Indicios filosóficos do Antropoceno (1)
Esa relación ambivalente que o ser humano foi mantendo co natureza queda balizada na historia do pensamento filosófico, xustamente ata a actualidade, por unha serie de ideas que parece que acadaron a súa realización na suposta nova era xeolóxica denominada ANTROPOCENO. E na miña modesta opinión, a liña determinada por ese balizamento está moi documentalmente estudada polo filósofo español de Universidade da Rioxa, D. Jorge Álvarez Yagüez, no seu artigo titulado "Antropoceno y filosofía". Por suposto, como nos di D. Eduardo Martínez de la Fe, periodista científico e Editor de Tendencia 21, parece que as condicións naturais que permitiron o progreso da nosa civilización irán desaparecendo, e esta desaparición facilita a entrada do "Antropoceno".
Pero antes de continuar expoñéndolles algunhas opinións, sobre todo de como se vai detectando ese cambio, permítanme facer unha breve referencia ao concepto de "antropoceno". Ven do grego: "Anthropos". Home, e "Kainós", novo, recente. Utilizouno, no ano 2.000, o químico neerlandés Paul Crutzen, precisamente gañador do Premio Nobel de química no ano 1.995, PARA DESIGNAR UNHA NOVA ÉPOCA XEOLÓXICA, XUSTAMENTE A CAUSA DO IMPACTO DO HOME/DA MULLER SOBRE A TERRA. É dese impacto, que leva xa moitos anos producíndose, principalmente desde a Revolución Industrial, recordareilles algo, e digo "recordareilles", porque todos nosoutros, con máis ou menos anos, somos conscientes, oímos todo tipo de comentarios, e incluso experimentamos vivencias do acaecido moi próximo no tempo e no espazo.
Pois ben. Se para a saída do Holoceno deben desaparecer as condicións naturais de carácter xeolóxico que facilitaron a estabilidade, parece lóxico saber algo delas, precisar no posible a influenza humana sobre esa desaparición e, en coherencia co título desta colaboración, saber ata que punto aparecen indicios na historia do pensamento filosófico, detectables nas ideas que emerxen neste ámbito do coñecemento, sempre preocupado, con máis ou menos acerto, dos eventos de tradución universal. A este fin, talvez conveña tamén furgar nos eventos relativamente frecuente dos nosos tempos.
Fálase da gran escalada da temperatura debido ao gran aumento dos gases de efecto invernadoiro (GEI), entendendo por tales o vapor da auga (H2O), dióxido de carbono (CO2), óxido nitroso (N2O), metano CH4) e o ozono (O3). Son gases que reteñen parte da radiación "infrarroxa" que emite a Terra quentada polo Sol e reteñen enerxía na atmosfera. O Planeta gana máis calor que perde, debido a que a actividade humana aumenta a concentración deles e varía o clima con repercusión no equilibrio enerxético e na "sostibilidade" do Planeta. Calcúlase que a Revolución Industrial cambiou todo a partir de 1.750. (Wikipedia). Hai tamén que engadir as deforestacións dos bosques, sobre todo os amazónicos. Dentro deste concepto entra o desmonte das terras para o gando. A influenza no cambio climático acúsase na gran cantidade de carbono que se emite, producindo un considerable incremento de dióxido de carbono (CO2), que se disolve nos océanos e aumenta a acidificación da auga nos mesmos, prexudicando a flora e fauna oceánica.
Partindo do suposto de que, pese ao debate entre os científicos, non só sobre a iniciación do "Antropoceno", senón tamén de que se denomine así esta nova era, vou a referirme a el, para dar a coñecer as súas características, algunha das cales ofrece aspectos positivos e negativos, ceando así un ambiente de incertezas. Penso que un exemplo disto está na técnica, respecto da que a primeira atribución que se lle adoita facer e a do gran progreso. Quen se atreve a negalo?. Pero é a mesma técnica a que está xa causando grandes perigos, como a enerxía atómica ao servizo das contendas bélicas, e non cabe tampouco ocultar as preocupacións que está xerando a IA.
Ademais, sería necesario que nos puxéramos de acordo sobre o significado do termo "progreso", precisando a extensión do correspondente concepto, e considerando a súa relación coa humanidade, a fin de evitar que a comprensión valore os posibles "regresos". E non parece positivo, tampouco, o incremento da poboación (a finais do 2.022, éramos no mundo 8000 millóns de habitantes), posto que a actividade dos homes e mulleres aumenta en prexuízo da "biodiversidade", establecendo un predomino de efecto redutor sobre a mesma. A biomasa ten serias consecuencias negativas sobre o planeta, que xa indiquei máis arriba, tales como o cambio climático, a deforestación, a perda da "biodiversidade", etc., porque a masa "antropoxénica" supera a dos restantes seres vivos.