Do Castro a Vilaúde
Pedro e Carme
Un día subín ao Castro pola rampla chamada da Costoira, e explicoume alguén: "Pedro, o filósofo, é de por aquí…".
Á porta dunha casa, que para min era a patrucial, unha columna feita de pequenos muíños castrexos, deses que aparecían sachando ou que asomaban, simplemente, como se quixesen avisar do seu oficio, un dos primeiros que os humanos inventaran para aproveitar os cereais -trigo, centeo, avea- e mais as landras que os carballos espallaban para dar en abundancia a ansiada fariña…
Con que alí estaban os lares de Pedro da Costoira, o filósofo, o profesor, o amigo…
Confeso que sempre coñecín a Pedro en convivencia… Ela chámase Carme, e é da familia dos García, con casa en Vilaúde.
Non é raro encontrar a parella -sempre que o tempo axudar unha miga- a facer esa rota que leva de San Pedro ao Reirado ou á ponte de Santa Mariña, ou a facer outros estiramentos ideais para a saúde, maismente se se quere continuar a comer ben, sen padecer ningún castigo polo exceso de esforzo corporal, máis propio da dourada adolescencia…
Nunha daquelas rotas é posíbel facer unha paraxe na casa dos García, ao pé do río, onde nos dará conversa o irmán de Carme; como todos os García, inconfundíbel pola súa leria.
A casa de Pedro Rubal está no lugar coñecido por A Seara, parroquia de San Pedro, no concello de Alfoz, que veñen sendo as terras que obedecen as leis do Castro. De alí saen eles, a parella Rubal-García, para pasearen pola zona a fin de se manteren fortes e inequivocamente sans, podendo desfrutar dunha alimentación tradicional con que a mente dos galegos se empodera para enriquecer o espírito das máis douradas riquezas…
Carme e Pedro van raramente separados. Chamas por un e veñen os dous decontado. Entras na casa deles e respiras verdade e ciencia aberta. E escoitas esa música tranquila da ribeira, cando o paporrubio, a lavandeira e outras aves das que teñen a graza de poder falar, quer en directo, quer en metafórico, son tocadas pola graza filosófica da nube que coroa ambas cabezas, a de Pedro e a de Carme, tan ricas en harmonía como nun éffrayante pas–à–deux, en Santa Mariña, correndo, até Ferreira, cando voan azores na recta de Sant Acisco!