Manuel Camba

Mestre

Teño con Pedro Rubal unha relación moi estreita desde aquel lonxano 1955, cando fixemos o servizo militar. Relación de amizade extensiva a Carmen, a súa muller, a seus pais, Jesús e Antonia, e a toda a súa familia.

Son persoas entrañables coas que Conchita, a miña dona, e máis eu mantivemos sempre unha estreita amizade, coas que percorremos media España, eles no seu Dauphine e nós no Seat 600, vendo o país, gozando da súa compañía.

Cando o visitaba na súa casa sempre estaba rodeado de libros, atarefado, traballando, apurado, e cando en broma dicía que non o deixaba traballar interviña en broma tamén seu pai rifándolle porque despois de terme invitado non era quen de atender debidamente ao amigo.

Non sei como establecemos unha relación tan profunda: el, sempre estudando, sempre subindo no mundo intelectual, progresando profesional e culturalmente. E eu, un mestre de escola, pero o certo é que a nosa amizade mantense con toda a súa forza case setenta anos despois de comezar.

Lembro ternos ido de viaxe, e cando volvíamos -Rubal traballaba daquela como procurador- metíase comigo en broma sinalando que eu tiña a miña nómina agardando por min, mentres que el tiña que ir buscar traballo.

Bromas son bromas, pero a nosa amizade é algo moi serio, que perdura tantos anos despois grazas a que Pedro Rubal (e Carmen sempre con el) é un imprescindible, un sabio e unha magnífica persoa.