Lionel Rexes

Escritor

A arte de pensar

Ando estes días tras a pista dunha novela histórica intitulada A arte de trobar, e infiro a través da crítica que o fío condutor do argumento constitúeo un colectivo de artistas itinerantes, un deses multidisciplinares grupos de creativos da Idade Media que, burgo a burgo, ofrecían a súa arte.

E casualmente nestes mesmos días ando a cismar no que hei escribir sobre o noso amigo Pedro Rubal no seu aniversario, caio entón na conta de que el, o profesor, o ensaísta, o veciño, nunca deixou de ser un pensador da legua, un amigo que encontras na Seara ou en calquera outro lugar e, sabiamente, conduce a conversa até un punto marabilloso que para entendérmonos denominaremos a arte de pensar.

Teño por seguro que a vantaxe da que gozamos algúns (esa alta probabilidade de nos atopar cun amigo que, como quen fala do tempo, enuncia a sutil diferenza entre o fenómeno e o noúmeno, ou te ilustra sobre a alternativa Emic/Etic á hora de analizar unha realidade concreta) non a teñen en moitas aldeas nin mesmo en moitos barrios urbanos. Quizais por iso Pedro Rubal, o noso Pedro, o home que mira o mundo da maneira máis analítica e racional, ten recibido os nomeamentos que ostenta, e ben seguro que por modestia ten esquivado outros tantos.

Ter un pensador na parroquia, no municipio, e sobre todo na nómina de amigos, é un luxo do que moi poucas persoas poden faceren alarde. Afortunadamente, nós estamos entre os escollidos.

Coma aqueles trobadores que transmitían a noticia do xeito máis accesíbel e fermoso, o noso Pedro instrúenos docemente sobre aquilo que, aínda experimentándoo, non sempre somos capaces de interpretar, de avaliar ou simplemente de denominar, porque esta é outra das calidades do noso Pedro, a capacidade de dar nome a todo aquilo que os leigos non sabiamos verbalizar, e polo tanto non encontraba acubillo no logos.

Si, podemos presumir os alfoceses de contarmos cun pensador de cabeceira, cun asesor en asuntos de alta complexidade, que veñen sendo todos os que atinxen ao ser humano. A isto, máis que luxo chamarémoslle privilexio, e chamarémosllo no senso etimolóxico do termo: Privum lex, norma promulgada para uns poucos.

A esta sorte de conselleiros, os antigos deron en chamarlles “amigos da sabedoría”, e de tales vocábulos (amigo=philo, sabedoría=sophia) xorde o nome dunha disciplina que Pedro Rubal, o noso Pedro, non só domina, senón que comparte no seu ámbito inmediato, é dicir, cunha inmensa comunidade de persoas que hoxe, felicitamos o noso amigo da sabedoría.