Irmáns Rega Paz

Juan Luis, Eduardo e José María

Din que aló polo século V a. C. alguén lle preguntou a Pitágoras se era un sabio (un sophos), ao que el contestou que non, que en realidade era un philo shopos, un amante da sabedoría.

O recordo desta curiosa e brillante anécdota retrotráeme moi lonxe aos meus tempos de estudante na cidade de Mondoñedo, e inevitablemente a miña mente debuxa a figura daquel profesor de aparencia seria, que logo de presentarnos aos grandes filósofos da historia, de xeito case obstinado nos obrigaba a pensar sobre o ben e a xustiza, sobre o que somos, sobre a verdade, sobre o mundo... Aquel profesor que co seu particular maxisterio nos aprendía que había outras maneiras de ver e entender o mundo, e que era mellor tomar partido nel ca ser un espectador privilexiado.

Quen nos ía dicir que algúns anos despois nós estariamos aplicando algunhas das súas leccións filosóficas ao ámbito laboral! Xa que, como ben nos inculcaba, é infinito o que pode aportar o pensamento crítico: reflexión, análise, dialéctica, posibilidade de diferenciarse... elementos tan valiosos na actividade empresarial que nós, como ben sabe el, exercemos.

En realidade, estas liñas non son máis ca un humilde tributo a un “mestre” que non só é recoñecido como profesor, intelectual ou pensador, senón que tamén como unha gran persoa, modesta a pesar dos seus exitosos logros, e de cuxas conversas seguimos aprendendo.

Sabemos das súas andainas como escritor, intelectual ou investigador, do seu nomeamento como Cabaleiro do Mariscal Pardo de Cela, do seu acollemento como Fillo Predilecto do Concello de Alfoz, das súas valiosas colaboracións en GaliciaDigital... En fin, somos testemuñas de tanta achega do seu coñecemento e experiencia que nos resulta obrigado recoñecer o privilexio de gozar da súa amizade.

Por iso, agora volvemos estar aquí xuntos, para festexar con el, para agasallarlle e sentir ledicia polo seu noventa aniversario.

Querido amigo PEDRO: Un ano máis para agradecer á vida a oportunidade de permanecer e de ter a capacidade e a conciencia de gozar... Felicidades por tanta vida nos teus 90 anos! Que non te preocupen os “involuntarios parénteses” que como ti ben dis “abren unhas doenzas pero tamén pechan outras”.

No dejes apagar el entusiasmo, virtud tan valiosa como necesaria; trabaja, aspira, tiende siempre a la altura.” (Rubén Darío)


Juan Luis, Eduardo e José María Rega Paz
Carrocerias Hermanos Rega, S.L