A presentación dun libro é sempre un feito gozoso, sobre todo para os que gustan da lectura, pois saben que todo libro que chega ás súas mans é unha xanela aberta ó mellor coñecemento da vida e, polo tanto, unha oportunidade para enriquecer, en extensión ou profundidade, ou ambas á vez, a bagaxe dos seus saberes. Así o expresou o intelectual e diplomático James R. Lowel: «cultivade ante todo a lectura, pois non hai pracer tan barato, tan inocente e remunerador coma o goce positivo e cordial que produce o ler».
O vindeiro día 19 vai ter lugar en Mondoñedo a presentación do libro "Evolución y complejidad". O seu autor é un coñecido intelectual mariñán, vello profesor que exerceu o seu maxisterio en institutos da bisbarra: Ribadeo, Burela, Mondoñedo... Alguén que non só viviu con paixón a función académica, senón que a súa traxectoria vital resulta estímulo e exemplo para a sociedade, especialmente para as novas xeracións, ás que el se esforzou por formar dende a súa cátedra de filosofía, á que chegou, sen apenas medios, polo vieiro do traballo, o esforzo, a honestidade e a harmonía coa sociedade que a cotío o arrodeou. Esa é a gran lección de Pedro Rubal. A súa formación humanista e o talante dialogante, participativo, reflexivo, ponderado e imparcial, fan del un mestre sempre en activo, do que nos beneficiamos os que, por razóns de amizade e relación, asistimos ás súas instrutivas conversas.
Nado no medio rural, do que nunca quixo afastarse, forxou a personalidade, inmerso na paisaxe e a paisanaxe que enmarcaron a súa experiencia vital; autodidacta, atopou nos libros os camiños que o conduciron ó dominio dos saberes intelectuais e humanos.
Pedro Rubal, hai anos xubilado vive, coma sempre, a paz bucólica da bisbarra valadourense, na compaña inseparable de Carmen. Segue a ser o amante da lectura que foi sempre, o estudoso, o investigador. Este que agora se presenta é o seu segundo libro, tras do exitoso "De Maquiavelo a Wallraff". Ambos os dous son traballos eruditos, rigorosos, de moi atractiva temática.
O pobo de Alfoz recoñece a exemplar traxectoria do catedrático Pedro Rubal, seu veciño, e acaba de nomealo Fillo Predilecto.
Parabéns.
Publicado en Cartafol de Foz, 19/06/2010