que se buscan os límites e o fundamento das actuacións políticas, e estúdase a creación de institucións que acouten as arbitrariedades dos poderes políticos, dimanantes dun perigoso esquecemento de que estes corresponden ao pobo, aínda que o seu exercicio sexa vicario, e desencadee un escepticismo nos cidadáns acerca da incapacidade das xentes para gobernarse en liña cun "interese colectivo", evitando a singularidade partidista e de grupos, xerme das situacións, máis ou menos explícitas, oligárquicas. E chegamos a tal extremo que se pode extrapolar á democracia ao que di Amarty Sen da teoría económica da política, á que designa como destrutiva, pois parece que non é posible considerar que a democracia sexa un método de agregar preferencias dos integrantes dun colectivo, sumando ou restando votos, posto que existen moitas formas de contalos e os métodos poden arroxar resultados diferentes, porque cada un deles é vulnerable á manipulación estratéxica (heresteses).
Un pouco máis sobre o voto. Sabido é que o voto é a principal forma de participación dos cidadáns, a que define o réxime democrático, que leva a Riker a concluír, despois dun concienciudo estudo, que non hai método de votación do que poda dicirse que amalgama os xuízos individuais verdadeira e xustamente, porque algún deles viola o canon razoable de xustiza e precisión. Hai un paradoxo: individuo racional - sociedade irracional. Así que, insiste, unha selección da orde social non pode determinarse polas preferencias dos votantes!!. E por si isto fora pouco, como xa apuntei, está aquí para dificultar a "agregación de preferencias dos integrantes dun colectivo", engadindo que o comportamento dos políticos "herestésticos", ao abeiro da innovación e da revolución, ben pode adxectivarse como manipulador desas preferencias.
Riker fundamenta este seu xuízo crítico en que, cando unha elección non representa a maioría, nin tan sequera se poden coñecer as verdadeiras preferencias dos cidadáns, e isto leva á mesma democracia a perder o fundamento da súa necesaria estrutura lóxica; pero, ademais, na maioría, encarnada nun "líder redentor"!, pode este burlar a verdadeira vontade dos integrantes dela, e se isto non ocorre, aínda queda o "populismo" para facilitar a colocación do primeiro chanzo para unha ditadura (lembren o caso Hitler). E atribúe ao "populismo", tamén, o recurso a bloquear subsecuentes eleccións á que outorga o poder a un gobernante.
Colgarlle a un adversario político, como se a democracia estivera ben definida, o cualificativo de antidemocrático, é unha evidencia de que non se posúen outras razóns para debilitar a súa competencia. Polo contrario, pensar que os sistemas democráticos non teñen fallos, equivale a descoñecer que os crea e utiliza o home/a muller, onde están as fontes da irresponsabilidade. Tal é o que cabe deducir da información dos escépticos e dos defensores. Por iso creo conveniente ofrecerlles a opinión dun enérxico defensor da democracia: Gerry Mackie, "politólogo" estadounidense, nunha obra que titula "Democracy Defended", (Democracia Defendida). Ven a dicirnos o seguinte:
A visión predominante na ciencia política é que a democracia é inevitablemente caótica, arbitraria, sen sentido e imposible. E tal escepticismo comezou con Condorcet no século XVIII, e continuou con Arrow e Riker no século XX. Mackide aproba as dúbidas de larga data deses estudosos sobre a gobernabilidade democrática, mais chega a conclusión de que case todas as afirmacións empíricas deles son erróneas. Admite, iso si, que os axiomas de Arrow establecen POSIBILIDADES LÓXICAS, PERO NON EMPÍRICAS. Para a mellor comprensión disto, ofrézolles unha breve exposición do seu Teorema de Imposibilidade, que establece que cando se teñen tres ou máis alternativas para que un certo número de persoas voten por elas, no é posible deseñar un sistema de votación ou un procedemento de elección que permita xeneralizar as preferencias dos individuos cara a unha PREFERENCIA SOCIAL DE TODA A COMUNIDADE, de maneira tal que, ao mesmo tempo, se cumpran certos criterios razoables de racionalidade e valores democráticos. Máis sinxelo: EN AUSENCIA DUNHA UNANIMIDADE PLENA E BAIXO HIPÓTESES QUE PARECEN RAZOABLES, o interese colectivo non pode existir. E isto, non obstante, ten un impacto empírico.
E por valores democráticos enténdese "non ditadura", universalidade de alternativas, eficiencia en Pareto, independencia das alternativas relevantes, imposibilidade de expresar preferencias falsas, fidelidade aos representados mediante información adecuada, etc. A eficiencia en Vilfredo Pareto, economista italiano de finais do século XIX, fai referencia a que en economía existe un punto de equilibrio no que non é posible mellorar a situación dun individuo sen prexudicar á doutro. Para que se entenda ben, imaxínense as autonomías en España como individuos, e, ademais, lembren as teses de Habermas na teoría deliberativa, é dicir, no diálogo entre os que representan intereses diferentes, que parece inevitable, seguramente porque non se resolven os problemas da "heresteses", que hai que procurar que non "maduren"; pero a deliberación tamén está suxeita a engano e a condutas insinceras, e falla cando os intereses son irreconciliables, que é o que leva aos responsables políticos, con excesiva frecuencia, a utilizar argumentos contraditorios non asumibles contextualmente.
Xa espero aos que dirán, "por un oído me entra e por outro me sae!". Acéptoo modestamente. Creo que podemos dicir que lle é imposible ao home/á muller descubrir as verdades absolutas; pero deberíamos, polo menos, coidar de rexernos polas relativas, porque, se é que destas hai algunha, sería unha absoluta.