Ambigüidade triangular chomskiana (1)
Vivimos nun mundo de cambios desacougantes, porque os considerados fundamentos esenciais nas estruturas da realidade, social e material, empezan a ser cuestionados e as certezas que apontoaban a súa firmeza cognitiva debilítanse, devindo vacilantes e conxecturais. Isto invita, sen dúbida, a pensar nalgúns intelectuais que, máis ou menos explicitamente, nas súas expresións, evidenciaron un importante desacougo coa situación, incluso intentando racionalizar as súas intuicións ao respecto. Así que decidín consultar as opinións de Noam Chomsky.
En traballos anteriores recorrín a este filósofo norteamericano da orixe xudía, lingüista, escritor e crítico de matiz político, profesor, psicólogo, antropólogo, activista, etc., formado no Instituto Tecnolóxico de Massachutsetts. Talvez conveña apuntar a súa complexidade ideolóxica, como ateísta, esquerdista en liña cun socialismo libertario, e, sobre todo, contrario a toda contenda bélica. Nos seus artigos e libros adoita argumentar tamén contra o sistema capitalista. Toda esta morea de obxectivos intelectuais a tratar levo a ser considerado como un importante intelectual do noso tempo, destacando na profundidade das ciencias cognitivas, opoñéndose ao conductivismo de F. Skinner, principalmente.
Para evitar o que teña de estraño o sintagma que emprego no título, ambigüidade triangular chomskiana, permítanme explicalo aquí. As lecturas ao alcance da miña comprensión dos traballos de Chomsky, suxírenme unha certa ambigüidade, ao menos algunhas delas: empeza facendo categóricas afirmacións que logo matiza suavizándoas e termina establecendo o seu valor simultáneo; e como non encadran no método dialéctico de tese, antítese e síntese, penso que poden substituírse por un esquema triangular, no que os lados representan a postura inicial e a posterior suavizada dela, cunha base conciliadora, sen descartar que esta teña, ás veces, un compromiso ideolóxico.
Aínda sendo un rapaz, publica unha obra titulada Estruturas sintácticas que, segundo os estudosos do seu pensamento, consideran que o contido da mesma derribou os fundamentos do ESTRUTURALISMO e da PSICOLOXÍA CONDUCTISTA, deixando neutralizado o método da aprendizaxe da linguaxe, debido a que el postulaba a existencia dun órgano da linguaxe, un dispositivo especial innato, no mesmo cerebro, que, ademais, levaba consigo esta condición aos principios xerais gramaticais. En definitiva, afirmou a existencia dunha gramática universal. Pero o profesor Daniel Everett descobre nunha tribo o idioma pirahá, que carecía de numeración, tempos verbais e cores, e entraba en contradición coa teoría de Chomsky, que, facendo uso dunha hipóteses xa existente de que a gramática é un sistema combinatorio que permite construír infinitas frases, a partir duns elementos, mediante a aplicación dunhas regras que poden formalizarse, falou da gramática xerativa e formal e cre que as persoas humanas poden proceder subordinando oracións de tal maneira unhas a outras ata acadar complexidade neste medio de comunicación, a diferenza dos animais, e, precisamente por isto, lle deu o nome de gramática xerativa.
El establece a diferenza entre unha gramática mental, con contidos subconscientes, e a descritiva, mediante a que se caracteriza aquela, e fundamenta a orixe da linguaxe na homoxeneidade do xenoma humano, e tamén afirma que desde os nosos ancestrais africanos non houbo ningunha evolución significativa na capacidade da mesma, e as que houbo son saltacionistas. Non obstante, para el a linguaxe é única e diversa, á vez, o que me permite traerlles aquí como base do triángulo da ambigüidade a compaxinación das variedades de linguas ao exteriorizarse esa unidade na Gramática Universal, un sistema computacional innato. Así que a linguaxe non é para este filósofo produto das culturas e mutacións sociais e políticas. E parece que a este galimatías escureceuno a confusión entre a consideración da evolución da linguaxe coa da comunicación humana.
Isto seguramente levou a Chomsky a ensaiar a teoría da descontinuidade evolutiva, enfrontándose á tese dos biólogos darwinistas, e a establecer a teoría dos principios e parámetros, en artigos dedicados ad hoc. Sabido é que o ocuparon as linguas naturais partindo desa gramática universal, propia de todos os seres humanos e enraizada bioloxicamente neles, da que cre que derivan as linguas que existiron e que existen. Entre ambas gramáticas, a universal e as particulares, estable unha certa diferenza: Na universal, xoga a relación dun conxunto de principios, e as segundas están vinculadas as variacións que poden facer as linguas utilizando os parámetros deses principios, xa que elas non son máis que combinacións de elementos finitos, e das que resultan múltiples linguas e idiomas, atribuíndo ao cerebro humano a articulación dos principios e a variación dos parámetros, en función sintáctica.