Francisco Piñeiro González

Mestre e escritor

Exemplo senlleiro de “amor á sabedoría"

Nos arquivos do tempo gardamos os nosos recordos como froito das experiencias persoais. A maioría conservan a latencia das sementes adurmiñadas, podendo voltar á vida se cadran as condicións favorables. Semellan ser radiografías indelebles, todas iguais, mais na realidade non existen dous recordos iguais. O seu valor difire, oscila, mingua ou desaparece dependendo da frecuencia con que os aproveita a humanidade como antídoto preventivo dos desvaríos ou desequilibrios propios ou da comunidade. Niso radica a grandeza do saber: aprender dos propios fallos adquirindo o compromiso de non volvelos a cometer. Se tal feito fose tan doado como bourear na taberna ou tornear un pau polo samo acadariamos fácilmente a dose de sabedoría para axustar este mundo que non deixa de xirar, dando tumbos, mais cómpre reflexionar e chegar á cerna, con moito tento e coa precisión dun experimentado torneiro, traballo exclusivo dun sabio como don Pedro Rubal Pardeiro, alfocense laureado, quen aos seus noventa anos camiña tras das lentes, pensativo e convencido de que o desenvolvemento sostible, a xustiza e a igualdade no planeta non serán as pautas de conducta das xeracións futuras agás que previamente se consiga un equilibrado reparto do saber e da cultura.

Nesa liña mestra xa predicaba don Pedro sendo eu alumno da primeira promoción de COU no Instituto de Mondoñedo. Tiven a sorte de encontrarme con el por primeira vez e non tardamos en entendernos, aínda que o idioma que el me explicaba fose o inglés. Debo recoñecelo, a súa presenza na aula mantiña un certo carisma ou capacidade para ir gañando o respecto e a admiración, transmitía aos adentros unha confianza nun mesmo, ofrecía liberdade se eras responsable…

Para un adolescente rebelde, inmerso nunha sociedade comprimida, resultaba atractivo e supoñía unha certa liberación saber que pensando e creando coa mente poderías modelar o mundo e adaptalo as tuas condicións. Así, case sen sabelo, don Pedro transmitiu ao longo da súa vida un modelo de compromiso do ser humano consigo mesmo e co seu contorno, unha loita contra a progresiva deshumanización do chamado mundo civilizado que considera necesario seleccionar e reciclar papel, vidro, plástico e outros materiais máis, amparándose na invasión informática, resulta paradoxal comprobar o seu desinterese pola conservación da cultura popular e a valoración do saber persoal, chegando ao extremo de considerar absurda e innecesaria a existencia de personas dedicadas a pensar dado que as máquinas responden as preguntas que lles fan. Don Pedro, co seu inxente traballo, ofreceu e ofrece vías para resistir o “bullying” intelectual e non deixarse arrastrar pola voracidade do “tsunami” destrutor que pretende aniquilar ao conxunto de valores racionais selecionados pola experiencia da Humanidade, co fin de establecer os principios xerais que deberíann organizar e orientar a realidade do ser humano e a súa forma de obrar.

No seu traballo “A educación en valores e a súa transmisión”, publicado na Revista Galega do Ensino en abril de 1997, condensa as directrices pedagóxicas e a experiencia acadada cun realismo, un sentido crítico e unha sinceridade pouco habituais na profesión docente, e por iso o seu contido debería servir para que ao través do ensino a sociedade valorase máis o ser que o ter ou aparentar.

Francisco Piñeiro

 

A súa excelente e prolífica labor como filósofo, en parte publicada nos máis de catrocentos artigos dados a coñecer nunha das páxinas de GaliciaDigital, presenta unha gran variedade de temas confusos na actualidade que convidan á reflexión antes de tomar posicións á hora de discernir os límites da ética, a moralidade, a sensibilidade, a responsabilidade e a liberdade camuflada nas greas ou rabaños urbanícolas que pacen entre a néboa, sen decatarse de que xeralmente para poder bicar ás flores é necesario apartar primeiro as espiñas.

Non quere isto dicir que a filosofía de Pedro Rubal sexa de corte antisocial, pois a súa traxectoria demostra o ánimo de colaborar, formar e dinamizar actividades e colectivos culturais de grande prestixio social como son “O Mundo da Galea” na Mariña Lucense, ou o “Seminario de Estudos do Valadouro”, aos que representa desempeñando cargos honoríficos. Xusto é recoñecer que as institucións e o pobo de Alfoz de Castro de Ouro agradecen toda a súa dedicación outorgándolle o título de fillo predilecto con todo o agarimo que don Pedro se merece.

Tanto a miña dona, María Paz Rodríguez Silva como este servidor, autores do libro “Lembranzas musiciais do Valadouro”, non dubidamos en sumarnos en aproveitar esta ocasión para agradecer sinceiramente a man tendida de don Pedro, grande mestre da vida, á hora de prologar o libro, así como o exemplo de colaboración, amizade e hospitalidade demostrado pola súa dona Carmen e por el mesmo noutras situacións e actividades. Para nós é unha honra poder compartir a ledicia dos noventa anos; agardamos que a felicidade se repita con saúde outros 32.850 días para poder seguir gozando da compañía de don Pedro Rubal Pardeiro, exemplo senlleiro de “amor á sabedoría”.