A biodiversidade na bioesfera
Adoitamos dicir que na vida todo é complexo. Talvez poderíamos afirmar que a nosa vida, como integrante da "bioesfera", definida esta con P. Teilhard de Chardin como "a capa de vitalidade que envolve a Terra", encontra xa complexidades coas que pelexar por mor da "biodiversidade", cuxa defensa, xa en termos xurídicos, crea non poucos problemas: Os lobos matan as vacas, os xabarís pasean polas calles das cidades e arrincan as patacas e os réptiles visitan as casas. E, non obstante, ecoloxicamente, a "biodiversidade" é necesaria: A explotación dos recursos naturais causou unha enorme perda de "biodiversidade", degradación de moitos sistemas e deixou, e deixa, cambios na terra e no mar.
Creo que para reflexionar sobre o dito, convén situarse nunha perspectiva que permita contemplar esa complexidade desde un movemento e un desenrolo dentro dun contexto evolutivo, que tamén comporta a diversidade da vida humana, que pode designarse como "noosférica", pola emerxencia de capacidades que a levan a vivir pensando, razoando e enfrontándose coa realidade para comprendela. E isto xera diversas formas de vivir, segundo as diferentes culturas e civilizacións que evolucionaron por toda a Terra ao largo da historia.
Sen dúbida, o desenrolo destas diversidades tivo lugar en distintas áreas xeográficas, illadas unhas doutras. Se ben, pouco a pouco, foron producíndose contactos e presentouse a necesidade de establecer relacións, máis ou menos racionais, entre elas. Aquí vanse xerando as dinámicas procesuais, e como o universo e o ser humano son en si mesmos uns procesos, non debe estrañarnos que esteamos enfrontándonos constantemente ás aperturas de novas civilizacións coas correspondentes modulacións; pero a que agora nos afecta ten un carácter universal e global. Xustamente por isto, estamos nunha situación que nos leva a vacilar debido á desorientación que produce a defensa do individual nun proceso de matiz esencialmente global.
Pero a nosa vacilación quebra as esixencias vectoriais que orientan o noso decurso vital, e, por outra parte, os diferentes vectores introducen estrañas relacións pola propia funcionalidade e debido ao contexto no que vivimos e a nova conciencia derivada da mesma evolución de toda a vida; pero estas relacións tamén implican contidos culturais que, por adecuados, non deixan de incidir nos sentimentos que xeraron os habituais, facéndose, incluso, dubidosos, de tal modo que afectan aos individuos e ás comunidades de forma diferente.
Aquí incóase e fundaméntase a diversidade en estado de xustificación, precisamente, para valorar a vida e transformala, comezando por un mero propósito operacional con vistas a activar a capacidade potencial de racionalización da solución de problemas fundamentais e éticos, e buscar respostas pertinentes ás indecisións, nas épocas, como parece ser esta na que vivimos, de crises, que levan a eclipsar non só o sentido das nosas vidas, senón tamén a debilitar os presupostos nos que se apoian as estruturas necesarias para deixar vivir e convivir na "bioesfera", incluso ecoloxicamente.
Pero..., ¿cómo sentimos a nosa Terra hoxe en día?. En xeral, o mundo suscita en nosoutros unha sensación de marabilla. Non é nada especial desta época. Xa os nosos remotos devanceiros deixáronos testemuños escritos dos seus esforzos intelectuais por manifestar o que pensaban e sentían. Existen probas de que pretendían simbolizar esa conciencia planetaria, como o evidencia o filósofo alemán Gadamer, na súa obra "Der Anfang des Wissen" (O principio do coñecemento), impresa en Alemaña no ano 2000, en cuxa páxina 141, dinos que, para Tales de Mileto, a "Terra flotaba na auga como un anaco de madeira" (dass die Erde auf dem Vasser schwimme wie ein Stück Holz). (E cito a este filósofo porque dedica moito espazo a temática que nos ocupa, que merece algunha atención). Talvez esta sensación admirativa estea xustificada pola grandeza das súas dimensións, a variedade e abundancia de formas que alberga, as inxentes posibilidades que encerra o seu potencial, etc., todo a cal ven a ser un desafío para a sensibilidade do ser humano ao través de historia, e da que se ocupan os poetas, os científicos e os especialmente interesados en mergullarse nestas marabillas.
Todo isto facilita a comprensión xustificativa, á que temos que acudir na nosa época mediante aos recursos da intelixencia ecolóxica para ir procurando poñer remedio á caprichosa destrución humana, sobre todo evitando a evasión da "biodiversidade" que contén o noso planeta, e evidenciando así a necesidade de acudir aos movementos medio - ambientais para fortalecer un estado de conciencia que nos impulse a cambiar varios hábitos ecolóxicos, moitas veces disimulados en algo tan aparentemente inocente como as mesmas compras, que abren camiño ás empresas para que produzan mercancías, debido á demanda, con impacto negativo ecoloxicamente, ben sexa nos mesmos resultados, ou ben nos elementos empregados na obtención do produto final da elaboración procesual.
