Ambigüidade triangular chomskiana (3)
Enfrascouse tamén este intelectual na relixión e chegou a dicir que non sabía moi ben se era ou non ateo, porque non sabia o que tiña que negar ou deixar de crer, e que máis ben era un "ateo secular". E, referíndose ao cristianismo, afirmou que nos tres primeiros séculos era unha relixión "pacifista radical" e que por iso foi perseguida. Era a relixión dos pobres e dos que sufrían; pero no século IV pasou ao Imperio romano e converteuse en relixión dos perseguidores. No ano 2.006 tivo unha conversación con Lawrence Krauss, Dr. en Física Teórica polo ITM, canadiense, e Sean M. Carroll, cosmólogo estadounidense e profesor de física. Explica Chomsky que si nos referimos a relixión en xeral, cada un pode crer o que queira, aínda que sexa irracional, porque todos temos crenzas irracionais, incluso na ciencia, na que non pode probarse nada. Krauss di que o que fan ben as ciencias é demostrar que as cousas son falsas, e Carroll que as ciencias non operan en termos de probas, senón de teorías. Chomsky insiste que nin sequera sabe que é ser ateo. Krauss engade que hai moitos científicos ateos furiosos, e nin se lles ocorreu pensar suficientemente en Deus, e Carroll cre que o ateísmo non consiste simplemente en afirmar a convicción de que Deus non existe, senón a afirmación positiva de que o mundo opera de acordo con leis inmutables da natureza.
Creo pertinente achegarlles máis información nunha temática tan complexa. Chomsky, facendo referencia ao amigo Stephen Jay Gould, di discrepar del cando afirma que a ciencia e a relixión non se superpoñen, xa que o que ocorre é que unha e outra non son conmensurables: Krauss tamén así o cre, engadindo que a relixión é máis ben unha práctica, diferente da mesma teoloxía, e que a mesma Igrexa Católica aprendeu ao largo dos anos que calquera teoloxía sensata debe estar de acordo cos resultados da ciencia. Non obstante, Carroll pensa que esa poderá ser a peor idea de Gould que non se superpoñen , porque a relixión pretende, como a ciencia, a un nivel profundo, explicar como funciona o universo, presentando a existencia dun poderoso Creador sobrenatural. En todo isto hai unha amalgama que trae a palestra cuestións de racionalidade, de lóxica e de ciencia, que Chomsky acolle no sintagma "investigación racional", diremos algo sobre isto, lembrando a amizade que o unía a Leonardo Boff, destacado teólogo da liberación e gran defensor da "intelixencia ecolóxica".
Como aborda isto da "investigación racional" comentando artigos, procuraría ofrecerlles algunha idea del relativa á lóxica, á ciencia, á racionalidade, etc. ; pero no contexto desta amalgama inicia a discusión crítica afirmando que sería necesario coñecer unhas regras básicas, e, posto que el non coñece a resposta tan elemental de como deben as conclusións ser consistentes coas premisas, e ata onde podemos encadear pensamentos como queiramos e chamarlles "argumentos", incluso inventando feitos, semella sentirse aquí desasistido desas regras. O que lle parece que está en discusión é se deberíamos de respectalas, e, se a resposta é afirmativa, a discusión terminou, porque aceptamos implicitamente a lexitimidade da investigación racional. A vostedes, os lectores, estrañaralles este descoñecemento das regras básicas, a min tamén, aínda que talvez queira dicir que, por necesarias que sexan, nas considera lexitimadas.
Outro problema que se lle presenta é a alusión á "ciencia", "á racionalidade",etc., ao largo dos artigos, e di que os obxectivos están duramente criticados, pero non claramente identificados, porque as propiedades que se atribúen a investigación racional son "antitéticas", é dicir, implican antíteses; pero no parágrafo seguinte di que seguramente a súa incapacidade para recoñecer o que aquí se chama "ciencia", etc., reflexa limitacións persoais, e considéroo descoñecido. Todo isto expono, se non me equivoco, para indicar as trabas que el encontra para entrar nesta discusión. E para salvalas, acepta a lexitimidade da investigación racional e o seus canons. Debemos, pois, no sucesivo centrar a nosa atención nas propiedades que van definindo a X (co que designa a todo iso que acepta só PARA intervir na discusión), sen descoidar a tufarada que desprende unha certa ambigüidade, na miña percepción.
Dinos que a categoría X está dominada polo home branco, e enténdase que ven a ser este o que manexa a investigación racional toda, pero dándolle un uso non democrático, posto que "está arraigada no colonialismo capitalista" e así nin pon fin ao racismo nin altera o patriarcado, e acaba utilizándose "para crear novas formas de control mediadas polo poder político e económico". Non obstante, isto non impediu que os "sistemas políticos" utilizaran X con propósitos sorprendentemente destrutivos. Polo tanto, conclúe Chomsky que hai algo malo en X. Así pois, debemos rexeitalo ou transcendelo. "A inconsistencia é sorprendente, aínda que é certo que se debe abandonar ou transcender a coherencia". X tamén é "coñecemento electrónico", obtido por dedución lóxica a partir de primeiros principios firmemente establecidos; pero todos estes coñecementos obtidos por dedución lóxica están máis acó dos que poden obterse intuitivamente, por moito que se describa o subxectivo como irrelevante ou non X, con arrogancia e pretensión de absoluto: O practicante de X elimina o sentimento , recreando ao Outro como obxecto a manipular. A resposta de Chomsky non se deixa esperar, e di: "Estou bastante de acordo en que X debería ser arroxado ás lapas".
É evidente que a súa presión ideolóxica levo a afirmacións como esta: "Os sistemas estatais que utilizan a racionalidade positiva con fins sorprendentemente destrutivos estaban guiados por ideoloxías socialistas e capitalistas", Aquí hai unha referencia ao leninismo e ao "anticapitalismo". Este derrape non parece que sexa pertinente dalo nun ámbito epistemolóxico. Introduce, non obstante, un elemento de verdade na afirmación de que as ciencias naturais están "desligadas do corpo, do pensamento metafórico, do pensamento ético e do mundo". E aínda que a "investigación racional" (a X) está acugulada de metáforas e arraigada no mundo, a súa intención é comprender, non construír unha doutrina que concorde con algunhas preferencias éticas ou doutro tipo, ou que se confunda coa metáfora. Afirma Chomsky, a continuación, que tamén é certo que a razón separa o "real" ou coñecible... e o "non real", ou, cando menos, trata de facelo.
Ocúpase tamén da diverxencia entre as actitudes populares e a ideoloxía dominante, e isto levo a pensar que existe unha base popular para abordar as preocupacións humanas, que, certamente, foi parte do proxecto da Ilustración. E chámalle a atención a falta de participación dos intelectuais da esquerda, o que ven a ser unha evidencia do reflexo da cultura do poder e o privilexio. E estráñoo que non se capta a experiencia de que no activismo popular hai moitas persoas que son capaces de descubrir verdades que ocultan os xestores culturais, en vez de traelas a comprensión xeral, abandonando o campo, e facilitando así que as verdades que algunha vez foron comprendidas desvanécense e a historia queda transformada nun instrumento de poder.