Evolución da especie humana
En algunha colaboración neste medio fixen referencias á evolución da especie humana, sempre moi insuficientes e ocasionais. Aquí neste artigo vou intentar resaltar algúns puntos, aínda que tamén brevemente, nesta temática, pola relación que teñen co pos- ou transhumanismo, tan o día, que soa como algo verdadeiramente interesante e fascinante.
Neste contexto, no que hoxe se sostén como indiscutible a evolución da especie humana, os lectores preguntaranse ata onde a ciencia e a tecnoloxía poden manipular o proceso natural de tal evolución. Máis aínda; ata que punto o poshumanismo pode ser xustificado como resultado da mesma, habida conta de que esta nova corrente introduce un cambio na realidade da persoa humana que afecta a súa esencia.
Non obstante, non descarto que os lectores me formulen, con toda razón, a obxección de que, nos procesos evolutivos da natureza, emerxeron novas especies das que estaban en evolución; pero aquí parto de que somos a última especie de tal proceso, como, en xeral, se veu sostendo. E neste suposto, a potenciación das nosas capacidades, físicas e mentais, parece que nos está levando a unha conversión en SERES BIÓNICOS, mestura de elementos biolóxicos e robóticos, que algúns estudosos (apunta o Dr. Carlos Beorlegui) pensan que inauguran a denominada ERA POSHUMANA ou TRANSHUMANA. E isto produce unha situación confusa, xa que o que introduce a incerteza é que o ser humano sexa o último paso da evolución natural.
Incluso a condición de robótico do posible novo ser, sen dúbida, se presenta como un escollo, toda vez que a incorporación de elementos robóticos á realidade humana introduce un cambio esencial na mesma. E aínda que se acepte o outro suposto, e se considere que a humanidade sigue evolucionando, como sostén F. J. Ayala, parece que predomina a influenza dos cambios culturais sobre a variabilidade biolóxica; mais os factores culturais interveñen de diversas formas, que é necesario determinar, porque entra en xogo a existencia, na suposta evolución cultural, dunha compoñente TELEOLÓXICA, en prexuízo do proceso azaroso imperante na natural, que compromete a esencia deste.
Pero aínda hai que ter moi en conta outra consideración, se a evolución sigue un proceso de mellora, ou, polo contrario, está só, ou parcialmente, rexida polo azar, que tamén esixe determinar o que se entende por este, no que non vamos entrar aquí, xa que o mesmo Darwin non inclúe tendencias teleolóxicas, sen que isto non impida a aparición desa mellora ou progreso na súa concepción da evolución natural. E nin así, incluso, quedaría sequera aclarado todo se non precisamos que entendemos por "progreso" aquí, pois..., ¿e se por el se entende a creación de novas culturas, que inicia o posmodernismo...?. Me parece que así queda suficientemente explicada a miña confusión aludida mais arriba.
Non obstante, creo modestamente, que hai un espazo para ensaiar a formulación sobre a xustificación evolutiva desa nova corrente pos- ou transhumana, se consideramos que esta implica máis humanismo, ou, polo contrario, os seus efectos conducen a unha situación non humana, pero será pertinente neste caso, establecer unha importante condición: Aclarar que entendemos por "humano", e, consecuentemente, partir de que o progreso na evolución específica do home estivese vinculado ao incremento do seu humanismo.
Aceptando este suposto, o poshumanismo tampouco pode xustificarse como resultado da evolución do ser humano, porque a dimensión na que se sitúa implica menos humanidade, incluso "inhumanidade": Estamos, iso si, en presenza da creación dunha nova cultura, non de máis humanidade, senón de desconexión co noso entorno natural.
E, como tamén temos polo medio a técnica, en versión biotécnica, que afecta esencialmente aos seres humanos, sería mester discernir con claridade ata onde procede admitir que todo o que se pode facer tecnicamente debe xustificarse ética e socialmente; pero volvemos a caer no que dicíamos nunha colaboración anterior respecto á investigación científica, co propósito de evitar resultados da mesma que prexudiquen á humanidade, e, polo contrario, catalicen a selección do que a mellore. Creo, pois, que a ética, contra algúns criterios opostos, está lexitimada para dar orientacións na biotécnica, e noutros campos da técnica en xeral.
Non esquezamos que, ademais, temos algúns problemas que pola súa aparencia trivial pasan, para moitos estudosos, desapercibidos, e son decisivos para enfrontarse a certas cuestións nesta especial temática, como por exemplo, precisar o alcance do cualificativo "humano", determinar se a diferenza entre os demais "animais" e nosoutros é "cualitativa" ou "cuantitativa", a cuestión da "natureza humana", etc. Certamente, sen estas e outras precisións é moi difícil formular conclusións e suxerir decisións neste complexo campo. E se promover o humano é un progreso, a vacilación na denotación do concepto "humanidade" condúcenos á confusión da aplicación dos criterios de selección para determinar esa cualificación.
En todo caso, as "antropotecnias", é dicir, as técnicas aplicadas ao home como consecuencia dos avances científicos, van a producir importantes variacións na concepción do humano, e se a enxeñaría robótica acada a construción de máquinas suficientemente intelixentes, devén inevitable reflexionar racionalmente todo o relativo a unha "transhumanidade" robótica. E, inevitablemente, teremos-terán os futuros estudosos-que acometer, en profundidade e seriamente, ata onde pode chegar a creatividade humana facilitada por unha liberdade arbitraria, repensando un certo control dos resultados da investigación científica, como se apunta desde outras perspectivas en algunhas colaboracións.