O Colectivo Egeria pon en marcha a web sobre Pedro Rubal
Nacín o 14 de Xulio de 1.931, no lugar da Costoira, parroquia de Castro de Ouro, concello de Alfoz. Meu pai, Jesús Rubal Uz, era labrador e zoqueiro, e miña nai dedicábase as labores propias da casa, pero tamén axudaba nas fincas. Fun fillo único, razón pola cal podían permitirse algún gasto comigo, posto que a era unha familia humilde. Unha pequena saída era o oficio de meu pai, que alternaba coa agricultura.
O ambiente da casa, que era a de meu avó, Mariano Pardeiro, Mariano da Costoira, era favorable a lectura, porque el era o Carteiro de Alfoz, e alí viñan a recoller o correo os carteiros parroquias, principalmente os das zonas montañesas, como Pereiro. E na estafeta reuníanse a hora do despacho da correspondencia, dos periódicos, dos xiros que viñan dos países americanos da emigración, etc., as persoas destacadas de Alfoz, familias dos Mel, dos Abella, mestres e cregos, que non regateaban toda clase de comentarios. Eu era un neno, que aínda non empezara a escola; pero ía con meu avó e sempre oía algún eloxio, que, como non se tratara de moedas, non regateaban.
Talvez conveña engadir a todo isto que meu avó tiña uns canteiros que lle axudaban a arranxar e construír algunha casa, unhas irmás que tiña en Madrid fixérono cuns libros de veterinaria, e utilizábano de menciñeiro do gando, que lle proporcionaba moitas amizades. Diñeiro supoño que non, nin incluso a súa condición de contratista de obras lle debía de dar moitas ganancias, porque na casa vivíase sen demasiada acomodo. E explico todo osisto porque era o medio familiar no que eu me criei.
Os seis anos comecei a escola, ía ao lugar da Seara, onde un mestre , que era tamén alcalde, cumpría mellor co aparato burocrático que coas súas obrigas de docente. Meu pai non estaba moito de acordo, e empezou a mandarme a unhas clases particulares, e tamén el, no que sabía, explicábame. As enciclopedias de Dalmau ías manexando. E así seguín ata que decidiu enviarme a unha academia na que impartían clases de bacharelato. Alí estiven ata que aprobei o ingreso e os tres primeiros anos. Logo pasei a un mestre que poñía clases particulares, e era un bo matemático, e as clases dun capitán de mutilados, D. José Palmeiro, que foi alcalde de Alfoz, Licenciado en Ciencias Químicas, e con eses profesores terminei o bacharelato dos sete anos e fixen a Reválida Universitaria, na Universidade de Santiago, con nota.
Meus avós morreran e meu pai e miña nai quedaron na casa e tiveron que entregar fincas en herdanza as fillas e ao fillo do avó que xa había anos que estaban nas súas vidas particulares. Así, pois, se engadimos que meu pai enfermou aos cincuenta anos de Alzheimer, a situación económica non lles permitía sosterme en Santiago, por oficial, empecei Dereito por libre. Superei o primeiro ano, co oso do Dereito Romano; pero había que traballar en algo para atender a vida, así que decidín facerme Procurador dos Tribunais, preparando os dous anos de prácticas e teoría. Os exames eran na Audiencia Territorial da Coruña. Supereinos (non era moi difícil) e acto seguido matriculeime como, e empecei a traballar. Certamente nunca me gustou esa profesión, e unha anécdota explica que me pasara a Filosofía e Letras.
A anécdota é a seguinte: Con motivo dunha reunión dos procuradores de Lugo, creo que para elixir decano, encontreime con Manuel María, que nin o coñecía nin sabía que traballaba de procurador en Monforte, ademais de rexer unha librería. Supoño que falamos da profesión e eu talvez lle confesei que non estaba nada contento con ela. Recordo que me aconsellou que entón debía deixar Dereito e estudar Filosofía e Letras. Reconsiderei o consello e fixen a licenciatura aconsellada, e como en aquela sazón non existía xa a posibilidade de estudar por libre, optei pola oficial dispensada de asistencia a clase por razóns de traballo, que había que acreditar. Era moi aceptable, porque gozabas de todos os dereitos como os oficiais e non che poñían falta por no asistir á clase. Terminei a carreira, e exercín cinco anos como interino, porque non convocaban oposicións. Logo opositei a agregado e levei praza. Elixín Ribadeo para seguir na casa, pasei alí creo que 12 anos, convocaron cátedras, entre elas unha no Instituto de Mondoñedo, conseguina e aí me xubilei.
Polo que respecta a miña afección a escribir, xa desde mozo fun correspondente de La Voz de Galicia, e aínda conservo o carné e a medalla de prata que me concederan. Un director, cuxo nome non recordo, e so sei que tamén despois foino do Progreso, invitoume a incorporarme na Coruña, onde se encargaba de buscarme un posto, pero no podía deixar aos meus pais. Tamén colaborei no Progreso, na Revista dixital “Tendencias21”, e son autor de dous libros, “De Maquiavelo a Wallraff. Dos víctimas de la hipocresía ajena” e “Evolución y complejidad. Perspectivas científica y metacientífica”, e teño outro pendente na imprenta.
O “Consejo General de los Ilustres Colegios de Procuradores de España” outorgoume o DIPLOMA e a MEDALLA ao MÉRITO PROFESIONAL, o 24 de outubro de 1.991, en Madrid. Unha representación entregoumo en Lugo nunha celebración.
O concello de Alfoz nomeoume FILLO PREDILECTO DO CONCELLO, o 18 de setembro de 2.010. E fíxome entrega do correspondente diploma nunha celebración ad hoc.