José Antonio Pardiñas García

Profesor de Enxeñaría Agroforestal

A miña visión de Pedro Rubal Pardeiro

GaliciaDigital, por iniciativa de Xulio Xiz, fai unha homenaxe a Pedro Rubal Pardeiro, para recoñecer o seu traballo e o seu bo facer ó longo da súa vida e tamén para dar a coñecer o Pedro familiar e a súa relación cos amigos.

Deron conmigo a través doutro amigo e colaborador no diario dixital, Antonio Paz Palmeiro (para min, Antonio do Xordelo), a quen agradezo moito que se lembrara de min para este momento.

O que me prantexa Xulio di, literalmente: “Agradecería, pois, que fixeras unha semblanza de Pedro no aspecto que máis oportuno che pareza”. É dicir, dende o meu punto de vista.

Teño que adiantar que eu con Pedro non teño “punto de vista”.

Para ver algo ou a alguén en perspectiva, tes que estar razoablemente alonxado e poder dominar tamén o entorno, dese xeito relativizas todo.

Pero, dende que coñecín a Pedro, sempre estiven moi cerca del, incluso cando me fun da Seara. Por iso non teño esa perspectiva externa. O que teño son vivencias, sentimentos e experiencias comúns, que son as que me serven para facer esa descrición que me piden.

José Antonio Pardiñas 01

 

El deciame hai unhas semanas, por teléfono, para consultarme un problema técnico co seu correo electrónico, que eu sempre estivera na súa vida. Esa percepción gustoume. E un bo sinal de aprecio e cariño que sempre recibo del e da súa muller Carmen.

Pedro e a súa familia mudáronse para a súa nova casa na Seara, en Alfoz do Castro de Ouro, moi preto da casa de meus pais, cando eu tiña uns 12 anos, alá polo 1964.

Viña do barrio da Costoira, na parroquia do Castro de Ouro e de alí venlle o seu nome mais familiar: “Pedro da Costoira”, para familiares e amigos.

Naquel ano eu funme para o Seminario de Lourenzá e so coincidía con el nas vacacións de verán. En todo caso, pouco poido contar desa etapa. Pero teño que citala porque foi o inicio da súa influencia na miña vida e axuda a entender a interacción de Pedro no seu entorno.

Creo que dende que chegou á Seara non pasou día que non fose pola casa de meus pais. Porque sempre foi unha persoa próxima ós seus amigos e informada e pendente das súas cousas.

Cando rematei o Bacharelato Elemental quixen deixar de estudiar para empezar a traballar e axudar na casa.

Pero Pedro coñecía o meu expediente e convenceu a meu pai para que iso non ocorrese. Esa intervención cambiou o enfoque da miña vida e, por iso, o meu futuro. Iso marcaría para sempre a miña relación persoal con Pedro da Costoira.

Despois de rematar o quinto curso do bacharelato, el estaba coa súa carreira de Filosofía e Letras, en modo autodidacta, propúxome seguir estudiando con el e poñer en marcha unha Academia privada para axudar a moitas rapazas e rapaces de Alfoz do Castro de Ouro e de O Valadouro a preparar o seu Bacharelato, polo método de estudio libre, que logo validaban en Institutos de Lugo, Mondoñedo ou Ribadeo. Foi un éxito.

Pedro demostroume a súa capacidade de emprendedor pero, sobre todo, que os límites do coñecemento só os marca a persoa. Con traballo e esforzo cada un é capaz de aprender o que se propoña. Así llo transmitía aos alumnos da Caseta, que así lle chamábamos á Academia. El mesmo era capaz de ensinar Lingua Española, Inglés, Filosofía, Matemáticas e Física e Química ata o momento en que eu puiden facerme cargo das materias de Ciencias, unha vez rematado o Bacharelato Superior.

Pero Pedro foi un innovador xa cos idiomas. A súa especialidade de Filoloxía inglesa, como dixen, como autodidacta, levouno a coñecer moi ben o idioma. Pero sabía que a práctica é indispensable e puxo en marcha un método para a súa formación persoal, que, en realidade, está moi en vigor na actualidade. Falar inglés con nativos.

Cada profesor visitante, americano ou inglés, que estaba durante algún período do curso na USC, viña a pasar as vacacións de verán, con toda a súa familia, á casa de Pedro. Pasábase o verán falando en inglés.

E ademais compartía. Todos os que estaban na súa casa visitaban a de meus pais. A fidelidade é outra característica de Pedro. E da súa muller, naturalmente. Hoxe toca falar de Pedro. Pero el e mais eu sabemos que, sin Carmen, non podería lograr todo canto fixo.

Aí puiden empezar a coñecer a Pedro como unha persoa pendente dos seus amigos, organizado, traballador, disciplinado e emprendedor.

José Antonio Pardiñas 02

 

Enseguida se licenciou e pasou a ser Profesor do Instituto de Mondoñedo, pero seguiu impartindo a súa docencia e deixando a súa pegada na Caseta.

Tería que contar moitas anécdotas da vida en común na Seara, nunha época en que bulía a xente no rural e estábamos todos con todos. Non había comida na que se celebrase algo na que non estivéramos as familias amigas xuntas.

Pero, se cadra, a que mais e mellor define a faceta de persoa ocupada e preocupada polos seus amigos foi a consolidación dun grupo de catro persoas que avanzaron xuntas mentres a vida lles deixou. Eran: Antonio Lorigados, cura de San Pedro de Mor; Luis Pisón, veterinario de Alfoz; Antonio Pardiñas (meu pai), agricultor de A Seara e Pedro Rubal, profesor na Caseta e no Instituto de Mondoñedo. Animaron ao veterinario a dar un paso importante na súa profesión. Construír un centro de consultas e inseminación artificial gandeira para servir ós agricultores e gandeiros de toda a zona. Fixérono na Seara, moi preto do actual edificio administrativo do Concello.

Para celebrar a posta en marcha organizaron unha lacoada con grelos nalgunha das casas. Supoño que na de Pedro. O ano seguinte, a lacoada foi noutra das casas e así comezou o plan. Pero unha era pouco, así que pasaron a dúas por ano e, antes de rematar a rolda, xa eran catro lacoadas cada ano en cada unha das casas dos catro amigos. Todos estábamos invitados.

Despois de morrer meus pais, Pedro e Carmen decidiron facer unha comida anual con miña irmá e conmigo, xunto cos nosos cónxuxes, para que non deixásemos de ir pola Seara. Así foi mentres as forzas lles deixaron.

Sempre vin a Pedro así. Pendente de todos os que quere, incapaz de pasar desapercibido, didáctico sempre, emprendedor con iniciativas e amigo de celebralo todo coa súa xente.

José Antonio Pardiñas 03