Alejandro Pin Díaz

Crego

Lembranzas de amigo

Me piden unha curta colaboración para unha homenaxe que uns cantos amigos lle queren facer a Pedro Rubal Pardeiro. Certo que a merece moito pola gran achega con que, a través de escritos e profesorado, mellorou a bisbarra e a educación. Trátase dunha persoa moi polifacética que ofrece diversos ángulos de enfoque, pero eu, debido a esporádica e puntual relación que tiven con el, prefiro deixar a outros os temas de fondo e limitarme a comentar vivencias que por variadas circunstancias e en distintos momentos compartimos.

Coñecín a Pedro por primeira vez no Mosteiro de Poio, aló pola década dos oitenta. Os profesores de relixión de Lugo organizamos un cursiño de verán ó que convidabamos a algún profesor da universidade, e no que mesturábamos horas de reciclaxe formativa con espazos de lecer e praia. Neste cursiño integráronse tamén algúns profesores de Mondoñeo, sendo un deles o señor Rubal, xa entón catedrático de filosofía. A súa presencia era totalmente discreta. Só se asomaba nos diálogos para enriquecelos con atinadas intervencións. Actuaba de tal xeito que nin molestaba nin protagonizaba. Obraba como o sal na comida: sen case significarse aportaba luz e sentido positivo en calquera discusión que xurdise. A pesar de seren poucos os días de convivencia o seu saber deixou en min tal pegada que aínda hoxe me lembro dela e por iso a quero resaltar.

A partires de Poio mantivemos certa sintonía entrámbolos dous e, se non foi máis fonda, debeuse non só a distancia xeográfica, senón tamén a dedicación específica de cadaquén. De todas formas continuamos o trato que, por contar con experiencias similares no eido educativo, fíxose progresivo ata acimar en algúns encontros nos que compartimos mesa e glosamos polo miúdo tanto os seus artigos como as mutuas inquedanzas.

O 16 de setembro do 92 sufrín un contratempo de maior contía. “Tempora si fuerint nubila solus eris”, poetizou Ovidio nas Tristes. No meu caso non se chegou a tanto pero si podo afirmar con Cicerón que “o amigo certo se descobre en situacións incertas”. Este aserto corroborouno Pedro de inmediato. O seu comportamento non foi de esvaemento nin de subirse o carro do vencedor. Tampouco se estancou no lamento lacrimóxeno, senón que me convidou ao seu fogar e no xantar chantoume que a poda nos viñedos, cando as vides dispoñen de bos raigaños, non quedaban esmoucados senón que melloraban en cantidade e calidade. Axiña comprendín que nesta alusión á citada práctica ía un consello de amigo, amigo nobre e leal que me estimulaba e me empurraba cara adiante. Por algo di o Qohelet que “el amigo fiel es de precio incalculable”. Coido que sobran palabras para valorar o clima de amizade que sempre experimentei e vin xermolar ó abeiro desta persoa.

O mesmo talante positivo e de respecto observeino tamén máis tarde lendo a sua obra “Evolución y Complejidad”. Sen entrar a xulgar o seu carácter científico nin a avaliar temas tan actuais como os que expón neste libro, debo suliñar o seu espírito conciliador á hora de afrontar aspectos que se prestarían facilmente á confrontación. E todo iso non por carencia de argumentación nin por ausencia de criterios firmes na súa postura de crente. El camiña, como bo filósofo a carrelo da ciencia, pero sen lastrar o campo do lector de tal xeito que este mantén a liberdade de non enfociñarse na opinión de calquera. Isto non o priva de que, cando o considera oportuno ou necesario, non faga unha defensa nidia e sen paliativos das verdades e dos principios que constitúen os piares da cultura occidental.

Remato estas verbas reiterando que quizais un dos meirandes haberes que se agochan na personalidade de Pedro Rubal é a lealdade que subxace en todo o que acomete e fai cos e polos amigos. Por iso lle manifesto aquí o meu recoñecemento sincero e a ledicia por participar nesta honra.