A lóxica precede á matemática (e 2)
Continúo ofrecéndolles un breve e superficial comentario do libro SER Y VERDAD. "El pensamiento lógico y su conexión con el mundo de los valores", de D. José María Méndez, que en 1988 fundou a "Asociación Estudios de Axiología". Aborda os errores lóxicos sobre a EUTANASIA.
Consideren a seguinte cita no libro do autor: "Non hai ciencia ética sobre casos concretos. Cada persoa é única na Historia Universal. En consecuencia, para cada valor ou regra xeral cabe encontrar o caso concreto que a contradí". Expresa isto doutra maneira: "En ética non cabe aplicar a indución". Polo tanto, non é correcto deducir dalgúns casos todos os casos. A indución só funciona ben nas ciencias que se ocupan do mundo da natureza causal.
Supoñamos que un enfermo terminal pide por compaixón aos seus familiares que lle axuden a morrer, e eles accedan para evitarlle o sufrimento, disto non pode deducirse que É LÍCITO MATAR EN TALES OU CALES CIRCUNSTANCIAS. O "suposto legal" vai contra a lóxica: "Ningunha lei pode establecer A PRIORI ou ANTE FACTUM QUE SE PODE MATAR, como se fixo na lei do aborto". Sempre hai casos concretos para todos os gustos, e a lei xeral é NON MATARÁS. As excepcións veñen por outros camiños: "É tarefa A POSTERIORI, do xuíz, non do LEXISLADOR".
Polo que respecta ao TEMPO, dálle dous sentidos: O "tempo lato sensu" e o "tempo stricto sensu". En canto ao primeiro, entende "haber nacido", que significa vivir o instante presente, xa que o pasado non existe e o futuro aínda non chegou; é o mesmo que a existencia sucesiva. En canto ao segundo, "haber nacido e morrer", o que experimentamos todos na nosa vida. A interrupción do tempo é a morte, por iso el é continuo. Engade o autor do libro que convén reservar o termo TEMPORAL para o "tempo lato sensu", porque indica xusto a instancia sucesiva dos instantes presentes, propia do ente que naceu, prescindindo de se morrerá ou non. Neste caso a súa negación sería o concepto de ETERNO. Tamén manexa o termo EVITERNO. Isto talvez facilita a formalización lóxica, utilizando CONTINXENTE para o tempo stricto sensu, mediante as parellas "eterno-temporal" e "eviterno-continxente".
Sostén que o AZAR non existe na natureza. Esta palabra e as de igual significado non denotan ningunha entidade que teña actualidade ou existencia real na natureza. Só designan o baleiro do noso coñecemento, limitación da ciencia humana. De todos é sabido, e así o di D. José María, que sobre o azar e a indeterminación xurdiron polémicas na física cuántica (principio de incerteza, de Heisenberg) e a evolución darwiniana. Nesta materia, o mesmo Einstein considerou o azar inexistente. Aquí achégolles unha cita do libro comentado, páxina 152, que resume a postura do autor, que di: "Con todo, o máis importante para nosoutros é darse conta que o azar é so un baleiro de coñecemento, e que a partir dese baleiro non cabe sacar conclusións". Claro, a partir da nada pode extraerse calquera conclusión e a súa contraria.
Tamén é tema a INTELIXENCIA ARTIFICIAL (IA)e cualifica de visionarios os que abrigan a esperanza de que o "homo sapiens" chegue a verse superado polo "homo cyberneticus". Di que esta intelixencia será todo o potente que se queira, pero non deixará de ser un HARDWARE e un SOFTWARE. E ofrece as súas razóns. Non morre, porque nunca viviu. Permite despezarse e por isto esta máquina nunca será un ser vivo. Si... o robot pode aparentar que ten vida; pero nada máis, porque o home no pode crear vida a partir da materia inerte.
Non sabemos que é vida, pero tampouco que é a materia inerte. Só sabemos que a materia inerte está suxeita ao desgaste "entrópico", mentres que a xeración e o crecemento do ser vivo van contra a entropía. Conclusión: Se a IA non pode crear un ser vivo, menos unha persoa, que posúe os operadores lóxicos, que leva consigo dúas capacidades simultáneas: pensar a construír unha linguaxe e afirmar e negar, decidindo entre a verdade e a mentira, en liberdade positiva.
Explica o mesmo autor como considera que a "Trindade axiolóxica", considerando que consiste nos tres valores supremos: O Ser, a Verdade e a Beleza, aos que designa en latín como IPSUM ESSE, IPSA VERITAS ET IPSUM PULCHRUM, e aborda en, sucesiva titulación, a CREACIÓN, partindo da que denomina CONSISTENCIACOSMOS (sic), o correlato lóxico de canto existe no noso mundo, que ven a ser a conxunción das consistencias parciais de todas as cousas, asignando a esencia da beleza do cosmos ao IPSUM PULCHRUM, e a súa existencia ao IPSUM ESSE.
Con terminoloxía recente dinos que o "hardware", cando apareceu vida na nosa Terra xa estaban presentes e dispoñibles todos os ingredientes físico-químicos, e o "software" foi o programa informático incluído na "consistenciaCOSMOS" no momento do Big Bang, e fai 3.500 millóns de anos que no noso planeta Terra se deron as dez, elevado a corenta mil, circunstancias favorables esixidas para que da materia inerte xurdira a chispa da vida. Polo tanto, non se trata dun milagre fora das leis da natureza. E escribe que "a materia e a vida só se perfeccionan na súa organización interna grazas a que existe o absoluto duns previos operadores lóxicos que non evolucionan. Son agora os mesmos que estaban presentes na inmensa fórmula lóxica consistenciaCOSMOS no momento do Big Bang", páx.203.
O libro termina cos tres triángulos básicos na lóxica: Triángulo modal, que relaciona os tres modos do ser, que nos sitúan antes da creación do mundo, que despois do Big Bang reaparece nos "cuantores" para individuos, anteriores a matemática (Triángulo "cuantorial"), e, finalmente, a mesma disposición triangular da entrada aos tres conceptos básicos sobre os valores éticos (Triángulo deóntico).
Por suposto, o que acabo de ofrecerlles nestes dous artigos, é unha mera información, cunha superficialidade que non permite situarse correctamente no esencial do pensamento de D. José María. Para isto sería indispensable manexar as súas publicacións, incluso para a comprensión deste libro que comento. Creo, modestamente, que como motivo para adoptar tal disposición é conveniente anhelar a xustificación da introdución prioritaria do pensamento lóxico, respecto, incluso, ao matemático, establecendo as pertinentes conexións cos valores.