Pedro Rubal é un puntal do portal de OPINIÓN da plataforma en internet Galicia Digital (www.galiciadigital.com), cos seus artigos nun galego fermoso e natural, nos que nos achega as esencias do pensamento de todos os tempos desde unha visión actual e con aplicación práctica nos feitos que ocorren arredor de nós. A gran virtude de Pedro é poñer en evidencia que nada novo hai baixo do sol, e o que agora acontece ten antecedentes en feitos antergos, ou pode verse con ollos de mirada profunda, e, sobre todo, que a análise de calquera parcela do pensamento permite dar luz ao presente ao pasar os actuais acontecementos polo tamiz do coñecemento. Pedro Rubal Pardeiro, Fillo Predilecto do seu Concello de Alfoz, cunha longa traxectoria pedagóxica no eido de pensar, de ensinar a pensar, de divulgar as correntes de pensamento no decurso dos séculos e fomentar o amor pola filosofía, vai chegar no 2021 aos froitíferos noventa anos de vida disfrutando da escrita, escribindo con fruición, vivindo plenamente unha madurez creadora da que este libro é a proba perfecta.
Grazas a Pedro Rubal, os que antes de coñecer o seu labor coidabamos non chegar nunca a disfrutar do pensamento filosófico, entramos nunha dimensión diferente, no mundo dos que sen posuir coñecementos entramos pola porta grande do paraíso dos pensadores para comprobar que a razón sempre permite ver con claridade as oscuridades do presente.
A saudade, sentimento tan noso provocado pola distancia, pola ausencia, polas carencias, pola ilusión… non é o norte deste libro, destas páxinas do pensador Rubal… Porque vive no presente analizado a través das experiencias do pasado, vendo o acontecer cos ollos da sabiduría de todos os tempos, aplicando sensatez -o que entre nós chamamos “sentidiño”- ao presente, e ollando cos ollos abertos as portas do mencer (Díaz Castro, dixit) do posible futuro.
Fuxindo da saudade, Pedro Rubal Pardeiro chega á realidade, á claridade, e á verdade. E nós somos os beneficiarios da súa realidade, da sua claridade e, de xeito especial, da súa verdade. Rubal é un espello no que mirarnos, un cronista ao que seguir, un oráculo ao que consultar.
Xulio Xiz
Cofundador de Galicia Digital