José Vázquez Peinó

Profesor

A coherencia de Pedro Rubal

Cando aínda el e máis eu eramos profesores, o meu bo amigo Pedro Rubal axudaranos a lanzar a revista Xornalouro -a revista escolar do Instituto Alfoz-Valadouro, onde eu exercía- cun artigo filosófico profundo e, como é habitual nel, preciso e centrado. Seguindo co seu espírito desprendido e amable, colaborou logo tamén varias veces en programas de Radio Valadouro, sempre con disquisicións complicadas, mais claras, debatendo sempre sobre a súa gran paixón: a filosofía. Socio fundador do Seminario de Estudos do Valadouro e primeiro presidente do mesmo, continuou mostrando o seu perpetuo compromiso coa particularidade do seu pobo e coa universalidade da sabedoría, sendo tamén articulista nos dous números da revista Candea Branca que chegou a publicar o SEVA. Mais a miña lembranza máis importante e duradeira de Pedro venme da man da súa gran obra literario-filosófica, o libro Evolución y complejidad. Perspectivas científica y metacientífica, o gran traballo da súa vida, no que inverteu moitos anos, moitos esforzos e, sobre todo, moitas reflexións. Publicado no ano 2010 e ao longo de máis de 700 páxinas, Pedro profunda nas reviravoltas dialécticas das teorías evolutivas da natureza e da humanidade. No seu texto adivíñase o traballo minucioso, rigoroso, fondamente analítico, dun home que soubo pensar, pensar moito e pensar ben; non se pode ler a obra de corrido e con présas, senón que é preciso lela con calma, parándose en cada parágrafo, desentrañando significados e relacións, conectando o contido coa vida do propio lector e coas súas ideas, para que a mensaxe de Pedro teña sentido para aquel que pretenda aproveitala.

Lembro as charlas con Pedro, as súas conversacións, sempre pausadas e alleas ao tempo, comodamente sentado, afastado de todo o que non fose o tema que trataba, entusiasmado co diálogo, coa conversa, co desenrolo verbal das súas ideas. Non se me esquecerá nunca a súa facilidade de palabra, a claridade das súas exposicións -aínda que o tema tratado fose realmente complexo- e a súa negativa a deixarse coartar polo tempo, a súa teima de falar todo o que houbese que falar, sen importarlle que o seu discurso durase cinco minutos ou tres horas. Na publicación do seu Evolución y complejidad fixerámoslle unha entrevista para Radio Valadouro e, aínda que levabamos preparadas unhas cantas preguntas, non fixeron falta: só necesitamos facerlle a primeira e na resposta que nos deu, ininterrompida, ían xa contestadas todas as demais cuestións; así era a súa facilidade de palabra, o seu gusto polas disquisicións filosóficas.

José Vázquez Peinó

 

Asómbrame advertir a constancia de Pedro no falar e no traballar: sen desánimo, sen altibaixos, sen interrupcións que lle fagan perder o ritmo, o seu ton de voz é sempre homoxéneo, aínda que entoe a perfección os parágrafos do discurso; imaxino que tal permanencia nace dunha personalidade segura, convencida das súas ideas e preocupada por materializalas sen incoherencias, cientificamente. Vexo tamén reflectidas en Pedro a elocuencia e a humildade: a primeira, para expresarse sempre con corrección, sen equívocos, con esa linguaxe precisa que quere demostrar o carácter científico da filosofía; a segunda, para adherirse a aquela máxima famosa atribuída a Sócrates que rezaba “Só sei que nada sei”, entendendo que, por moito que se saiba, aínda resta moito máis por comprender. Por outra banda, a afabilidade desborda en Pedro ata rozar os extremos da santidade: a fala sosegada e tranquila, o sorriso en permanente pugna por asomar nos seus beizos, o seu andar de observador e de pensador mastigando sen présas o tempo e o espazo, a placidez da súa presenza, a súa facilidade para saber escoitar e saber responder... todo xunto consegue que apeteza estar ao seu carón, gastar horas e mañás ou tardes enteiras conversando e entendendo a vida nas súas palabras.

Mais, sobre todo, por enriba de todo, está a súa coherencia, esa virtude que emparella -como se fosen dous namorados- as palabras e a vida, o pensamento e a acción, a teoría e a práctica. Nunca deixa unha oración sen rematar, un argumento incompleto. Nunca se contradí nas súas aseveracións, conquistando a seguridade dos razoamentos cunha reflexión previa intensa e concentrada. Nunca deixa que a emoción mediatice a verdade do que afirma. É un filósofo, un sabio, un auténtico teórico das verdades eternas.

E, finalmente, Pedro é un amigo, unha persoa acolledora e amable, que sabe crear fogar ao seu arredor, que transmite paz y seguridade na cultura e no saber. A súa vida, dedicada con rotundidade á busca da verdade, semella agora, nesta sociedade actual, tan superficial, unha viaxe a contracorrente. Pedro Rubal dedícase a pensar, a pensar por si mesmo, a pensar moito, a pensar cousas profundas e importantes, mentres ao seu arredor o triunfo do pueril, a vitoria dun hedonismo imperial e sen alma, o dominio dun mundo onde o mediocre é constantemente entronizado e ninguén busca acubillo no profundo, semella derrotar o seu legado. Mais non nos enganemos: o superficial é tan leve que voa coa primeira brisa, co primeiro refacho de nordés, mentres que as verdades máis fondas e agochadas ancoran as súas raíces neses núcleos sólidos das cousas, conquistando a perpetuidade. Vaia dende aquí a miña admiración por Pedro, pola súa traxectoria vital de introspección, reflexión e argumentación precisa e, sobre todo, pola súa endémica coherencia, pola súa capacidade innata de expresar as ideas -cousa ben difícil- sen contradicións. Pedro, amigo, grazas por buscar, pensar e ensinar.