Aquí, non obstante, pode activar unha función positiva a intelixente simbolización da conciencia, como ocorreu con aquela fotografía, filmada desde o Apolo 8, en decembro do 1.968, que se denominou "Earthrise" (Amencer da Terra), unha imaxe catalizadora da esperanza e da mesma inspiración reveladora das marabillas que Tales seguramente experimentou co anaco de madeira flotando na auga, porque descoñecía os equilibrios dinámicos do espazo. É que seguimos vivindo na Terra na que viviron os nosos antepasados, afectados duns sentimentos análogos, aínda que dotados dunha información avalada cientificamente, da que agora emerxeu unha nova conciencia planetaria; pero, pese a isto, como dixo o intelectual norteamericano, Thomas Berry, vivimos cunha actitude de indiferenza á Terra, polo que aconsella introducir un cambio do paradigma dominante do antropocentrismo a un "biocentrismo", respectando todas as formas de vida, que hoxe chamamos, no seu conxunto, "biodiversidade".
Nesta temática, as razóns que avalan o respecto da "biodiversidade", e inducen a un comportamento correcto, corresponden á persoa humana, cunha matización subxectiva e obxectiva, entre as outras formas de vida existentes na "bioesfera"; pero mentres estas últimas teñen as accións seladas polos seus instintos, as dos seres humanos son volitivas, pola intervención da vontade. Isto, por conseguinte, implica algunha clase de argumentación persuasiva ou disuasoria, que leva a cualificar os comportamentos na súa función ecolóxica. E para reforzar as decisións, non deberiamos esquecer que os humanos compartimos un destino e unha responsabilidade comúns respecto ao porvir da vida na Terra e ao noso propio futuro humano. A mesma situación xeopolítica actual permítenos establecer as liñas xerais do que chamamos civilización mundial, como fortalecer a conciencia e intensificar os contactos propios dun mundo global, cada vez máis "interrelacionado"; un mundo dunha aterradora complexidade, como di Ursula King, profesora na Universidades de Bristol e documentada no pensamento theilhardiano.
O sorprendente é que, cos avances científicos que corresponden a nosa época, haxa institucións e persoas despreocupadas dos problemas ecolóxicos, e que as mesmas autoridades con competencia atribuída nesta materia sexan incapaces de regular o mantemento dos animais salvaxes cos intereses das xentes que vivimos no rural. E tampouco parece que a conciencia que impulsa a resolver os problemas globais, concentrando os nosos esforzos e colaborando en enderezar o camiño cara a reducir as discrepancias xeradoras de tantos e terribles conflitos, poda adxectivarse de planetaria, cando permite que a teimosía de significadas personalidades e a concorrencia dos "micropoderes" (vexan "Micropoder", de Javier Cremades), desgarre a esperanza de que o único ser dotado de intelixencia e razón sexa capaz de comprometer a súa dignidade coa paz mundial, e non se decate de que o valor inherente de cada ser, de cada ecosistema, de cada paisaxe son independentes da nosa utilidade. Tal é o desconcerto que serpea na "bioesfera". Así que o impacto que causan as accións e comportamento do home en todas as vidas existentes no planeta ben merece unha reflexión, sen esquecer as manipulacións nas estruturas xenéticas.
Tampouco é irrelevante eludir que as cousas integrantes do mundo teñen un principio de ascensión e de sínteses, e que a mesma dinámica estrutural do planeta conduce cara a unha adecuada converxencia das mesmas, invitando aos humanos a decidir e non dificultar este proceso, porque é evidente que cando nos empeñamos en ignoralo acabamos desembocando nas crises e na mecanización político-social. Por iso Th. Berry dixo o seguinte: "A GLORIA DA HUMANIDADE CONVERTEUSE NA DESOLACIÓN DA TERRA e A DESOLACIÓN ESTÁ CONVERTÉNDOSE NO DESTINO DA HUMANIDADE... Como podemos dar así sentido as nosas vidas, se rompemos os banzos que nos permiten transcendernos e aldraxamos a propia dignidade?. Si, "aldraxamos a propia dignidade", porque, como di C. J. Glacken (léanse a súa obra "Huellas en las playas de Rodas", Barcelona. Ed. Serbal, 1.996), se ve a humanidade a si mesma como xestora da natureza, o que debería considerarse como unha estúpida vaidade dunha especie que forma parte dela como todas as demais.