Ola. A min tócame quizabes, falar un pouquiño do Pedro Rubal máis familiar ou veciño, como queirades. Na nosa zona coñecémolo máis como Pedro da Costoira, o barrio onde el naceu. Eu persoalmente sempre o admirei pola súa sabedoría. Un auténtico erudito na súa materia. Posiblemente tan sabio que, para o resto das persoas coma min, nos era difícil comprender certas reflexións filosóficas que facía. É por iso que aproveitando a miña presenza en Radio Valadouro polos anos 2006-07 no programa "Parolando" xunto a Pepe Peinó, puiden facerlle algunha broma, pois eu facía un personaxe de aldea chamado Señor Loureiro, moi retranqueiro el. Este home ancián (Loureiro), chamoulle "rallante" moitas veces, pois non comprendía a Pedro da Costoira, como el o coñecía. Todo, por suposto, en clave de broma, para que a xente que escoitaba puidese rir un pouco. A Pedro nunca lle parecía mal iso, pois sabía que todo era froito da mencionada retranca de Loureiro.
Teño que recordar tamén a Pedro Rubal ou da Costoira na igrexa de San Pedro de Mor. Era moi amigo do noso cura de toda a vida, don Antonio Lorigados. Sempre bromeando con el e, tamén con Nicasio, xa desaparecido. Na mencionada igrexa, na misa dominical, coa súa dona Carmen, unha muller humilde e sinxela, pero grande ó mesmo tempo e que falaba a todo o mundo, ó igual que Pedro, que a pesar da súa posición como profesional e dos seus estudos, nunca se sentiu máis que naide, sempre un veciño máis. Isto reflexábao ben na saída da misa, cando se quedaba a falar da vida en xeral cos veciños e veciñas da parroquia.
E por último teño que dicir que me alegrou moito poder volver a ver a Pedro e á súa muller, pois botaron un tempo en terras coruñesas para regresar ó xeriátrico de Ferreira. Con isto da pandemia, lóxicamente, tiveron que estar confinados durante un ano. Pero regresaron non hai moito á súa casa de sempre, aí na Seara. O noso amigo voltou ó bar Rodolfo recoller o periódico como facía sempre e aproveitou para saudarme, tamén para pagarme o recibo do cementerio, pois eu son o encargado de recoller os cartos e pagar para que se roce. Eu dixen para min, "Volveu Pedro da Costoira!". Creo que todo o mundo se alegrou. Parabéns Pedro! Que cumpras non outros noventa, que serán moitos, pero polo menos oitenta máis, je, je. Seguro que o Señor Loureiro tamén estará contento de que regresases á túa casa, aínda que siga pensando que eres un rallante! Unha aperta do teu amigo e veciño Antonio de Cachín.