Falar dos pais, dos fillos ou de calquera outra persoa coa que temos uns vínculos moi estreitos non resulta doado. Acórdasenos a pregunta que sempre nos facían cando éramos uns nenos: “A quen queres máis, a teu pai ou a túa nai?“
Son moitas as cousas que queres dicir e non sabes que destacar, mais imos intentalo. Falaremos dalgunhas experiencias con nosos pais, en plural, xa que non se pode pensar nun sen o outro. Complementábanse sempre moi ben, cando un se cabreaba o outro trataba de “templar a gaita” para que a cousa non fose a máis.
Na casa da Costoira temos os primeiros recordos con nosos pais e avós: As reunións -con outros familiares ou amigos- polas noites na lareira, as esfolladas, os regalos dos reis (que eran tan reais que hasta as pisadas dos camelos aparecían xunto as fiestras), dos viaxes en Guzzi dos catro (nosos país e máis nosoutros), das festas de San Salvador...
Aos poucos anos deixamos A Costoira e fomos vivir á Seara. Repítense as lembranzas, mais de outra maneira, había que ir a escola! Xa unha gran parte do día pasábamola cos nosos compañeiros de clase, os pais e avós pasaron a ter competencia con outros. Principian aquí unhas aventuras das que temos uns grandes recordos: as viaxes, no verán, por España. Quen non se pode lembrar das noites de calor durmindo na bañeira dos hoteis, da visita ás covas de Nerja, onde tivemos que pelexar cun gato que non quería deixar o motor do coche, da desaparición dun xamón derretido pola calor, do troco de chourizos galegos por produtos do lugar...
Nosos pais aprendéronnos moitas cousas, viviron unha etapa da historia de España moi complexa e trataron de “predicar co exemplo” para que nosoutros tomáramos boa nota do camiño que tiñamos que facer, supoño que non sempre ben acollido pola nosa parte (como por outra banda correspondía á idade que tíñamos). Mais, pasado o tempo, sentímonos moi agradecidos e orgullosos por toda o sua teima.
Déronnos exemplo de esforzo e de constancia cando se quere conseguir algún obxectivo. Noso pai comeza, exercendo de procurador, a súa carreira de filosofía. Tiña que desprazarse a Santiago (cando a viaxe duraba case cinco horas) case todas as semanas, primeiro en moto e logo en coche. Acompañábao case sempre a nosa nai e nós quedabamos cos avós. Foi un esforzo moi grande para os dous durante seis ou sete anos, cando case as horas do día non lles chegaban para nada. O mesmo tempo meu pai daba clases particulares na Caseta -recinto a carón da igrexa de San Pedro-, axudado por Xosé Antonio Pardiñas. Co tempo fómonos incorporando algún máis. A todo isto había que engadirlle que meu irmán e mais eu faciamos o Bacharelato por libre, o que lle supoñía un novo esforzo. Logo de rematar a carreira empezou unha nova teima, había que enfrontarse ás oposicións. Lembramos moito estes intres en que nos levantábamos polas mañás a facer ximnasia, para o asombro de meu avó, que dicía que estabamos tolos. Que aos seus noventa anos siga traballando coa mesma ilusión exemplifica o que foi e segue a ser a súa constancia na mellora do seu coñecemento.
Tamén nos ensinaron o valor da responsabilidade. Acordámonos que nos dicían que se poden cometer erros, pero que logo deben afrontarse as consecuencias por moi dolorosas que sexan, algo que tanto meu irmán coma min tivemos moi en conta nos estudos e nos nosos traballos.
A importancia da familia tamén foi outro valor que vivimos moi presente en nosos pais. Os coidados aos nosos avós foron sempre unha prioridade e un exemplo do que se debe facer, por parte de miña nai que tiña que estar con eles todo o día e tamén por parte de meu pai, que unha vez que saía de traballar no instituto viña para axudala. Pasaron, case a renglón seguido, de coidarnos a nós a coidalos a eles. En fin, toda unha vida de sacrificios en favor dos seus seres queridos, descoidando incluso as súas vidas.
Pensar que a pesar de todos estes sacrificios, noso pai foi capaz de chegar a desenvolver un nivel intelectual elevado e que nosa mai soubo acompañalo sempre, é algo que nos enche de alegría, de satisfacción e de orgullo. Esperamos seguir gozando por moito tempo da sua compañía.
Fillos e noras de Pedro e Carmen.